Exposición Fotográfica "12 ollos 24 miradas"


Exposición Fotográfica "12 ollos 24 miradas"

Do 1 ao 30 de outubro de 2014 nas salas de exposicións do Ateneo

Inauguración mércores día 1 de outubro ás 20,30 h. 
Contaremos coa presenza dos fotógrafos participantes. Entrada libre.

Curso Iniciación á Fotografía. Matrícula aberta.




Curso Iniciación á Fotografía

Impartido polos fotógrafos profesionais: Xoel Rodríguez e Fran Nieto.
Todos os venres dende o día 3 de outubro ate o 6 de decembro.

Matrícula aberta: 
110 € Soci@s do Ateneo e 130 € Non soci@s

Información:
https://docs.google.com/file/d/0BwOQ0rnaU36RdHd0TVJJYzRvU1E/edit

Taller de Interpretación para Cine en Ferrol. 29, 30 de setembro e 1 e 2 de outubro

Taller de Interpretación para Cine en Ferrol.
Lugar: Ateneo Ferrolán
Duración e horario: 
Luns 29, Martes 30 e Mércores 1 de 18:00 a 22:00 h e Xoves 2 de 18:00 a 20:00h (18 horas)

Destinado a actores e actrices que desexen aprender técnicas de interpretación para cine. Traballarase con cámara e iluminación. O material visualizarase nas clases e será entregado aos alumnos.

A matrícula custará 65 euros e podedes formalizala xa no Ateneo

CONCENTRACIÓN o xoves día 25 a partir das 18,30 h. na Praza de Armas

 
O Ateneo Ferrolán convoca unha CONCENTRACIÓN o próximo xoves día 25 a partir das 18,30 h. na Praza de Armas xa que un membro desta Xunta Directiva tomará a palabra no Pleno Municipal que se celebrará ás 19 h. para volver a esixirlle ao Concello que asuma os gastos de traslado e almacenamento do patrimonio da entidade, logo da asemblea aberta celebrada o día 8 coas diferentes asociacións do tecido asociativo e cultural que apoiaron estas mobilizacións..

Difunde e Acude en apoio ao Ateneo e á Cultura Popular!

CLUB LECTURA os primeiros martes de cada mes ¡ APÚNTATE !


 
CLUB LECTURA do ATENEO FERROLÁN - ¡ APÚNTATE !

Retomamos o noso CLUB DE LECTURA que dende hai 12 anos levamos facendo ininterrompidamente.

Día 7 de outubro ás 19,30 h. no Ateneo Ferrolán.

Animamos a tod@s a participar desta emblemática actividade.

Dende o ano 2002 que formamos no Ateneo Ferrolán o noso CLUB DE LECTURA, segue levándose a cabo todos os primeiros MARTES DE CADA MES.

Encontros coa LECTURA onde xúntanse 20 socios e socias todos os primeiros martes de cada mes para reflexionar e comentar un libro guiados pola profesora ANXELES SEOANE.



Charla "CHERNOBYL 28 ANOS DESPOIS" polo fotógrafo César Toimil. Venres 19 ás 20 h.

Charla "CHERNOBYL 28 ANOS DESPOIS" polo fotógrafo César Toimil.

Venres día 19 ás 20 h. no salón de actos do Ateneo Ferrolán.
Entrada libre.

http://www.cesartoimil.es/

https://www.facebook.com/events/519125724900554/?fref=ts


Representación Audiovisual "Falando Claro" de Pepe Sendón. Xoves día 18 ás 20 h.


O xoves día 18 de setembro no salón de actos do Ateneo Ferrolán ás 20 h. 
Representación Audiovisual "FALANDO CLARO" un traballo 
de PEPE SENDÓN sobre a figura de Claro José Sendón Lamela.

A historia do anarquista de Louro, Claro José Sendón Lamela (1897-1937)
 
Somos Cultura. Salvemos o Ateneo

Soci@s: 4 € /// Non Soci@s: 6 € 




Convocatoria Concentración Apoio ao Ateneo e Manifesto

O Ateneo Ferrolán convoca unha CONCENTRACIÓN o próximo martes día 16 ás 20 h. na Praza de Armas para esixirlle ao Concello que asuma os gastos de traslado e almacenamento do patrimonio da entidade, logo da asemblea aberta celebrada o día 8 coas diferentes asociacións do tecido asociativo e cultural.
Así mesmo enviamos o Comunicado consensuado ao que xa hai adheridas diferentes asociacións e que aínda pódese asinar enviando un correo electrónico a secretaria@ateneoferrolán.org.





