Avance Programación Cultural no Ateneo. Semana do 1 ao 6 de xuño.





Avance Programación Cultural no Ateneo Ferrolán

Semana do 1 ao 6 de xuño de 2015

Martes día 2 -
BIBLIOTECA – HEMEROTECA de 17 a 21 h.
ás 19 h. na 3ª planta (sala 1): Escola Teatro do Ateneo
ás 19,30 h. CLUB DE LECTURA: Estamos a ler: “Cantar de mio Cid”
ás 19,30 h. MARTES DE CINE. CICLO DE CINE: “Aleg(o)ria de vivir”
"Amarcord" (Amarcord; Federico Fellini, 1973): As lembranzas do protagonista deste film, ambientado na Italia fascista, constitúen un alegre calidoscopio onde a primavera, a amizade, os descubrimentos do amor e o sexo logran ocultar o medo, a tristeza e a merda provocados polas autoridades.

Mércores día 3
BIBLIOTECA – HEMEROTECA de 17 a 21 h.
ás 19,30 h. - CINEFORUM. Conmemorando o Día Internacional das Mulleres pola Paz e a Desmilitarización (24 de maio) a Marcha Mundial das Mulleres organiza un cineforum coa proxección da película “Incendies” (Denis Villeneuve, 2010).
 
ás 19,45 h. na 3ª planta (sala 1) Reunión CIRPEN (Círculo pensamento filosófico do Ateneo)

Xoves día 4

BIBLIOTECA – HEMEROTECA de 17 a 21 h.
 
ás 19 h. na 3ª planta (sala 1) Escola Teatro do Ateneo
 
ás 20 h. Presentación poemario "Lua Plenur" de Alfonso Rodríguez no salón de actos:

Venres día 5
BIBLIOTECA – HEMEROTECA de 17 a 21 h.
ás 20 h. Inauguración da Exposición de Pinturas de Esther Sánchez Espiñeira


Sábado día 6 BIBLIOTECA – HEMEROTECA de 10,30 a 13,30 h.

Presentación Poemario "LÚA PLENUR" de Alfonso Rodríguez. Xoves 4 de xuño ás 20 h.


Presentación Poemario "LÚA PLENUR" de Alfonso Rodríguez
xoves día 4 de xuño ás 20 h. no salón de actos do Ateneo

http://luaplenur.expoplanetarium.net/

modedemployFronte á literatura todos somos libres para rexeitar ou mesmo aceptar os modelos de autoridade que se nos propoñen. A poesía é, polo demais, un útil valioso para rebelarnos contra a supervivencia canónica e mostrarnos favorábeis á vida, á experiencia revolucionaria.

A traxectoria artística de Alfonso Rodríguez vén definindo hai tempo unha poética xenuína. Si, Alfonso ten pincel naíf, botas de okupa e ten copado en todas as escolas, mais a súa achega ao noso monte literario (e libertario) é absolutamente auténtica e hai algún tempo que comezou ser valorada na súa dignidade.

Tralo pretendido automatismo dunha improvisación grafómana de infinitos retallos sincopados, trala escrita e a arte compulsiva, fican estas colaxes que iluminan a paisaxe dunha crise, consubstancial ao individuo sensíbel na civilización (nestes días caóticos de existencia).

Nesta nova arañeira poética de Alfonso está pechado un tempo. O seu, o noso tempo; un tempo de nicotina, de estupor e de estupidez contra o río da mercadoría estupefaciente. O poeta, o arácnido, móstrasenos abraiado na observación desta nosa xeración domesticada. Estes son poemas onde cae todo, onde todo se acende no declive dos guindastres, na explosión desexada, agardando a necesaria destrución que antecede a unha nova canción (a carón do vento), un canto imposíbel sen amor.

Para o poeta xa hai demasiada luz sobre a doenza constituínte das sociedades. Por iso evoca en todo tempo, e aquí tamén, como caeu (cando era máis mozo) no inferno do mundo e como foi salvado en parte polo amor. E volve ao intimismo, aos outros días en que non saen poemas.
Sen artificios extraordinarios, sen ás de albatros que lle impidan camiñar, ollos de araña abondan (vexo e non son vidente). Mais son o xogo, a chiscadela punki e o sorriso da bonhomía quen a miúdo iluminan a poesía do Alfonso. A desmitificación, a ironía, o sarcasmo, a incorrección tórnanse tropos literarios. A experiencia poética, intacta, incorrixíbel, enfróntase novamente á súa exposición pública e afírmase: tod@s temos moito que dicir.

