Cesión de fondos de Jaime López Fernández á Hemeroteca do Ateneo Ferrolán. Luns 16 ás 20,30 h,

 Ateneo Ferrolán
Cesión de fondos de Jaime López Fernández á Hemeroteca do Ateneo Ferrolán
O Ateneo Ferrolán está promovendo unha campaña de donación de fondos bibliográficos e hemerográficos con destino á recuperación da actividade da súa biblioteca e hemeroteca, no entanto o Concello non asuma os gastos derivados da obra de rehabilitación que promoveu, permitindo o retorno dos fondos propios do Ateneo.
Aos chamamentos do Ateneo respondeu o bibliófilo e investigador Jaime López Fernández cunha importantísima cesión de fondos hemerográficos históricos e contemporáneos, entre os que están as seguintes cabeceiras:
  • "El Practicante Galaico" (publicación editada en Ferrol entre 1926 e 1930)
  • "Diario de Ferrol" (de xuño 1999 a actualidade, de xuño 1999 a xaneiro 2005, encadernados)
  • "La Voz de Galicia" (de 1999 a xuño 2003)
  • "El Correo Gallego" (de 1946 a 1968, faltan anos 1950/1953 e 1954).
  • "Galicia en el mundo" (de 1999 a 2001)
  • "Nuevo Mundo" (1909)
  • "El Mundo Ilustrado" (28 de xuño de 1908)
  • "Por esos Mundos" (1905)
  • "Revista de la Sanidad de la Armada" (marzo de 1928)
  • "Galicia hoxe" (de maio 2003 a xaneiro 2005)
  • "Vida Marítima" (de 1904 a 1925, faltan 1906, 1907 e 1919)
  • "Diario Oficial de Marina" (de 1900 a 1985)
  • "Revista General de Marina" (de 1895 a 1999)
  • La Ilustración Artística" (de 1884 a 1916, faltan 1889 a 1908, 1910, 1911, 1912 e 1914)

Esta donación completouse cunha Enciclopedia Espasa de inicios do século XX. Cumpre salientar ademáis que boa parte das publicacións periódicas están encadernadas e, en xeral, en moi bó estado de conservación.
A incorporación destes fondos á Hemeroteca do Ateneo Ferrolán permite volver a ofrecer un completo servizo de hemeroteca, coa consulta en sala das edicións impresas destas publicacións e a consulta en ordenador das coleccións propias do Ateneo Ferrolán, dixitalizadas grazas a un convenio coa Fundación Barrie. Nun futuro non moi lonxano, contamos con poñer en marcha unha hemeroteca dixital na que se poidan consultar as coleccións dixitalizadas desde calqueira lugar do mundo.
Para a xunta directiva do Ateneo Ferrolán é unha enorme satisfacción poder ofrecer ao público en xeral este servicio de hemeroteca, que consideramos indispensable tanto para calquera traballo de investigación histórica como para a consulta puntual de datos de carácter histórico, xenealóxico ou para facer a crónica do noso pasado máis recente.
Queremos agracecer públicamente a Jaime López Fernández a donación destes fondos ao Ateneo Ferrolán, por varios motivos: en primeiro lugar, queremos salientar a importancia da súa preocupación por conservar, tratar e organizar toda esta colección de fondos hemerográficos, salvándoos do deterioro e a destrucción que afecta a boa parte do noso patrimonio bibliográfico e hemerográfico; en segundo lugar, pola súa xenerosidade ao poñelo á disposición do público en xeral mediante a cesión ao Ateneo; e en terceiro lugar, por confiar no Ateneo Ferrolán como lugar axeitado para a conservación e posta en servicio destas importantísimas coleccións.
Por todo elo imos facer patente o noso recoñecemento e agradecemento a Jaime López Fernandez, coa celebración dun acto solemne de entrega dos fondos hemerográficos, o vindeiro luns 16 de xuño de 2014, na Biblioteca do Ateneo Ferrolán, ás 20:30 horas.
Non queremos esquecer aos tres centenares de socias e socios do Ateneo que coas suas cotas permiten a continuidade deste servicio para todo o público, e que como colectividade está facendo un enorme esforzo de realización de actividades neste ano 2014. Tamén desexamos lembrar que a biblioteca do Ateneo Ferrolán está tamén en funcionamento hai xa algún meses, grazas ás donacións que autores e editores teñen feito nos últimos tempos, e moi especialmente, pola xenerosidade dun grupo de traballadores do Banco Pastor, que donaron a biblioteca que mantiñan na sede desta institución financieira ao Ateneo Ferrolán.
Para nós é unha grandísima alegría que o Ateneo Ferrolán continúe mantendo a tradición de ser un espazo que sirva para concitar as iniciativas xenerosas e altruistas, como a de Jaime López Fernández. E pola nosa parte, agardamos volver a converter o Ateneo nun referente nas tarefas de conservar, construir, lembrar, comunicar e crear cultura en todas as súas formas de expresión.
Somos cultura!!!
A xunta directiva do Ateneo Ferrolán
Ferrol, 12 de xuño de 2014



Campaña de APOIO e DEFENSA do Ateneo. Patrimonio da cidade
APOIA e DIFUNDE!

https://www.facebook.com/pages/Salvemos-o-Ateneo/1430118530577463?ref=hl

http://salvemosoateneo.blogspot.com.es/p/o-ateneo.html







0 comentarios :

Related Posts with Thumbnails