 MANIFESTO:
 

O mércores 17 de setembro, ás 11:30 horas, nos xulgados de Ferrol vaise celebrar un xuizo pola demanda da empresa Mudanzas Felix, S.L. contra o Ateneo Ferrolán, reclamando o pagamento de 39.000 euros, importe do traslado e almacenamento do patrimonio do Ateneo Ferrolán co gallo das obras de rehabilitación da sede da entidade. O traslado e almacenamento da biblioteca, hemeroteca e enseres do Ateneo non foi unha iniciativa desta entidade, senón que se fixo por esixencia do Concello de Ferrol e da dirección de obra, co compromiso de que o Ateneo nunca tería que facer un desembolso económico para o que non tiña capacidade financeira. O desenvolvemento das obras coincidiu co cambio de goberno municipal e rematadas éstas, o novo goberno do Partido Popular negouse a asumir o pagamento deste gasto, quedando o servizo prestado pola empresa impagado, o patrimonio do Ateneo retido, aumentando mes tras mes a débeda e dando, finalmente, lugar á reclamación da empresa Mudanzas Felix, S.L. contra o Ateneo.

Esta gravísima situación enmárcase nunha política de acoso ao Ateneo por parte do grupo de goberno do Concello de Ferrol, que se ven concretando no reparto do edificio que era sede do Ateneo Ferrolán (instalando alí a outras entidades), no confinamento do Ateneo Ferrolán nos pisos terceiro e baixo cuberta do edificio, na desaparición dos elementos identificativos do Ateneo no exterior do edificio e da negativa a conceder calquera axuda económica a Ateneo, mesmo as que se mantiveran en anos anteriores e con gobernos municipais de moi diverso signo político.

O Ateneo é unha entidade molesta para un goberno municipal autoritario, que non acepta a discrepancia nin tampouco as expresións de cultura participativas e populares que caracterizan ao Ateneo de Ferrol, en colaboración con boa parte do tecido asociativo e das creadoras e creadores da cidade. Por outra banda, esta cultura popular e participativa pon en evidencia a nefasta política cultural do Concello de Ferrol, que despilfarra enormes recursos económicos sen ningún sentido. Unha política cultural asentada no papanatismo que prima o foráneo fronte ao local, que inviste auténticas fortunas na rehabilitación de edificios que despois permanecen infrautilizados, e que externaliza a xestión dos espazos culturais a través dunha desas empresas especializadas na xestión de servicios municipais.

Mentres eles nos dan productos de consumo cultural de escasa calidade, nós reivindicámonos como un pobo que foi, é e será sempre creador de cultura. Unha cultura popular e na nosa lingua, unha cultura reivindicativa e rebelde, que o tecido cultural desta cidade mantén a través de institucións tan sinaladas como o Ateneo Ferrolán. Unha entidade que leva traballando máis de tres décadas na nosa cidade, cun balance tremendamente positivo de actividades e de servicios para a cidadanía, como o servizo de biblioteca e hemeroteca que aínda hoxe continúa ofrecendo, malia que parte dos seus fondos están inadecuadamente almacenados en contenedores nun polígono industrial.

Autoritarismo, ineficacia e desprezo á cultura e ao tecido cultural, é o que ofrece o goberno municipal do PP. Pola nosa parte, o noso compromiso como xente é manter e mesmo multiplicar o traballo cultural que vimos realizando. Porque entendemos que a cultura é a mellor ferramenta de transformación, potenciadora da democracia e da convivencia. Por iso, como entidades culturais e como persoas creadoras de cultura, reclamamos tamén ao Concello de Ferrol que cese na súa campaña contra o Ateneo, asumindo os gastos derivados da obra municipal que fixo no edificio desta entidade. E pedimoslle tamén que faga un xiro na súa política cultural, mediante o diálogo co tecido cultural e a potenciación das iniciativas xenuinas da cultura ferrolá. Que abandone, en fin, a política de desprezo ao tecido cultural, do fomento da división entre as asociacións, de falta de diálogo e até de mala educación e maltrato.
Setembro 2014

(audio) -> Cunha elaborada nas Áulas de formación básica da Radio Filispim 93.9FM, chamando á concentración en apoio ao Ateneo Ateneo Ferrolán. Salvemos o Ateneo!!! --> http://www.ivoox.com/cunha-apoio-ao-ateneo-ferrolan-concentracion-16-09-2016-audios-mp3_rf_3488358_1.html

Tecido social e cultural que, de momento, apoia este manifesto e a convocatoria da concentración:

A Mesa Pola Normalización Lingüística
ANOVA Ferrol
A.C. Fuco Buxán
Asociación Muinho do Vento
CNT Ferrol
Colectivo Artabra 21
Esquerda Unida Ferrolterra
Espazo Ecosocialista Galego Ferrolterra
Federación Veciñal ROI XORDO
NÓS-UP
Poesía Salvaxe
PSdeG Ferrol

Concentración en APOIO ao Ateneo! Martes día 16 ás 20 h. na Praza de Armas



ACUDE e DIFUNDE!