Convén advertir que esta experiencia radical esixe unha lectura libre, afastada da presunción de estilo, que relativice acertos e deficiencias técnicas e evite o canon e guía que nos delimita o gusto. Unha lectura semellante pode atopar e gozar da poesía que se axita no teito branco destas páxinas.

Gaspar Domínguez

Teatro do Asteleiro da Sociedade "Grupo BAZAN" presenta o día 22 de maio ás 20,30 h. a obra "Oé, oé, oé."


Teatro do Asteleiro da Sociedade “Grupo BAZAN” 
presenta o venres día 22 de maio ás 20,30 h. no Ateneo Ferrolán
a obra en cartel  “Oé, oé, oé.”
... a solidariedade da xente de Ferrol está expresándose de moi diversos xeitos: o Teatro Estaleiro da Sociedade Grupo Bazán vai celebrar unha función benéfica o vindeiro 22 de maio ás 20:30 horas, representando “Oé, oé, oé”.

Entrada-Doazón Solidaria para o Ateneo Ferrolán. 

Elenco: Martín P. Ulfe, Alberto Suárez, Lan Couce
Equipa técnica: 
Dirección artística: Marián Rei
Dirección de escea: Luis G. Ramos
Deseño gráfico: cesarpena.eu



O Ateneo pide axuda para tentar salvar o seu patrimonio

Nota de prensa: o Ateneo pide axuda para tentar salvar o seu patrimonio

Inicio da campaña de micromecenazgo: APOIA ó Ateneo Ferrolán. Fai unha achega pola cultura por paypal, transferencia bancaria, tarxeta de creto ou ‪#‎faircoin‬ https://achegas.ateneoferrolan.org/

A obra municipal de restauración do edificio sede do Ateneo Ferrolán obrigou á entidade a retirar todo o seu patrimonio (hemeroteca, biblioteca, arquivos e enseres) e trasladalo a unha empresa de mudanzas. A negativa do concello (promotor da obra) a asumir estes gastos levou a que a empresa Mudanzas Félix demandase ao Ateneo e a entidade foi condenada ao pagamento de máis de 39.000 euros. 

Diante desta débeda e para evitar o embargo do seu valioso patrimonio, o Ateneo está poñendo en marcha unha campaña de recollida de axudas que poida permitir a recuperación dos bens almacenados en seis contentores dende hai xa cinco anos.

A campaña centralizase na web https://achegas.ateneoferrolan.org/, a través da cal o Ateneo solicita a axuda das persoas preocupadas pola situación económica da entidade, quen poden colaborar a través desta web facendo contribucións con tarxeta de crédito ou transferencia bancaria, e incluso mediante a moeda virtual “faircoin”. O Ateneo recolle doazóns tamén na secretaría da entidade na súa propia sede.

Por outra banda, a solidariedade da xente de Ferrol está expresándose de moi diversos xeitos: o Teatro Estaleiro da Sociedade Grupo Bazán vai celebrar unha función benéfica no Ateneo Ferrolán o vindeiro 22 de maio ás 20:30 horas, representando “Oé, oé, oé”.
Diversas sociedades culturais da cidade presentaron unha solicitude para poder utilizar o Auditorio de Ferrol o día 15 ou o día 16 de maio para unha gala solidaria co Ateneo sen que a súa petición fora contestada polo Concello, malia que o Auditorio non rexistrou ningunha actividade nestas datas.

Os actos de solidariedade co Ateneo continuarán o vindeiro de 27 de xuño coa celebración dunha xornada de festa, cultura e solidariedade no Seixo, para a que se conta coa colaboración da Sociedade Amigos da Paisaxe Galega. A directiva do Ateneo Ferrolán fai un chamamento a toda a cidadanía a participar nesta xornada de festa, así como a todas as xentes da cultura que queiran colaborar na iniciativa.  

