Carta aberta ao alcalde de Ferrol

Publicamos "Carta aberta ao alcalde de Ferrol" da xunta directiva do Ateneo Ferrolán
Axuntamos un enlace ao anexo da última comunicación enviada por rexistro.


Carta aberta ao alcalde de Ferrol
En momentos de crise como a que vivimos, unha sociedade precisa poñer en xogo todas as súas potencialidades para avanzar e superar escenarios de empobrecemento, disgregación social e desmoralización colectiva. O Ateneo Ferrolán está tentando contribuir modestamente á revitalizacion de Ferrol, traballando dende o ámbito da cultura. Dende hai un ano iniciamos o camiño de tentar reducir o conflicto aberto co Concello para redirixir os nosos esforzos á recuperación social da nosa bisbarra dende a actividade cultural. A xente de Ferrol e da bisbarra está hoxe en condicións de xulgar se nos últimos tempos o Ateneo sumou ou restou na tarefa de reanimar este fermoso recuncho da terra. Pola nosa parte, na xunta directiva do Ateneo estamos satisfeitos co incremento das nosas actividades e a revitalización do edificio sede do Ateneo Ferrolán, aínda que pensamos que a potencialidade do Ateneo pode contribuir aínda moitísimo máis na nosa recuperación colectiva.

Faltaríamos ao noso deber como directiva do Ateneo Ferrolán, se non chamaramos a atención das nosas socias e socios e de toda a sociedade ferrolá sobre o perigo no que se atopa o Ateneo, en trance de perder todo o seu patrimonio ou de ter que vender algunhas das súas mellores pezas para salvar o resto. Unha situación á que o Ateneo foi conducido como consecuencia das obras de rehabilitación do edificio sede do Ateneo e do incumprimento dos acordos verbais co Concello de Ferrol, que garantían algo tan lóxico como que o traslado e almacenamento dos bens do Ateneo no tempo de duración das obras estiveran incluidos no orzamento da rehabilitación. Lamentablemente o goberno municipal do Partido Popular ten amosado a súa vontade de executar unha política de castigo cara ao Ateneo Ferrolán que se concretou na desnaturalización do proxecto de rehabilitación do edificio sede do Ateneo, condenando á entidade ás plantas superiores do edificio, restándolle case cen metros cadrados de espazo útil, suspendendo as axudas públicas ás iniciativas do Ateneo e negándose a asumir os gastos para a recuperación do patrimonio do Ateneo, almacenados en contentores dende hai varios anos. Unha política tristemente coherente que está levando ao Ateneo a unha complicada situación económica que podería conducir á perda dun importante patrimonio cultural e mesmo ameaza a vida da entidade. Unha política discriminatoria para o Ateneo que ven confirmada pola negativa do alcalde a atender aos chamamentos que tanto pública como privadamente lle temos feito para tentar reconducir esta situación de conflicto cara á colaboración e o traballo conxunto en beneficio do Ateneo e da sociedade ferrolá.

É por iso que estamos obrigados a preguntarlle ao alcalde José Manuel Rey Varela se el se considera a persoa adecuada para encabezar un proxecto aglutinador da sociedade ferrolá? Porque é moi distinto ver a crise como un escenario no que cumpre traballar colectivamente para lograr a saída da crise sen que ninguén quede polo camiño, ou pola contra querer aproveitar esta situación difícil para propiciar a desaparición de entidades que resultan molestas polo seu exercicio da cultura crítica e participativa. Pareceríalle ben que unha nova e hipotética corporación de esquerdas retirara as axudas á Semana Santa e incumplira investimentos comprometidos coas confrarías por parte da anterior corporación? A nós dende logo pareceríanos unha actitude completamente irracional, disgregadora e sectaria. Por ese motivo temos que denunciar que iso foi o que aconteceu co Ateneo nos catro anos do seu mandato. A nosa entidade é un triste exemplo de cómo o seu grupo de goberno rachou consensos básicos que afectan non só ao Ateneo, senón ao conxunto do tecido cultural e social da bisbarra.

Malia todos estes problemas e a grave situación do Ateneo, non todo foron sensabores. Quedámonos coa parte positiva, como é que no medio de todos estes problemas puidemos paladear o que son a solidariedade e o apoio por parte de persoas e colectivos de todo tipo que teñen apoiado ao Ateneo nestas difícilísimas circunstancias. Convidamos ao señor Rey Varela e a todas as forzas políticas e sociais a colaborar neste fermoso camiño de traballo positivo a prol da pluralidade, do diálogo e da cultura. E non podemos despedirnos sen pedirlle publicamente e por enésima vez, que reciba á directiva do Ateneo Ferrolán que leva dende xaneiro do pasado ano 2014 solicitando unha entrevista con vostede. Diálogo, debate e democracia non deberían ser palabras valeiras de sentido para adornar o discurso, senón feitos que todas e todos poidamos percibir e compartir.
 
Eliseo Fernández en nome da directiva do Ateneo Ferrolán

Anexo Comunicación do pasado 2 de febreiro de 2015 por rexistro no Concello


0 comentarios :

Related Posts with Thumbnails