Caderno nº 19: A construcción naval na Ría de Ferrol

PRESENTACIÓN: VENRES día 8 de MAIO ás 20h.
CADERNO ATENEO FERROLÁN Nº 19:
“A CONSTRUCIÓN NAVAL NA RÍA DE FERROL”
Entendemos que este principio do século XXI representa para Ferrolterra a fin dun longo proceso industrial, ou dunha boa parte del.

Logo de sucesivos períodos de alta e baixa actividade, parece que é unha evidencia irreversible que a construción naval civil na Ría de Ferrol deixará de ser como foi a actividade industrial principal e o motor do desenvolvemento desta comarca.

Admitido isto, con todos os matices e condicionamentos que queiran contemplarse pareceunos obrigado, no ATENEO FERROLÁN, presentar un resumo global desta espectacular historia nun singular entorno como é a Ría de Ferrol.

Ambicioso reto o que tiñamos diante, sobre todo para recoller e sintetizar todo un caderno con suficiente nivel profesional, técnico, didáctico e histórico. O nivel ofrécenolo os contidos aportados por un conxunto de colaboradores xa habituais destas publicacións periódicas da nosa Entidade.

Co fin de coñecer o marco da actividade naval na ría, situar os centros de produción e a produción mesma no espazo e no tempo, engadimos nesta breve presentación:
  1. Un esquema da Ría situando os diversos centros de construción naval.
  2. Unha listaxe cronolóxica da actividade construtora ao longo de case tres séculos.
Ao longo dos capítulos vaise facendo un relato e descrición do entorno tanto físico/xeográfico, como antropolóxico e social, así como unha análise do factor humano (Cultura do traballo) e o comportamento sindical.

O corpo central dedícase ao relato específico da actividade, instalacións, grandes fitos históricos, procesos e evolucións até o tratamento final das crises.

Ao remate, unhas atrevidas pero non novidosas proposicións cara ao futuro e un chamamento moi interesante á consideración, respecto e valoración do Patrimonio Industrial.

Péchase o traballo cunha abundante bibliografía que pode servir para documentar e ampliar información sobre aspectos ou etapas desta ampla e apaixonante historia.

A idea de dedicarlle un CADERNO extraordinario á Construción Naval na Ría de Ferrol, por mor dun “final de ciclo” como inevitablemente pode cualificarse ao que está a suceder con esta actividade nestes comezos de século, foi moi ben acollida pola Xunta Directiva do Ateneo Ferrolán, hai algo máis de dous anos.

A idea interesante e moi ambiciosa resulta excesivamente ampla para acomodala nun documento de amplitude aproximada dos xa publicados.

O último caderno “Ferrol, Cidade da Ilustración” oportuno, necesario e moi valorado xa supuxo un salto importante en canto ao volume habitual destas publicacións.

Despois de valorar, sopesar, analizar moitas posibilidades, decidimos botar a andar esta iniciativa, conscientes da necesidade de deixar lagoas e espazos baleiros neste intento de acomodar nunha soa publicación unha longa actividade de séculos que nos últimos 50 anos acadou cotas punteiras a nivel mundial.

O resultado, consecuencia de convencer e comprometer a un excelente equipo de colaboradores, pensamos que é suficientemente digno e rigoroso, e que valeu a pena o esforzo, admitindo que nalgúns apartados ou etapas da historia cabe un maior desenvolvemento ou concreción de detalle, ou incluso dedicarlles un estudio específico, tempo haberá.

Nesta presentación e na liña de máxima sintetización, o primeiro é agradecer profundamente a participación de todos cantos colaboraron na obra, os que figuran e os que non aparecen.

0 comentarios :

Related Posts with Thumbnails