Dende o Ateneo Ferrolán queremos agradecer profundamente a solidariedade da xente e dos colectivos coa nosa entidade, representativa da sensibilidade para coa cultura que sempre caracterizou á nosa sociedade. Pola nosa parte, continuaremos traballando para que a actividade cultural do Ateneo Ferrolán poida axudar modestamente á prosperidade desta bisbarra e das súas mulleres e homes.


Presentación e coloquio coas revistas: “Terras do Ortegal”, “Hume” e “Columba”. Mércores día 20 ás 19,30 h.


Xornada de revistas locais

no

Ateneo Ferrolan


20 de maio de 2015 ás 19:30 h. no salón de actos do Ateneo

Presentación e coloquio coas revistas
 
Terras do Ortegal”, “Hume” e “Columba”


Os días 25 de febreiro, e 2 e 5 de marzo o Ateneo Ferrolán acolleu a presentación de tres revistas locais e especializadas: “Murguía: Revista Galega de Historia”, “Revista de Neda” e “Cátedra: Revista Eumesa de Estudos”.

Con motivo daquel ciclo comentábamos que nun mundo complexo e interrelacionado, que tende a uniformidade, a edicion de revistas locais e especializadas e unha garantia da recuperacion do noso pasado, do mantemento das diversas culturas e a preservacion da diversidade cultural. Por ese motivo, o Ateneo Ferrolán está comprometido co apoio e a difusión destas iniciativas.

Na mesma liña de traballo e como continuación a aquel ciclo, o Ateneo organiza a presentación doutras tres revistas locais, como son “Terras do Ortegal”, “Hume” e “Columba” o vindeiro día 20 de maio de 2015, e a un coloquio no que se falará destas tres interesantes iniciativas. 

Participarán no coloquio tres persoas implicadas na edición destas revistas:  

Xosé María Torres (“Terras de Ortegal”), Antonio Castro (“Hume”) e José López Hermida (“Columba”).
 


Charla-coloquio “A integración das mulleres caboverdianas en Burela”. Luns día 18 ás 19 h.



Charla-coloquio “A integración das mulleres caboverdianas en Burela”
coa antropóloga Luzía Oca González.
Luns 18 de maio ás 19:00 horas, no salón de actos do Ateneo
Presenta Paula Meizoso, vicepresidenta do Ateneo Ferrolán
Luzia Oca González, licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidad Complutense de Madrid e doutora en Antropoloxía Social pola Universidade de Santiago de Compostela, profesora asistente na Universidade de Tras Os Montes-Alto Douro, fixo a súa tese de doutoramento sobre o tema “Caboverdianas en Burela (1978/2008): migración, relacións de xénero e intervención social”. Esta investigación ten a súa orixe no traballo que a autora, Luzía fixo entre 1998 e 2000 co “Proxecto BogAvante”, a primeira intervención empoderadora e participativa que se levou adiante coa comunidade caboverdiana en Burela. Luzia Oca González gañou a XIX edición do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais coa obra Caboverdianas na Mariña (1978-2008), que sairá publicado nos vindeiros meses. O premio está promovido conxuntamente polas Fundacións Sotelo Blanco e Vicente Risco, e os Concellos de Allariz e Castro Caldelas.
Na súa charla no Ateneo, Luzía Oca vai desenvolver as conclusións daquela intervención social e a investigación a que deu lugar, utilizando unha perspectiva feminista, con implicacións en temas tan diversos como a situación de Cabo Verde, as migracións ou as relacións de xénero ,entre outros.

Actividades do Ateneo Ferrolán no Día das Letras Galegas. Domingo día 17.


Actividades do Ateneo Ferrolán no Día das Letras Galegas


Mobilización da Plataforma Queremos Galego
Feirón das Letras Galegas
Solta de 40 libros en galego polas rúas de Ferrol


O Ateneo Ferrolán ten entre os seus obxectivos fundacionais a promoción da lingua e a cultura galega, e este obxectivo ten aínda máis sentido cando os poderes públicos amosan o seu desprezo ao noso acervo cultural e lingüístico. É por isto que o Ateneo apoia a mobilización da Plataforma Queremos Galego que se vai celebrar ás 12 h. do día 17 de maio na praza do Cruceiro de Canido.

O Día das Letras Galegas, o Ateneo celebrarará un Feirón das Letras Galegas nos locais do Ateneo Ferrolán entre as 12 e as 14 h., no que diversas librarías e colectivos terán á venta libros e diversos materiais representativos das letras e a cultura galega.

