Exposición – Subasta Solidaria: “Somos Cultura, Somos Imaxe, Somos Artes Plásticas”






Este mes de xuño, a quenda é para a pintura, a fotografía e as artes plásticas, que encherán de obras, a sala de exposicións baixo o nome  
O Ateneo somos cultura, Somos imaxe, Somos artes plásticas.

Permanecerá aberta á participación en todo momento. Dende a súa inauguración o día 2 de xuño ata a súa clausura o 27 do mesmo mes, os autores que o desexen poderán doar as súas obras e sumarse á iniciativa.

Outro motivo que fai diferente a exposición é a posibilidade de puxar polas distintas obras. Un exemplo: paséaste pola sala e namóraste perdidamente dunha peza ... miras o seu prezo de saída, parécete ben -e máis aínda ao destinarse o recadado a salvar o Ateneo-, anotas os teus datos e vas facendo un oco na parede ata o último día da exposición.

Chegas o venres 27 de xuño, preparado para levarche o teu cadro baixo o brazo e oh, sorpresa!, catro persoas máis namoráronse del e aumentou o seu prezo. Así que, ou te resignas, ou te resgas un pouco máis o peto.

Ata o momento, a exposición conta con obras de:


Alfredo Erias, Alejos, Alfonso Costa, Alfredo Erias, Alicia Seoane,Angeles Loreto, Anna M. Constanseu, Antón Sobral, Anxo Alvarez, Bego Tojo, Borja Muiños, Cari Camarero, Carlos Pereira, Carmela Cagiao Vidal, Carmen Martín Serantes, Carolina Martinez, Delio Sánchez, Eduardo Pereira, Emilio Celeiro, Enrique Castro Piñeiro, Enrique Tenreiro, F. Ascón, F. López Rivera, Fátima Fernández, Fernando Ocampo, Francis M. Marrouch, Francisco Maceira, Inma Doval, Isabel Pintado, Jandy Buckley, Javier Garaizabal, Jesús Balado, Leandro Lamas, Lola Beade, Luis Mazorra, Luis Rapela, Manuel Alvarez Romero, Manuel Ayaso, Manuel Gandullo, Manuel Patinha, Manuel Rei, Margarita Salgado Rodríguez, María Alvarez Sanmartín, María José Leira, María Leal, María Manuela, María Piensos, María Vilanova, Michael Greenshields, Miguel Anxo Varela, Miguel Navarro Salinas, Nito Da Vila, Nito Pereiro Oliveira, Noemí Lorenzo Pérez, Novais, Pedro Bueno Saluto, Pilar Fandiño, Ramón Astray, Ramón Iribarnegaray, Raquel Castro Torrado, Rosa Guisán, Siro López, Spela Trobec, Susana de Artaza Losada,  Suso Basterrechea, Teresa Candal, Teresa Fagiras, Tino Poza, Tonia Vázquez, Víctor Rey Grande, Xaquín Marín, Xoan Xosé Braxe

Pero calquera artista pode sumar a súa obra ás anteriores, sexa unha figura consolidada ou un afeccionado; así haberá prezos alcanzables e poderase chegar a máis público, á vez que se promove os novos autores.

Palestra - Debate: O Movemento Zapatista hoxe: que podemos aprender para as loitas na Galiza?

O venres día 30 de maio ás 19 h. no salón de actos do Ateneo:
Palestra - Debate: 
O Movemento Zapatista hoxe: que podemos aprender para as loitas na Galiza?
con Fernando Marcelín xunto co compañeiro Serxio Regos García participantes a través do colectivo Fuga Em rede na 3º edición da Escuelita Zapatista en Chiapas.

http://www.youtube.com/watch?v=-HInczmOHtM


Co desexo de compartir a súa experiencia na construción de relaccións sociais e económicas non capitalistas, deciden convocar a escuelita, Houbo 3 edicións: agosto e decembro do 2013 e xaneiro do 2014 en cada edición 2500 alumn@s de diversas partes de México e do mundo compartimos durante 5 días o dia a dia cunha familia base de apoio do EZLN, recibimos os libros e dvd sobre a construcción do goberno autónomo e o apoio dun votán ou titor que nos resolvía dúbidas acerca do autogoberno e a vida cotiá dos pobos zapatistas.

