"As eleccións galegas de 2009: unha análise sociolóxica do seu significado político" por Fermín Bouza

O sábado 4 de abril as 20 horas. no Ateneo Ferrolán, presentado por Xosé Leira, estará Fermín Bouza con unha conferencia titulada "As eleccións galegas de 2009: unha análise sociolóxica do seu significado político".

Fermín Bouza (Santiago de Compostela, 1946), Catedrático de Socioloxía (Opinión Pública) na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid. Traballa sobre Opinión Pública, Comunicación Política e Socioloxía Electoral. E membro fundador de ACOP (Asociación de Comunicación Política) e forma parte da súa directiva. Tamén escribe textos literarios, particularmente en galego (o libro de poemas Labirinto de Inverno, en galego, foi Premio da Crítica Española). Publicou libros e artigos da súa especialidade (ver páxina de publicacións accesibles) e colabora en diversos medios sobre eses mesmos temas. Vive en Madrid desde 1969, onde chegou escapando da policía para evitar a deportación.

O seu blog: votoconbotas.trincheradigital.com/

Concerto de Guitarra Clásica por Alba López Sánchez

Alba López Sánchez (Ferrol, 1981) finaliza grao medio Loxse no Conservatorio Oficial de Música de Ferrol en xuño de 2001 na especialidade de guitarra clásica. En setembro do mesmo ano comeza os seus estudios de grao superior no COSMAC con Antonio Rocha e Rodolfo García rematando en xuño de 2005. Prosegue o estudio de interpretación guitarrística co concertista Ramón Carnota e en 2007 trasládase ao Conservatorium van Amsterdam para estudar con Lex Einsedhart un máster en interpretación. Durante o ano 2009 estuda tamén na Hochschule für Musik “Franz Liszt” en Weimar, Alemaña con Thomas Müller-Pering.

Perfecciona os seus estudos cos guitarristas Margarita Escarpa, Miguel Trápaga, Ana Jenaro, Gerardo Arriaga, Miguel Ángel Jiménez Arnaiz, Zoran Dukic, Carles Trepat, Alberto Ponce, David Russell, Alex Garrobé, Marco Socías, Ricardo Gallén, Carlo Marchione e Darko Petrinaj, asi coma cos compositores Jorge Cardoso e José Manuel Fernández.

Como solista participa na II, III e IV Mostra de Xoves Intérpretes de Vilagarcía de Arousa (2003, 2004 e 2006) e no Concerto Homenaxe á premio nacional de poesía Julia Uceda en Ferrol, (novembro de 2003). En música de cámara destaca o dúo coa soprano Patricia Rodríguez Rico e o trío de guitarras Banora cos que ofreceu varios concertos en localidades coma Ferrol, Vilagarcía de Arousa ou Laracha, así coma concertos didácticos en institutos de educación secundaria. En maio de 2008 é invitada a tocar no Ateneu Tatarasi en Iasi, Romania e Amsterdam. En xuño de 2008 da un recital na Gallery Chief and Spirits na Haya.

Destaca tamén a súa participación no proxecto audiovisual "Mulheres na mitología" (concello de Fene, marzo de 2001) e no concerto "Mulheres a un tempo, tempo de mulheres" do concello de Ferrol en decembro de 2000.

Programa da actuación do venres 3 de Abril ás 20hs. no Ateneo Ferrolán

  • Fantasia X. Luys de Narvaez (c. 1500 – 1555/1560)
  • A Fancy. John Dowland (1563 – 1626)
  • Sonates. Scarlatti. (1685 -1757)
  • Rossiniane nº2 Op.120. Mauro Giuliani (1781-1829)
  • Preludio, Fuga e Allegro. J.S. Bach (1685-1750)

Video da actuación de Nelson Quinteiro no Ateneo Ferrolán

Video da actuación de Nelson Quinteiro no Ateneo Ferrolán


Nelson Quinteiro en concerto from Nelson Quinteiro on Vimeo.

Nelson Quinteiro, ofrecerá un recital-monólogo baseado na voz polo Día Internacional do Teatro

O venres 27 de marzo ás 20:00 horas., e con motivo da celebracion do Día Internacional do Teatro, teremos no Ateneo Ferrolán, a Nelson Quinteiro que ofrece un recital-monólogo baseado na voz.

Encadrado dentro da música tradicional fai unha reinterpretación intrahistórica sobre as letras do cancioneiro tradicional acompañadas de monólogos e xogos de interacción co público.

Cunha potencia de voz moi destacable e unha sólida actividade escénica e creativa, Nelson Quinteiro ofrece un concerto íntimo con músicas que van dende José Afonso e cantigas portuguesas a cantigas tradicionais que falan de conserveiras, de redeiras, de canteiros ou outros gremios da nosa tradición.

Musicalmente basease no sampleado de instrumentos e voces rítmicas e melódicas en directo mediante pedais de loops, delays e efectos sonoros, ademais de gravacións de sons artificiais.

Neste concerto amósase a verquente máis íntima e personal deste artista, que noutros eidos destaca como director de iniciativas como o Festival Galego de Cabaré ou da Compañía Femme Fatale.

+ Info en www.myspace.com/cantareiro

Presentación do libro "Los lobos del centeno" de Francisco Narla e coloquio sobre "Mitos e lendas Galegas"

O mércores 25 de Marzo ás 20 horas. no Ateneo Ferrolán, presentarase o libro "Los lobos del centeno" de Francisco Narla.