Ademáis, o Ateneo Ferrolán vai regalar 40 libros en galego. Na madrugada do día 17 de maio, o Ateneo vai deixar agachados 40 sobres en diversas rúas e lugares de Ferrol relacionados coas letras galegas, para que as persoas que os encontren poidan canxealos por libros en galego nos locais do Ateneo Ferrolán, exclusivamente nas horas de apertura do Feirón das Letras Galegas, entre as 12 e 14 h.

Concerto de Miguel Castro "Canciones para pensantes". Venres día 15 ás 20,30 h.



MIGUEL CASTRO en CONCERTO "Canciones para pensantes" 
venres día 15 ás 20,30 h. no salón de actos do Ateneo.
Entrada: Soci@s: 2€ / Non Soci@s: 4€
 
 
Semifinalista no I Concurso Internacional de Cantautores Olga Xirinacs (Tarragona 2009), finalista no Certamen de Cantautores XpressiónK (A Coruña 2009) e no II Sadacústico (Sada 2014) e colaborador habitual da Asociación Venres de Cantautar (A Coruña), Miguel Castro bebe de fontes tan dispares como Bob Dylan, Silvio Rodríguez, Jorge Drexler, ou Glen Hansard, e acariña estilos musicais diversos (bossanova, blues, country, swing, pop, folk), aderezados en ocasións co uso de loops gravados sempre en rigoroso directo.
 

Comunícase desde rexistros variados (o amante patético e perplexo que chora polas esquinas, o canalla que chama a cada cousa polo seu nome, o peatón que protesta indignado ante as incongruencias da sociedade) e aborda os temas das súas cancións desde moi distintas perspectivas. Crea así un estilo de canción de autor, con poucos pelos na lingua, no que nada predomina, pero no que atopamos intimismo e desnudez, rabia, tenrura, calidez e unha boa dose de ironía e sarcasmo moi propia de terras galegas.
 

Nesta ocasión, proponnos un paseo polo resbaladizo terreo do amor e os sentimentos que o acompañan (Dos Toboganes), máis algunhas reflexións sobre o mundo que nos rodea que integrarán o seu próximo traballo, "Cosillas (os martes os tenedores non se caen)".

Entrevista a Eliseo Fernández, Presidente do Ateneo en Praza Pública



Publicamos Entrevista a Eliseo Fernández Fernández, 

http://praza.gal/cultura/9404/ferrol-e-unha-cidade-de-creadores-de-cultura-non-so-de-consumidores-de-pan-e-circo

O Ateneo de Ferrol fundouse en 1879 e durante os últimos 135 tivo sempre un papel moi importante na promoción da cultura na cidade, unha actividade só interrompida durante os períodos de ditadura e que nos últimos anos, dende a chegada á alcaldía do popular José Manuel Rey Varela, se atopa seriamente ameazada. En 2008, a raíz dun problema de pingueiras no teito, o Concello decidiu a rehabilitación completa do inmoble, unhas obras nas que investiu 1,2 millóns de euros. Por mor das obras, os fondos do Ateneo -unha biblioteca de dez mil volumes e unha valiosa hemeroteca- tiveron que ser almacenados por unha empresa de mudanzas. A anterior xunta directiva, presidida por Ramón Veloso, chegou a un acordo verbal co concelleiro de Urbanismo, Guillermo Evia, para que fose o Concello quen recuperase os bens do Ateneo con cargo ás arcas municipais.

Porén, en 2011 cambia o goberno municipal e o Concello muda os seus plans, ignorando a súa responsabilidade e o compromiso adquirido. A empresa -Mudanzas Félix- reclama que alguén lle aboe os gastos de transporte e almacenamento e ante a ausencia dun documento escrito que sinalase a débeda do Concello, en setembro do pasado ano o Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Ferrol determinou que o Ateneo debía pagarlle 39 mil euros (os 19 mil iniciais, que cada mes se foran -e seguen- incrementando en case 600 euros máis). O tempo segue pasando e a continuidade da entidade cultural máis activa da cidade está no aire, o mesmo que o futuro dunha parte fundamental do patrimonio da urbe (libros únicos, xornais centenarios, importantes obras pictóricas...), que continúa retido nun polígono industrial e podería ser embargado e vendido nunha poxa.