Neste video de 7 min Raúl Zibechi valora a súa experiencia da escuelita zapatista en agosto:


Sendo Serxio Regos e Fernando Marcelín os únicos participantes dende Galiza na Escuelita, pensamos que é interesante compartir a nosa experiencia cos movementos sociais do país e coa cidadanía en xeral, polo que estamos organizando charlas debate acerca da "situación actual do movemento zapatista e que podemos aprender del de cara ás loitas no noso país".

O plantexamento da charla é aberto, en función das preguntas da xente, do coñecemento que teñan da situación actual do movemento zapatista, creo que o máis importante (ademáis de informar) é o debate acerca das posibilidades de ir construindo xa alternativas postcapitalistas, nese sentido para min a cooperativa integral catalana pode ser un exemplo cercano dentro do estado español de autonomía aplicada á realidade do sur de Europa.


 

Presentación: Nosa Enerxía. Mércores ás 19 h.



http://nosaenerxia.com
http://www.cooperativaxoaninha.org

Nosa Enerxía, a primeira cooperativa galega que ten por obxecto comercializar enerxía eléctrica de orixe renovable certificada, presenta o seu proxecto ao público mañá ás 19.00 horas no salón de actos do Ateneo Ferrolán da man da Cooperativa A Xoaniña. Entrada libre

Nestes momentos, a cooperativa está non só dando a coñecer a súa iniciativa, senón tamén realizando as xestións administrativas para poder comercializar a enerxía. O seguinte paso é a posta en marcha da fase de probas, na que se subministrará enerxía ás promotoras do proxecto e, finalmente, a todas as persoas que o desexen e se somen a este.

A longo prazo, a cooperativa ten tamén como obxectivo a promoción de iniciativas de xeración de enerxía renovable de modo distribuído, como outro dos pasos para alcanzar un modelo enerxético 100% renovable.

Nosa Enerxía quere consolidarse no mercado como unha alternativa ás grandes compañías eléctricas, que nos últimos meses foron investigadas polas sospeitas de que pactaron a suba xeneralizada dos prezos.

Teatro Radiofónico "Crónicas Republicanas"


O mércores día 21 de maio ás 20 h. no salón de actos do Ateneo 
Teatro Radiofónico "Crónicas Republicanas"
Entrada libre.

Asemblea Aberta Ateneo. Luns 19 de maio ás 19,30 h.


Asamblea aberta no Ateneo Ferrolán para desenvolver o programa de actividades

A Asamblea Xeral do Ateneo aprobou o pasado 10 de febreiro o plan de actividades que fixaba un marco xeral para o desenvolvemento das actividades do Ateneo no ano 2014. Para desenvolver este plan convocase unha xuntanza aberta, onde pódense ofrecer ideas e promover as actividades específicas que irán desenvolvendose ao longo do ano. O plan de actividades aprobado prevé a formación de grupos de traballo ou comisións que poidan asumir a realizacións de actividades concretas ou ciclos de actividades.

A asamblea aberta terá lugar o luns 19 de maio, ás 19:30 horas, nos locais do Ateneo Ferrolán. As persoas que participen na asamblea poderán proponer actividades e integrarse en grupos de traballo para desenvolver as actividades propostas.

Con esta iniciativa, o Ateneo Ferrolán intenta consolidar a tradición participativa do Ateneo e promover ao tempo un programa intensivo de actividades que contribúan a revitalizar a vida cultural da bisbarra.

Plataforma Queremos Galego



http://www.queremosgalego.org/

Somos Cultura. Salvemos o Ateneo


Manifesto “Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza!”, da autoría de Marica Campo