Poderíamos dicir que a novela e unha novela de terror, ou terror-misterio, aínda que a vez dotada dun profundo costumbrismo. Está ambientada na Galicia profunda da primeira metade do século pasado, onde un mal acecha aos lugareños, lobisontes, meigas, a Santa Compaña… todos estes mitos e lendas galegas cobran vida, aínda non faltos dun enfoque científico.

O autor, Francisco Narla, e galego, que aínda que xa escribiu e publicou, outras cousas, como relatos e ensaios técnicos, publica por primeira vez unha novela. A súa profesión, principal, e a de piloto de liña aérea, no deserto do Mojave, mentres voaba bimotores lixeiros, onde xorde, da “morriña” que sentía, o xerme de Los Lobos del Centeno.

Web do autor: www.francisconarla.com
Web da novela: www.loslobosdelcenteno.blogspot.com

A continuación o coloquio sobre "Mitos e lendas Galegas", no que participarán:

  • FRANCISCO NARLA (Autor do libro presentado)
  • ANA CARRACEDO FOLGAR (escritora)
  • ANDRÉ PENA (arqueólogo e historiador)
  • CALROS SOLLA (escritor)
  • ESPERANZA PIÑEIRO DE SAN MIGUEL (historiadora)

Conferencia e proxección do documental "Astano, a forxa dun soño"

O luns 16 Marzo, ás 20 horas no Ateneo Ferrolán, terá lugar a conferencia e proxección do documental "Astano, a forxa dun soño", producido por Zenit Tv que narra a historia do estaleiro ferrolán, o documental contou coa participación da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, NAVANTIA e o Concello de Fene.

“ASTANO, A FORXA DUN SOÑO” conta a historia dun dos máis grandes proxectos industriais galegos: ASTANO.

A industria naval é unha das máis globalizadas, complexas e estratéxicas do mundo. En Galicia existe construción naval artesanal desde a noite dos tempos, e Vigo e Ferrol foron os polos deste desenvolvemento naval. No caso de Ferrol existen desde o século XVIII uns estaleiros militares, xerme do que máis tarde serían BAZÁN e ASTANO, e actualmente é NAVANTIA.

Desde a perspectiva actual, parece que os xigantescos estaleiros de ASTANO foron unha fantasía, case unha lenda, unha realidade esquecida polos que viviron hai máis de vinte anos a súa crise, e descoñecida polas novas xeracións que escasamente saben da súa importancia por referencias.

O documental “ASTANO, A FORXA DUN SOÑO” recupera esta historia, unha historia fermosa da que se pode aprender para o futuro. ASTANO naceu como un soño: crear unha gran industria naval civil nun momento difícil, en plena II Guerra Mundial. O seu fundador José María González-Llanos, un experto enxeñeiro naval, decidiu afrontar no ano 1941 esta aventura empresarial con modestos recursos. ASTANO constituíuse como sociedade limitada e iniciou a súa andaina cunha trintena de traballadores, moitos deles socios fundadores.

Tras estes modestos comezos, nos que se construían pesqueiros de madeira, o éxito sorriu por fin á empresa. Nos anos sesenta ASTANO rivalizou cos grandes estaleiros do mundo.

A pesar da crise que sufriu o estaleiro a partir dos anos setenta, a historia de Astano é brillante, chegando a ser unha empresa innovadora e influinte no campo da construción naval. Ademais, creou unha gran riqueza, convertendo a Ferrolterra na comarca máis próspera de Galicia, e fixo que centos de galegos do rural conseguisen un traballo digno e unha capacitación profesional preto dos seus fogares, nun momento en que a emigración cara a Europa e o resto de España asolaba o campo galego.

O contexto histórico

A sucesión de imaxes e as intervencións que recordan o liderado de Ferrol na construción naval mundial naqueles tempos, é definitiva para dar fe da magnitude dos logros acadados por un grupo de homes e mulleres nunha zona onde ninguén podería imaxinar unha empresa similar. As grandes moles rompendo a ría de Ferrol, a presenza de expertos de todo o mundo nas botaduras, e a valoración de expertos en construción naval do que significou Ferrol para a industria, definen a magnitude da propia historia que se narra no documental.

Exposición colectiva “REENCONTRO”

O venres 13 as 20,30 horas celebraremos a inauguración da Exposición colectiva “REENCONTRO” de pintura, escultura e fotografía.
A exposición estará no Ateneo Ferrolán do 13 de Marzo ate o 2 de abril.

Organiza:
AGAEC (Asociacion Galega de Arte e Cultura)
Participan:
CHUCA GARROTE, SALANOVA, MANUEL NIETO, LAIÑO, TERESA AÑÓN, ESTHER MOLINERO, SABELA CASTRO, Mª CARMEN CALVIÑO, PEPA MARIÑO, Mª CARMEN TORRES, ESTRELA RÚA, JULIO MIRAS, FRAN LAREO, MERCEDES GROBA, PILAR FEAS, ISABEL GONZÁLEZ, AURORA G. POMBO, CARMEN SEVILLANO, PURI GALIÑANES, MARINA COCOS, JAVIER REIRIZ.

Conferencia e presentación do Libro:

Auge y decadencia. Desarrollo económico, cultural y educación en Ferrolterra durante el Antiguo Régimen. de Alfredo Martín García. Serie Galicia Histórica.

Imparten a conferencia:

  • EDUARDO PARDO DE GUEVARA.
    Director do Instituto de Estudios Galegos "Padre Sarmiento".
  • ALFREDO MARTÍN. Autor do libro.
No Ateneo Ferrolán o xoves 12 de Marzo ás 20hs.

Related Posts with Thumbnails