"Dende febreiro de 2014 levamos pedindo unha entrevista co alcalde para tentar chegar a unha solución que asegure o futuro da entidade e a protección deste patrimonio" -destaca o historiador Eliseo Fernández, presidente do Ateneo- "pero non houbo resposta". "Tamén lles comunicamos á Consellaría de Cultura e á Deputación que o patrimonio do Ateneo estaba en perigo e tampouco tivemos resposta. E o mesmo sucedeu cando nos puxemos en contacto coa Dirección Xeral de Bibliotecas, xa que formamos parte da Rede de Bibliotecas de Galicia", di.

"Creo que máis aló da importancia que isto ten para o Ateneo, esta situación non deixa en moi bo lugar ao propio Concello de Ferrol"- destaca- "Unha entidade cultural de longa traxectoria está en perigo, un patrimonio que pertence a todos os ferroláns tamén está en perigo, almacenado en contedores e coa posibilidade de ser vendido. Resulta moi contraditorio que suceda isto cando por outro lado se está pedindo que Ferrol sexa recoñecida pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade". "Pero sucede con máis cousas: só hai que ver a situación de Ferrol Vello e doutros elementos do patrimonio arquitectónico, o que pasou coa Fábrica de Lápices", engade.

"A única solución inmediata pasaría porque o Concello aceptase a reclamación patrimonial, que fixemos a través do rexistro, que se faga cargo duns gastos que foron xerados por unha obra municipal", destaca. Pero segue sen haber resposta das administracións. De momento, o Ateneo, que conta con 350 socios e socias, prepara distintas iniciativas para conseguir unha certa cantidade de diñeiros que permita pagar a débeda ou, cando menos, unha parte dela, e recuperar parte do patrimonio retido. Dende vender algúns obxectos deste patrimonio, coma cadros e algúns libros, o inicio dunha campaña de crowdfunding, ou un festival de música e artes escénicas para recadar fondos, unha especie de gala solidaria organizada por varias entidades da cidade. "Nós imos facer todo o posible por manter o Ateneo con vida, pero vai depender tamén de que haxa unha resposta popular, que a hai, pero hai que ver se é suficiente", destaca Eliseo Fernández.

A importancia para a cultura da cidade
"O Ateneo Ferrolán está tentando contribuír modestamente á revitalizacion de Ferrol, traballando dende o ámbito da cultura", reclamaba o propio Fernández nunha carta aberta dirixida ao alcalde José Manuel Rey Varela, sinalando a importancia dunha entidade tan activa e cunha vontade de apertura a calquera colectivo ou persoa que queira facer uso das súas instalacións. "Nos últimos meses quixemos vivificar o Ateneo, redobrando o número de actividades, para volver ser protagonistas da vida cultural da cidade, despois de dous anos de obras e outro máis de dificultades económicas e na relación co Concello. Queriamos xustificar tamén o gasto que o Concello e nós mesmos fixéramos nas obras de rehabilitación, e demostrar que a existencia do Ateneo é importante", di.

"O Ateneo é moi importante, moito máis nunha cidade en crise como Ferrol. O Ateneo recolle a historia da cidade dos últimos trinta anos, pero mesmo dende máis atrás, dende o século XIX. Mantén viva a única hemeroteca histórica da cidade e por aquí pasaron nos últimos anos moitísimos investigadores que estaban traballando sobre a historia de Ferrol. Ese patrimonio tiña que estar aquí de volta ao día seguinte de rematar as obras. Xa se prexudicou a moitos investigadores, que viñeron consultar fondos que están retidos", engade.
Nese momento a débeda era de 19 mil euros. "Para un Concello como Ferrol 19 mil euros non é tanto, é menos do que recentemente gastou nalgunha actuación máis que cuestionable", di, referíndose á instalación dunha estatua de bronce en homenaxe aos confrades da Semana Santa, cun custe de 20 mil euros.