O galego é a nosa lingua. A Galiza ten unha lingua de seu que é o galego. Por isto, non podemos tolerar  que no noso país, hoxe, o español, coa axuda do Inglés, se utilice como o seu sepultureiro. Até o Estatuto de Autonomía, que xa ten 33 anos, declara que o Galego é a lingua propia de Galiza. En boa lóxica, xa que é así, está na súa casa e non precisa permiso das outras,  impostas e alleas,  para se mover libremente polas diversas estancias.
Todos os avances das forzas emancipadoras da humanidade  foron sempre na dirección de combater a exclusión social. Agora, na tan amentada crise, denúnciase decote o aumento dos excluídos. Mais nós, galegas e galegos, levamos moito tempo vivindo unha crise particular que non é filla conxuntural da que din que se desatou hai sete anos. A nosa crise ten outros nomes e apelidos: son o noso dereito a existir como tales, a traballar na nosa terra e a facermos uso libre e estendido da nosa lingua, os que están sendo vulnerados.
A ela, á nosa lingua, foille imposto historicamente un manual de redución. A que a reduciron? Reducírona á oralidade, á fala; reducírona a unha clase social, os oprimidos carentes de todo poder de decisión; reducírona a uns lugares, as aldeas; reducírona a unha idade, os vellos.
O ano pasado lembramos que se cumprían 150 anos desde que unha muller chamada Rosalía de Castro culminara un proceso de dignificación da lingua galega, rompendo esa trampa mortal de falsa naturalidade, isto é, dun uso marxinal permitido, e elevándoa á máxima altura estética e patriótica. A partir dela e até os nosos días,  a nosa lingua foi cobrando naturalidade e dignidade noutros espazos sociais e públicos a cadora máis amplos e diversos.
Somos todas e todos os que estamos aquí fillos ou descendentes deste esforzo;  mais, ao mesmo tempo, responsábeis de lle asegurarmos continuidade. Neste labor, non só non contamos coa protección institucional, senón que temos que gastar o tempo a defendérmonos das ilegalidades que os poderes públicos perpetúan contra o galego.
Amigas e amigos, o tempo actual non é propicio para a existencia de Galiza e do seu signo principal, a lingua galega, porque a globalización pretende arrasar con toda diferenza que ouse desafiar a hexemonía do imperial dominante. Non os imos compracer. Non temos a menor vontade de suicidio nin de resignación. Por isto, parafraseándomos a Díaz Castro, o poeta a quen celebramos este ano, diremos:
Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza, no uso da nosa lingua nas aulas, tamén como lingua vehicular  escandalosamente prohibida pola Xunta para certas materias.
Un paso adiante e mais outro paso adiante, lingua nosa, nos medios de comunicación e na publicidade.
Un paso adiante e mais outro paso adiante, no uso do Galego pola Administración.
Un paso adiante e mais outro paso adiante, porque iso é o xusto, para a nosa palabra na Xustiza.
Un paso adiante e mais outro paso adiante nas misas e demais celebracións relixiosas.
Un paso adiante e mais outro paso adiante na oferta de ocio.
Un paso adiante e mais outro paso adiante en todos os novos soportes comunicativos.
Un paso adiante e mais outro paso adiante nos transportes públicos.
Un paso adiante e mais outro paso adiante no comercio.
Un paso adiante e outro paso adiante en todas as artes e as letras.
Porque unha lingua normal é unha lingua ubicua, omnipresente,  e este decálogo non nace dunha invención nosa, senón que está contido na Carta Europea das Linguas non Estatais, aceptado como lexislación superior do Estado en 2001 e igualmente presente no Plano Xeral de Normalización Lingüística,  aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia vai para dez anos, e desprezado por quen o tiña que executar.
Debe ser a lingua obxecto de uso e de defensa todos os días do ano en todos os lugares e momentos, porque non é un adorno ou unha peza cultural: é o noso ser e precisa dunha defensa cívica e dun amor colectivo e dunha mobilización social tan potente como a que dedicamos a outros asuntos que teñen a ver co diñeiro, co traballo ou con dereitos conquistados.

O poeta Díaz Castro, escribiu nun seu poema estes versos: “Alumarei con fachas de palabras, / ancho herdo meu, o mundo que me deron”. Falar a nosa lingua é darlle luz, é dicir, visibilidade. E tamén calor, amparo social, porque a lingua non é individual e precísanos a todas e a todos para seguir 
nomeando o mundo desde nós.

Adiante, pois, sempre! Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza, 
coa lingua que nos crea e que nos cría, que nos fai ser e existir.
Viva a lingua galega!
Fagámola vivir e ser útil!
É tempo de falarmos: somos nós!


