"Acto polo centenario do Congreso Internacional da Paz (Ferrol, 29 de abril de 1915)". Mércores 29 ás 19,30 h.

 
Unión Libertaria
"Acto polo centenario do Congreso Internacional da Paz (Ferrol, 29 de abril de 1915)"
Conferencia a cargo do historiador Eliseo Fernández
o mércores día 29 de abril ás 19,30 h. no Ateneo Ferrolán
 O 26 de febreiro de 1915, o Ateneo Obrero Sindicalista de Ferrol facía pública a convocatoria dun Congreso Internacional da Paz, que tería como obxecto a reunión de sociedades operarias de todo o mundo para tentar organizar a oposición proletaria á I Guerra Mundial os días 30 de abril, e 1 e 2 de maio de 1915. Malia o seu orixe no anarcosindicalismo ferrolán, a convocatoria do Congreso da Paz de Ferrol ía dirixida a tódalas tendencias presentes no obreirismo internacional e tentaba organizar á clase traballadora dos países neutrais para unha oposición efectiva á I Guerra Mundial, mediante o boicot ao tráfico de mercadurías e unha posible convocatoria de folga xeral.
O goberno español colocou numerosas trabas aos organizadores, dende a interceptación da súa correspondencia até, finalmente, a prohibición do Congreso (o día antes da súa celebración) e a expulsión de numerosos delegados extranxeiros. E malia todo, o Congreso tivo lugar clandestinamente nos locais do Ateneo Obrero Sindicalista, coa participación de representantes de máis dun cento de organizacións sindicais, ateneos sindicalistas, centros obreiros e grupos anarquistas.
A maioría das organizacións representadas eran da península ibérica, e foi por iso que as conclusións do Congreso só puideron ter algunha relevancia neste ámbito xeográfico. Os seus efectos estiveron ademáis moi limitados tamén polo seu carácter clandestino, pola detención dalgúns dos seus organizadores (entre eles o seu principal promotor, José López Bouza), a expulsión de delegados portugueses e do brasileiro, ou mesmo o feito de que algún delegados chegaran xa cando o Congreso se tiña celebrado. Un dos acordos ao que se chegou foi o de tentar facer renacer a Internacional, o que tivo como consecuencia a creación dun Comité Central con sede en Ferrol e José López Bouza na secretaría, que funcionou en precario por algúns meses e que non conseguiu o seu obxectivo de reagrupar as organización obreiras de todo o mundo. Polo mesmo feito, o acordo de tentar levar adiante unha folga xeral internacional veuse igualmente frustrado.
Para a historia o Congreso da Paz ficou como un antecedente do renacemento dunha Internacional en clave anarquista, artellada en Berlín en 1922, ou da creación da Federación Anarquista Ibérica en 1927. Mais ao final, o grande logro do Congreso foi o acordó de dar inicio á reorganización da Confederación Nacional do Traballo, desartellada dende o ano 1911 pola persecución gubernamental. A proposta do Congreso foi asumida por boa parte das organizacións presentes e en pouco tempo a CNT puido amosar a súa potencia na folga xeral de agosto de 1917. A maior parte dos manuais reflicten que o renacemento da organización anarcosindicalista tivo a súa orixe no Congreso de Ferrol, o que non é pouco tendo en conta a importancia desta organización na nosa historia contemporánea.
  
Unión Libertaria
"Presentación do libro "No café/Entre campesiños" de Errico Malatesta. 
Presentado por membros de Unión Libertaria
o lúns día 4 de maio ás 19,30 h. no Ateneo Ferrolán


0 comentarios :

Related Posts with Thumbnails