"Eles patrocinan un determinado tipo de cultura, pero iso non pode significar ignorar por completo o resto, aí si que percibimos un sectarismo moi forte. Porque ademais a cultura é cultura cando é plural"

Na devandita carta aberta preguntáballe a Rey Varela se se consideraba "a persoa adecuada para encabezar un proxecto aglutinador da sociedade ferrolá", denunciando que "o goberno municipal do Partido Popular ten amosado a súa vontade de executar unha política de castigo cara ao Ateneo Ferrolán", unha actitude sectaria cara ás asociacións que non considera afíns. "Eles patrocinan un determinado tipo de cultura. Iso é lóxico, entendo que cada grupo político aposta por un determinado tipo de cultura, pero iso non pode significar ignorar por completo o resto, aí si que percibimos un sectarismo moi forte. Porque ademais a cultura é cultura cando é plural", afirma Eliseo Fernández.

"A cultura non son só os grandes fastos, son as iniciativas e expresións realizadas dende a base, a que facemos entre todos e todas. De aí o noso lema: 'Somos Cultura'"

"Ata esta lexislatura, na que por primeira vez en moito tempo houbo unha maioría absoluta, ningún goberno dunha cor ou doutra recortara tanto as axudas ao Ateneo e tampouco levara a cabo un ataque tan directo contra a entidade", di. "Pode que teña que ver co carácter dun concelleiro que ten unha visión moi pechada do que debe ser a Cultura en Ferrol. E por iso a súa política exclúe a moita xente, non só ao Ateneo", engade. "Creo que non se está valorando a importancia que o Ateneo ten para a esta cidade, o papel que cumpre no impulso da cultura e para os creadores e creadoras. A cultura non son só os grandes fastos, son as iniciativas e expresións realizadas dende a base, a que facemos entre todos e todas. De aí o noso lema: 'Somos Cultura'. Ferrol é unha cidade de creadores de cultura, non só de consumidores de pan e circo", conclúe.

DEBATES MUNICIPAIS no Ateneo Ferrolán

DEBATES MUNICIPAIS no Ateneo Ferrolán 

ás 19 h. no salón de actos do Ateneo coa participación dos representantes dos partidos políticos presentes para estas eleccións municipais de Maio 2015 e coa colaboración de Ferrol360.
Entrada libre.


Luns día 11 – “Benestar social, igualdade e xuventude”

Martes día 12 - “Economía, facenda e recursos humanos”

Mércores día 13 - “Medio ambiente, urbanismo, servizos, seguridade”

Xoves día 14 - “Cultura, educación, deportes e turismo”

Martes día 19 - Alcaldables a Ferrol

Avance Programación Cultural. Semana do 11 ao 17 de maio 2015


Avance Programación Cultural no Ateneo Ferrolán

Semana do 11 ao 17 de maio de 2015

De luns a sábado: Exposición “Diario de la tribu” de Juan Manuel Alvarez Romero (Sala de exposicións). Ate o 31 de maio.

Luns día 11 –
ás 19 h. no salón de actos:
DEBATE MUNICIPAIS: “Benestar social, igualdade e xuventude”

Martes día 12 -
BIBLIOTECA – HEMEROTECA de 17 a 21 h.
ás 19 h. no salón de actos:
DEBATE MUNICIPAIS: “Economía, facenda e recursos humanos”
ás 19 h. na 3ª planta (sala 1): Escola Teatro do Ateneo

Mércores día 13
BIBLIOTECA – HEMEROTECA de 17 a 21 h.
 
ás 19 h. no salón de actos:
DEBATE MUNICIPAIS: “Medio ambiente, urbanismo, servizos, seguridade”

ás 19 h. na 3ª planta (sala2) Curso Fotografía de Fran Nieto

ás 19,45 h. na 3ª planta (sala 1) Reunión CIRPEN (Círculo pensamento filosófico do Ateneo)

Xoves día 14
BIBLIOTECA – HEMEROTECA de 17 a 21 h.
 
ás 19 h. no salón de actos:
DEBATE MUNICIPAIS: “Cultura, educación, deportes e turismo”

ás 19 h. na 3ª planta (sala 1) Escola Teatro do Ateneo

Venres día 15
BIBLIOTECA – HEMEROTECA de 17 a 21 h.

ás 20 h. no salón de actos:
CONCERTO de MIGUEL CASTRO “Canciones para pensantes”

Sábado día 16 – BIBLIOTECA – HEMEROTECA de 10,30 a 13,30 h.