Concerto: AYLA & O FALSO BAIANO. Sábado día 17 ás 22 h.

Presentación novo traballo musical. Brasil meu Brasil brasileiro...

AYLA & O FALSO BAIANO

Da mellor manera de rematar a nosa Semana das Letras
Sabado día 17 de maio ás 22 h. 
no salón de actos do Ateneo Ferrolán
Entrada de balde



 

Recital Solidario de Poesía.Somos Cultura. Somos Poesía!




SOMOS CULTURA. SOMOS POESÍA!
RECITAL SOLIDADARIO de POESÍA

Xoves 15 de maio no salón de actos do  
ATENEO FERROLÁN ás 19,30 horas

O Ateneo Ferrolán na súa liña dun modelo de xestión cultural aberta, solidaria e participativa estamos a levar adiante unha serie de actividades por medio da unidade de todos os sectores implicados na defensa da cultura ferrola e o seu futuro.

Hoxe damos un paso máis nesa liña como é a xuntanza de colectivos e persoas varias do sector da poesía por medio da celebración dun Recital Solidario de Poesía coincidíndo coas Letras Galegas. Un grupo aberto, con poetas de diferentes estilos para ver esa apertura e xeito de facer cultura que representa o Ateneo Ferrolán.

Acompañamento musical con Violín: Estrela Gómez
Cantautor: Fernando Naveiras "Fefi"                                              

Recitan en directo:

1)     Miguel Anxo Fernán Vello

2)     Eva Veiga

3)     Xosé Leira

4)     Rosa Méndez

5)     Sergio Fernández

6)     Fátima Fernández

7)     Angeles Delgado

8)     Xurxo Gago


  PUBLICACIÓN Solidaria de poemas 
Publicación con poemas dos autores como un xeito de solidaridade co Ateneo Ferrolán.

Poetas.


Carmen Arenas
Isabel Buelta
Txiki Calvo
Manuel Calvo
Angeles Delgado
Isabel Espiñeira
Fátima Fernández
Miguel Anxo Fernán Vello
Sergio Fernández
Xurxo Gago
Rosi García
Marta González
  Arsenio Iglesias
Loli Leira
Xosé Leira
Rosa Martínez Dios
Rosa Méndez
Mario Regueira
Aurora Valentina
Josefina Vázquez
Eva Veiga
Isaac Xubín


Presentación Poemario "Río Alzheimer" de Carlos Pereira. Mércores 14 ás 19,30 h.

Amigos e amigas, xúntovos invitación para a presentación do poemario
"Río Alzheimer" de Carlos Pereira 
(1º premio no XXXVII Certame Literario Concello de Vilalba)
que se celebrará o mércores 14 de maio, ás 19.30 h, no salón de actos do Ateneo Ferrolán
no que estarán o autor Carlos Pereira, Eliseo Fernández, presidente
do Ateneo Ferrolán, e a poeta Eva Veiga, prologuista do libro, editado por Alvarellos Editora.
Quedades convidados/as.

Campaña de APOIO e DEFENSA do Ateneo Ferrolán


Campaña de APOIO e DEFENSA do Ateneo
Patrimonio da cidade

APOIA e DIFUNDE!

https://www.facebook.com/pages/Salvemos-o-Ateneo/1430118530577463?ref=hl

http://salvemosoateneo.blogspot.com.es/p/o-ateneo.html

http://www.change.org/es/peticiones/jos%C3%A9-manuel-rey-varela-asume-los-gastos-derivados-de-la-obra-de-rehabilitaci%C3%B3n-del-edificio-municipal-sede-del-ateneo-ferrol%C3%A1n?recruiter=3375759&utm_campaign=twitter_link_action_box&utm_medium=twitter&utm_source=share_petition



Concerto XM LAGO e OSCAR MARTINEZ. Sábado día 10 de maio ás 20 h.


O sábado 10 de maio ás 20 h. 
XM LAGO e OSCAR MARTÍNEZ en CONCERTO
Presentación do novo traballo "onde comeza a vida"
Entrada:  2 € Soci@s -  3 € Non Soci@s

http://acordesardeiro.bandcamp.com/

Related Posts with Thumbnails