O Ateneo recupera unha colección da publicación ferrolá Boletín del Círculo de Maquinistas de la Armada



O Ateneo Ferrolán recupera unha colección da publicación ferrolá Boletín del Círculo de Maquinistas de la Armada, grazas á cesión dun socio.
 
O “Boletín del Círculo de Maquinistas de la Armada” é unha singular publicación profesional editada na cidade de Ferrol entre os anos 1872 e 1935. Segundo o historiador José Antonio Ocampo Aneiros non existía en 1999 ningunha colección desta publicación en Ferrol e só había coleccións incompletas en coleccións particulares e na Biblioteca Central de Marina, ademáis dun número solto na Biblioteca Nacional de España.
O pasado mes de agosto un socio do Ateneo Ferrolán, que desexa permanecer no anonimato, cedeu á entidade unha colección composta de 162 exemplares da publicación, dos 210 que compoñerían a colección total. Trátase, probablemente, da mellor colección coñecida desta publicación.
Grazas a esta cesión, a cidade recupera unha parte importante do noso patrimonio hemerográfico. O Ateneo realizará unha copia dixitalizada desta publicación e ten previsto poñela na rede cando teña culminado o seu proxecto da Hemeroteca Dixital de Ferrol. Deste xeito, o Ateneo reafirma o seu compromiso na preservación e comunicación da cultura e da memoria desta cidade e das súas xentes.
Animamos á xente que posua publicacións periódicas ou libros editados en Ferrol a contribuir a conservar e difundir o noso patrimonio bibliográfico e hemerográfico, levando os exemplares que posúan ao Ateneo Ferrolán para a súa cesión ou ben para a realización dunha copia do orixinal. O Ateneo agradece enormemente esta donación e outras que ten recibido, e todas aquelas que poida recibir, especialmente en momentos en que a entidade está pasando por momentos difíciles. Estas cesións expresan á vez a confianza na tarefa emprendida polo Ateneo e a xenerosidade e o compromiso cultural das nosas veciñas e veciños.
A directiva do Ateneo Ferrolán



O “Boletín del Círculo de Maquinistas de la Armada” é unha singular publicación profesional editada na cidade de Ferrol entre os anos 1872 e 1935

0 comentarios :

Related Posts with Thumbnails