SOMOS CULTURA!

 Ateneo Patrimonio da Cidade!

http://salvemosoateneo.blogspot.com/p/blog-page.html

En concerto: Xira Galega de HUGO ARÁN. Venres 12 ás 20 h.

 

 

 

 En concerto:

"Anuario" - Hugo Arán 

Xira Galega de HUGO ARÁN

Dúo de guitarra, voz e acordeón
 




O venres día 12 de setembro de 2014 
no salón de actos do Ateneo ás 20 h.
Soci@s: 4 € // Non soci@s: 6 €


A sorpresa en cada verso por Fernando Neira (crítico de El País)

Coñecín a Hugo Arán en maio de 2009 en Ceutí (Murcia), onde acudiu como participante no certame nacional de cantautores Cantigas de Mayo, unha iniciativa insólita e marabillosa que, como tantas outras cousas boas, a desfeita destes anos funestos se levou por diante. Hugo era por entón a metade do dúo Tato Azevedo, onde delegaba a guitarra acústica no seu compañeiro Pablo Acevedo, o que xa en si mesmo parecía case unha incongruencia. Un cantautor que non sabe tocar a guitarra e delega esa responsabilidade nun segundo? Tardei pouco en comprender que aquela era a menor das singularidades do tándem. Pablo acariciaba as cordas coa delicadeza de quen mesa unha melena lasa e Hugo era dono dunha voz doce, melosa, dúctil. A voz dun rapaz sensible que acaba accedendo a mostrar os seus vulnerabilidades. Coma se invitase a abrazarse con quen o estivese a escoitar.

Eu era integrante do xurado naquel certame e, aínda que non recordo con nitidez o transcurso das deliberacións, supoño que o meu entusiasmo influíu en que Tato Azevedo acabase obtendo a terceira posición. Ao ano seguinte repetiron comparecencia e alcanzaron a segunda praza: ás virtudes xa coñecidas sumábaselle unha peza extraordinaria, La custa do can, canción conmovedora sobre evocacións e amigos da infancia que parecía escrita especialmente para cada oínte que acertase a escoitala, esa sensación tan linda que Jonás Trueba acertou a resumir co título da súa primeira longametraxe: Todas as cancións falan de min.

Pasaron os anos e, xa sen concursos de por medio, Hugo voa en solitario con este disco que confirma as sospeitas: é un pozo de talento. Ao final resulta que o rapaz de aires retraídos e soñadores tamén sabe tocar a guitarra, á que roza coa finura dun trobador fronte ao mar, descalzo e cos pés afundidos na area. En Hugo conflúen o Mediterráneo e, dende logo, a voluptuosa salitre brasileira; Drexler e Márcio Faraco, a harmonía inesperada e a sorpresa en cada verso.

Hugo atesoura un lirismo ao que xamais se lle vai a man co azucre. É un mozo capaz de reconquistar a patria da infancia ao tempo que suxire un futuro, cando menos, alentador. Longa vida a esa beleza serena que aniña nas mans e nos labios dun tímido con encanto.

https://www.facebook.com/pages/Hugo-Ar%C3%A1n-M%C3%BAsica/195866030493905?fref=ts 

 

O Ateneo recupera unha colección da publicación ferrolá Boletín del Círculo de Maquinistas de la Armada



O Ateneo Ferrolán recupera unha colección da publicación ferrolá Boletín del Círculo de Maquinistas de la Armada, grazas á cesión dun socio.
 
