IX Xornadas "Mostra de Curtametraxes"

A celebrar os días 21, 22 e 23 de decembro no Ateneo Ferrolán.

Os días 21, 22 e 23 de decembro de 2009, levaranse a cabo no Ateneo Ferrolán ás IX XORNADAS DE MOSTRA DE CURTAMETRAXES, comezadas no ano 2001 con grande interese do público en xeral.

Nestes días amosaremos curtametraxes e creacións de cineastas, case que sempre noveis, e con especial atención aos cineastas galegos e galegas en especial.

O OBXECTIVO é dar a coñecer a un público amplo a calidade e variedade das curtametraxes, sobre todo das galegas. Estas xornadas están a converterse nun referente, por ser un esforzo realizado para divulgar a produción de curtametraxes, que en moitos casos fica agochada. Trátase de acceder a unha parte do audiovisual que atesoura gran calidade.

Facemos un chamamento a todas as persoas que queiran participar nestas xornadas, nos acheguen os seus traballos en formato DVD ou se poñan en contacto con nos antes do día 15 de novembro para poder engadilos ao programa deste ano.

Admítense curtametraxes de ficción, de animación, ...

GRAZAS POR PARTICIPAR!

Novas do 19º Concurso Internacional de Gaita Galega "Constantino Bellón"

FERROL a 1 de setembro de 2009

Rematada a festividade de San Ramón e ante as non respostas e confirmacións oportunas por parte dos organismos oficiais dos apoios económicos que aportarían para esta 19ª edición e poder así celebrala en outubro, a Xunta Directiva do Ateneo Ferrolán, logo de 18 anos ininterrompidos, lamenta COMUNICAR que, a pesar das inmensas xestións realizadas para subsanar esta anomalía, o 19º Concurso Internacional de Gaita Galega "Constantino Bellón" non se celebrará no ano 2009.

Así mesmo e, polo respecto absoluto que se merecen os participantes, resolvemos DEVOLVER os traballos presentados polos concursantes para esta 19ª edición, xa que entendemos que logo dos esforzos e tempo que supón prepararse para poder participar neste Concurso Internacional, manter bloqueadas os meses que sexa as partituras presentadas non seria de xustiza.

Por outra banda, alertar a todos os membros do colectivo cultural galego de que a perda, aínda que só temporal, de plataformas de expresión cultural como o "Concurso Internacional de Gaita Galega Constantino Bellón" son totalmente inxustificables; e que os apoios institucionais son imprescindibles máis que nunca nestes tempos de dificultades económicas.

A Xunta Directiva do ATENEO FERROLÁN

Antón Alonso Ríos, O siñor Afranio

A exposición itinerante "Antón Alonso Ríos, O siñor Afranio" chega a Ferrole permanecerá na Sala de Exposicións do Ateneo Ferrolán [2ª Planta] ate o 15 de setembro.

Informacións xerais:
A exposición biográfica sobre o mestre galeguista, escritor e político silledense está comisariada polo historiador e biógrafo, Bieito Alonso.

Colaboraron no proceso de documentación e apoio moitas persoas relacionadas dalgún xeito coa figura de Alonso Ríos e 15 colectivos culturais, entre eles e da nosa zona: A Comisión pola Memoria "Siñor Afranio" e Adellís Asociación Socio-Cultural de Silleda.

Esta exposición enmárcase dentro dun proxecto moito máis ambicioso denominado "Roteiro do Afranio" para difundir a personalidade do primeiro Deputado agrarista da historia de Galiza. que recollerá unha web biobibliográfica sobre o autor; un roteiro desde Tui até a Serra da Peneda en Portugal, percorrido de Alonso Ríos desde o verán de 1936 e até 1939, escapando das "gadoupas da morte" do Alzamento fascista e unha guía de turismo cultural e mesmo un filme documental titulado "Afranio", que recentemente foi premiado como mellor documental nos Mestre Mateo.

Características:
A exposición consta de 37 paneis divididos en 3 fases vitais de Alonso Ríos:

  1. 1887-1936: O nacemento en Camporrapado-Cortegada-Silleda, a mocidade, a emigración á Arxentina e o regreso coa instauración da IIª República.
    Actividade como activista agrario e político galeguista.
  2. 1936-1939. O siñor Afranio. As peripecias que tivo que pasar fuxindo polos Montes das provincias de Pontevedra e Outense até pasar a Portugal e exiliarse en Arxentina, como esmoleiro chamado o Siñor Afranio de Amaral
  3. 1939-1980. Exilio definitivo en Bos Aires, onde chegará a ser o secretario xeral do Consello de Galiza, auténtico goberno galego no exilio, e o último dos patriarcas do nacionalismo histórico en desaparecer.


Máis info en Sinhorafranio.com

Related Posts with Thumbnails