O Ateneo pide axuda para tentar salvar o seu patrimonio

Nota de prensa: o Ateneo pide axuda para tentar salvar o seu patrimonio

Inicio da campaña de micromecenazgo: APOIA ó Ateneo Ferrolán. Fai unha achega pola cultura por paypal, transferencia bancaria, tarxeta de creto ou ‪#‎faircoin‬ https://achegas.ateneoferrolan.org/

A obra municipal de restauración do edificio sede do Ateneo Ferrolán obrigou á entidade a retirar todo o seu patrimonio (hemeroteca, biblioteca, arquivos e enseres) e trasladalo a unha empresa de mudanzas. A negativa do concello (promotor da obra) a asumir estes gastos levou a que a empresa Mudanzas Félix demandase ao Ateneo e a entidade foi condenada ao pagamento de máis de 39.000 euros. 

Diante desta débeda e para evitar o embargo do seu valioso patrimonio, o Ateneo está poñendo en marcha unha campaña de recollida de axudas que poida permitir a recuperación dos bens almacenados en seis contentores dende hai xa cinco anos.

A campaña centralizase na web https://achegas.ateneoferrolan.org/, a través da cal o Ateneo solicita a axuda das persoas preocupadas pola situación económica da entidade, quen poden colaborar a través desta web facendo contribucións con tarxeta de crédito ou transferencia bancaria, e incluso mediante a moeda virtual “faircoin”. O Ateneo recolle doazóns tamén na secretaría da entidade na súa propia sede.

Por outra banda, a solidariedade da xente de Ferrol está expresándose de moi diversos xeitos: o Teatro Estaleiro da Sociedade Grupo Bazán vai celebrar unha función benéfica no Ateneo Ferrolán o vindeiro 22 de maio ás 20:30 horas, representando “Oé, oé, oé”.
Diversas sociedades culturais da cidade presentaron unha solicitude para poder utilizar o Auditorio de Ferrol o día 15 ou o día 16 de maio para unha gala solidaria co Ateneo sen que a súa petición fora contestada polo Concello, malia que o Auditorio non rexistrou ningunha actividade nestas datas.

Os actos de solidariedade co Ateneo continuarán o vindeiro de 27 de xuño coa celebración dunha xornada de festa, cultura e solidariedade no Seixo, para a que se conta coa colaboración da Sociedade Amigos da Paisaxe Galega. A directiva do Ateneo Ferrolán fai un chamamento a toda a cidadanía a participar nesta xornada de festa, así como a todas as xentes da cultura que queiran colaborar na iniciativa.  

Dende o Ateneo Ferrolán queremos agradecer profundamente a solidariedade da xente e dos colectivos coa nosa entidade, representativa da sensibilidade para coa cultura que sempre caracterizou á nosa sociedade. Pola nosa parte, continuaremos traballando para que a actividade cultural do Ateneo Ferrolán poida axudar modestamente á prosperidade desta bisbarra e das súas mulleres e homes.


0 comentarios :

Related Posts with Thumbnails