O “Boletín del Círculo de Maquinistas de la Armada” é unha singular publicación profesional editada na cidade de Ferrol entre os anos 1872 e 1935. Segundo o historiador José Antonio Ocampo Aneiros non existía en 1999 ningunha colección desta publicación en Ferrol e só había coleccións incompletas en coleccións particulares e na Biblioteca Central de Marina, ademáis dun número solto na Biblioteca Nacional de España.
O pasado mes de agosto un socio do Ateneo Ferrolán, que desexa permanecer no anonimato, cedeu á entidade unha colección composta de 162 exemplares da publicación, dos 210 que compoñerían a colección total. Trátase, probablemente, da mellor colección coñecida desta publicación.
Grazas a esta cesión, a cidade recupera unha parte importante do noso patrimonio hemerográfico. O Ateneo realizará unha copia dixitalizada desta publicación e ten previsto poñela na rede cando teña culminado o seu proxecto da Hemeroteca Dixital de Ferrol. Deste xeito, o Ateneo reafirma o seu compromiso na preservación e comunicación da cultura e da memoria desta cidade e das súas xentes.
Animamos á xente que posua publicacións periódicas ou libros editados en Ferrol a contribuir a conservar e difundir o noso patrimonio bibliográfico e hemerográfico, levando os exemplares que posúan ao Ateneo Ferrolán para a súa cesión ou ben para a realización dunha copia do orixinal. O Ateneo agradece enormemente esta donación e outras que ten recibido, e todas aquelas que poida recibir, especialmente en momentos en que a entidade está pasando por momentos difíciles. Estas cesións expresan á vez a confianza na tarefa emprendida polo Ateneo e a xenerosidade e o compromiso cultural das nosas veciñas e veciños.
A directiva do Ateneo Ferrolán



O “Boletín del Círculo de Maquinistas de la Armada” é unha singular publicación profesional editada na cidade de Ferrol entre os anos 1872 e 1935

Convocamos unha xuntanza co tecido cultural, político e social


O vindeiro 17 de setembro, ás 11:30 da mañá, vai ter lugar nos xulgados de Ferrol o xuizo pola demanda que a Empresa Mudanzas Felix ten interposta contra o Ateneo Ferrolán por importe de 39.000 euros. A devandita débeda provén dunha obra promovida polo Concello de Ferrol que obrigou ao Ateneo a desaloxar os seus locais e almacenar o seu patrimonio (biblioteca, hemeroteca e enseres); uns gastos que o goberno municipal négase agora a asumir.

O Ateneo Ferrolán convoca unha xuntanza de partidos políticos, sindicatos, organizacións culturais, sociais, de creadoras e creadores, para pedir apoio ás mobilizacións que o Ateneo vai facer para esixir ao Concello o pagamento destes gastos derivados da obra municipal de rehabilitación do edificio do Ateneo Ferrolán. Ao tempo plantexamos a posibilidade de iniciar unha campaña conxunta do mundo cultural para reivindicar a cultura libre e participativa e para denunciar o despilfarro do presuposto cultural polo Concello de Ferrol e a infrautilización das instalacións culturais municipais.



Lugar: Salón de Actos do Ateneo Ferrolán

Data: Luns, 8 de setembro de 2014

Hora: 20:30 horas



- Eliseo Fernández –

Presidente do Ateneo Ferrolán

http://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/convocan-xuntanza-salvar-ateneo-ferrolan/20140904195935030324.html

XIV XORNADAS “MOSTRA DE CURTAMETRAXES”. 17, 18 e 19 de decembro do 2014


XIV XORNADAS “MOSTRA DE CURTAMETRAXES” ATENEO

A celebrar os días 17, 18 e 19 de decembro do 2014



Facemos un chamamento a todas as persoas que queiran participar nestas xornadas, nos acheguen os seus traballos de menos de 20’ en formato DVD, preferentemente en lingua galega acompañado dunha ficha cumprimentada cos datos da curta e do director antes do día 5 de decembro para poder engadilos ao programa deste ano.

Os días 17, 18 e 19 de decembro de 2014, levaranse a cabo ás XIV XORNADAS MOSTRA DE CURTAMETRAXES, comezadas no ano 2001 con grande interese do público en xeral.



Como lembranza do que foron estas XORNADAS ao longo destes catorce anos de andadura dicir que na nosa programación priman as curtas galegas e en galego pero que tamén damos paso para coñecer outros autores a nivel internacional.



Nestes días amosaremos curtametraxes e creacións de cineastas, case que sempre noveis, e con especial atención aos cineastas galegos e galegas en especial.



O OBXECTIVO é dar a coñecer a un público amplo a calidade e variedade das curtametraxes, sobre todo das galegas. Estas xornadas están a converterse nun referente, por ser un esforzo realizado para divulgar a produción de curtametraxes, que en moitos casos fica agochada. Trátase de acceder a unha parte do audiovisual que atesoura gran calidade.

GRAZAS POR PARTICIPAR!

Related Posts with Thumbnails