Presentación Poemario "LÚA PLENUR" de Alfonso Rodríguez. Xoves 4 de xuño ás 20 h.


Presentación Poemario "LÚA PLENUR" de Alfonso Rodríguez
xoves día 4 de xuño ás 20 h. no salón de actos do Ateneo

http://luaplenur.expoplanetarium.net/

modedemployFronte á literatura todos somos libres para rexeitar ou mesmo aceptar os modelos de autoridade que se nos propoñen. A poesía é, polo demais, un útil valioso para rebelarnos contra a supervivencia canónica e mostrarnos favorábeis á vida, á experiencia revolucionaria.

A traxectoria artística de Alfonso Rodríguez vén definindo hai tempo unha poética xenuína. Si, Alfonso ten pincel naíf, botas de okupa e ten copado en todas as escolas, mais a súa achega ao noso monte literario (e libertario) é absolutamente auténtica e hai algún tempo que comezou ser valorada na súa dignidade.

Tralo pretendido automatismo dunha improvisación grafómana de infinitos retallos sincopados, trala escrita e a arte compulsiva, fican estas colaxes que iluminan a paisaxe dunha crise, consubstancial ao individuo sensíbel na civilización (nestes días caóticos de existencia).

Nesta nova arañeira poética de Alfonso está pechado un tempo. O seu, o noso tempo; un tempo de nicotina, de estupor e de estupidez contra o río da mercadoría estupefaciente. O poeta, o arácnido, móstrasenos abraiado na observación desta nosa xeración domesticada. Estes son poemas onde cae todo, onde todo se acende no declive dos guindastres, na explosión desexada, agardando a necesaria destrución que antecede a unha nova canción (a carón do vento), un canto imposíbel sen amor.

Para o poeta xa hai demasiada luz sobre a doenza constituínte das sociedades. Por iso evoca en todo tempo, e aquí tamén, como caeu (cando era máis mozo) no inferno do mundo e como foi salvado en parte polo amor. E volve ao intimismo, aos outros días en que non saen poemas.
Sen artificios extraordinarios, sen ás de albatros que lle impidan camiñar, ollos de araña abondan (vexo e non son vidente). Mais son o xogo, a chiscadela punki e o sorriso da bonhomía quen a miúdo iluminan a poesía do Alfonso. A desmitificación, a ironía, o sarcasmo, a incorrección tórnanse tropos literarios. A experiencia poética, intacta, incorrixíbel, enfróntase novamente á súa exposición pública e afírmase: tod@s temos moito que dicir.

Convén advertir que esta experiencia radical esixe unha lectura libre, afastada da presunción de estilo, que relativice acertos e deficiencias técnicas e evite o canon e guía que nos delimita o gusto. Unha lectura semellante pode atopar e gozar da poesía que se axita no teito branco destas páxinas.

Gaspar Domínguez

0 comentarios :

Related Posts with Thumbnails