Convocatoria Congreso “Ferrol-Cuba-Galiza, historias comúns”. Do 13 ao 15 de novembro de 2015




Convocatoria Congreso

“Ferrol-Cuba-Galiza, historias comúns”

Do 13 ao 15 de novembro de 2015
Ateneo Ferrolán



Ao longo dos séculos XIX e XX os territorios de Ferrol, Eume e Ortegal mantiveron unha enorme relación coa illa de Cuba, lugar de destino de milleiros de homes e mulleres da nosa zona. Alí viviron experiencias como a guerra de independencia, a intervención norteamericana, as crises económicas, dictaduras e revoltas políticas, até chegar á revolución cubana no final da década de 1950. E boa parte daquela emigración, agrupada nas grandes sociedades de emigrantes como o Centro Gallego e Hijas de Galicia ou en pequenas sociedades artelladas arredor dos lugares de orixe, interviron na Galiza mediante as sociedades de instrucción e colaborando decisivamente na creación de institucións como a Real Academia Galega ou na elaboración de símbolos nacionais como a bandeira ou o himno galego. As remesas de cartos que enviaban foron fundamentais tamén para o desenvolvemento económico do país e para o nacemento de moitas iniciativas industriais e comerciais. Ao cabo, a nosa cultura local estivo inzada de referencias cubanas achegadas pola xente que vivía en Cuba e aquela que con mellor ou peor sorte retornou á terra.



Nunha época de cambio na illa caribeña, cando Galiza recibe emigrantes mais lamentablemente tamén a nosa xente ten aínda que emigrar, o Ateneo Ferrolán convoca un Congreso baixo o título “Ferrol-Cuba-Galiza” co obxectivo de promover investigacións sobre as relacións entre as bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal e a Illa de Cuba a través do fenómeno da emigración. Ao cabo, a finalidade última da xuntanza de persoas investigadoras e a difusión dos seus traballos sería a de tentar contribuir ao coñecemento dunha historia compartida aos dous lados do Atlántico e avaliar a importancia e protagonismo da emigración da nosa zona na historia de Cuba e tamén na propia historia da Galiza.



O Congreso vai desenvolverse entre os días 13 e 15 de novembro nos locais do Ateneo Ferrolán,  e irá acompañado de diferentes actividades complementarias:



·        Unha exposición bibliográfica, hemerográfica, fotográfica e de outros obxectos sobre as relación entre Cuba e Ferrol, Eume e Ortegal.



·        Unha exposición en paneis sobre as relación entre a emigración a Cuba e o desenvolvemento das reivindicacións da lingua e a cultura galega.



·        Unha publicación central sobre a relación entre Ferrol, Eume e Ortegal e a Illa de Cuba, e afondando no protagonismo de xente das nosas bisbaras na adopción dos símbolos de Galiza.


·        Outras actividades culturais e de lecer relacionadas coa emigración e as relacións entre Ferrol, Eume, Ortegal e Cuba.

0 comentarios :

Related Posts with Thumbnails