O ferrolán Jesús Ordovás, leva a exposición "25 Años de POP con Rádio3" á súa cidade natal

A exposición que se atopa na Coruña ata o 24 de febreiro inaugurarase no Ateneo Ferrolán o 28 de febreiro às 18:30hs.

Un mes logo de impartir unha conferencia sobre a música pop dos últimos anos, Jesús Ordovás volve á súa cidade natal, Ferrol, para inaugurar a exposición 25 Años de Pop con Radio3. Esta exposición poderase visitar no Ateneo Ferrolán do 28 de febreiro ao 23 de marzo. Trátase dunha mostra multimedia que permite aos seus visitantes achegarse e rememorar unha época moi importante na nosa cultura musical: os anos 80, 90 e principios do século XXI. Grupos como Sinistro Total, Radio Futura, Alaska e os Pegamoides, Almodóvar e Mcnamara ou, máis actualmente, o ferrolán Carlos Jean marcaron unha forma de facer música onde a imaxinación, o descaro e a orixinalidade son a súa principal carta de presentación.

A exposición recolle parte da colección de fotografías, carteis, flyers, fanzines, discos, libros, etc. que Jesús Ordovás recompilou durante os seus máis de 25 anos á fronte do mítico Diario Pop de Radio3. Componse de varios apartados, organizándose a través tanto de material gráfico como de ferramentas multimedia e interactivas que permiten ao visitante descubrir a exposición en función dos seus intereses e a súa curiosidade.

Jesús Ordovás

Nos módulos audiovisuais o visitante pode navegar por programas de televisión dos 80 e 90, videoclips musicais e diverso material audiovisual sobre a riqueza creativa desa época musical que se iniciou nos oitenta e chegou ata os nosos días. Ademais, pódense realizar audicións de discos do momento e ata atreverse a xogar a un trivial musical ou a emular a estes grupos cantando nun karaoke. 25 Años de Pop con Radio3 é unha exposición que non deixará indiferente a ningún visitante.

Esta exposición foi organizada polo Museo Interactivo da Música, Radio Nacional de España Radio3 e o Concello de Ferrol, coa colaboración do Ateneo Ferrolán, o Diario de Ferrol e Playstation2.

Jesús Ordovás, Pedro Almodovar e Carlos Juan Casado en ROCKOLA

0 comentarios :

Related Posts with Thumbnails