Domingo día 17 - Apoio á Manifestación “O galego, garantía de futuro” convocada pola Plataforma Queremos Galego

Exposición "Diario de la tribu"de Juan Manuel Alvarez Romero. Ate o 31 de maio

 
Exposición "Diario de la tribu"de Juan Manuel Alvarez Romero 
Ate o 31 de maio nas salas de exposicións do Ateneo Ferrolán.  
Horario: de luns a venres de 11 a 13,30 h. e de 17 a 21 h.
Sábados de 10,30 a 13,30 h.

Exposición de debuxos de figuras en varias técnicas que viaxan pola transformación do individuo por este estraño mundo chamado humanidade.... Figuras que levan a carga e o peso de ser parte da historia dos outros  e de se mesmos...

Electrónica onírica de KOROIEV. Venres día 8 ás 20 h.


A electrónica onírica de KOROIEV aterra no Ateneo Ferrolán
Entrada: 2 €

O venres 8 de maio ás 20 horas, o Ateneo Ferrolan será o lugar escollido para finalizar a minixira galega de Koroiev. Nas últimas semanas estivo en Corcubión, Coruña, Ortigueira e Vigo. En lugares tan dispares como unha igrexa, un pazo ou unha sala de concertos autoxestionada.

Koroiev é un dos proxectos do músico de orixe ferrolan ROBERTO CASTELEIRO Música orquestral, folk, ambiente, poesía, rock progresivo e electrónica caracterizan a música do seu último disco "Kostia Bogomov", unha fábula conceptual construída a base de longas pasaxes musicais e fragmentos cantados que nos remiten ao misterio dos bosques galegos. As letras son fragmentos de "Longa noite de pedra" de Celso Emilio Ferreiro.

Roberto Casteleiro naceu en Ferrol en 1982. A semana pasada visitábanos por primeira vez co seu proxecto de synthpop Korokati (KRKT) no Manchita Cosa. Coñecido musicalmente por formar parte do dúo "Fagot e Popota" ou polo seu heterónimo "Federico Flesfa", este venres é unha boa oportunidade de escoitar o que deu en chamar electrónica onírica, unha viaxe a través das vivencias do mozo "Kostia Bogomov".



Links / contacto: 
http://ylasbarbascreceran.wordpress.com
cior.koroiev@gmail.com
http://koroiev.bandcamp.com
http://vimeo.com/koroiev
 





Estrea do documental #oligopolyOFF. Mércores día 6 ás 19 h.

Estrea do documental #oligopolyOFF en Ferrol
Presenta: Francisco Maceira
Mércores, 6 de maio, ás 19 horas no salón de actos do Ateneo Ferrolán
Entrada libre

 

"Chanfaina'Lab" en Ferrol. Martes día 5 ás 19,30 h.


"Chanfaina'Lab" en Ferrol"

Martes 5 de maio, ás 19:30 horas no salón de actos do Ateneo

Presentado por Secundino García Casal, alcalde de San Sadurniño, e Manolo González

UNHA MIRADA SOBRE SAN SADURNIÑO
DE CREADORES E CREADORAS
DO CINEMA GALEGO

1. Promo Chanfaina. César Galdo. 0’35’’
2. Café-Bar Santos Perruquería. Sonia Méndez . 11’25’’
3. Quén gravou en San Sadurniño?. Guillermo Arias-Carbajal . 6’28’’
4. Balada Cover. Belén Montero e Juan Lesta . 5’23’’
5. A axilidade dos humanos. Jaione Camborda. 3’
6. Ao patadón. Xurxo Chirro . 2’ 13’’
7. SANSa SOLEIL. Otto Roca . 7’
8. Camiños de Bardaos. Ángel Santos Touza. 9’
9. Cruz Piñón. Xisela Franco . 13’17’’
10. Superfícies Forgoselo (Granito). Alberte Pagán . 4’10’’
11. Madeira de Piñeiro e Nova Zelanda non quedaba tan lonxe.
Brais Breijo e Dani Lema. 4’23’’
12. E logo?. Mario Iglesias. 6’
13. Cartas da Conquista. Xurxo Chirro . 4’49’’
14. Liorta. Alfonso Zarauza. 3’
15. Á veira do Aceiteiro. Víctor Hugo Seoane . 4’15’’
16. Amar #01. Pablo Portero e Fer Patiño . 3’
17. Teleclube. Xurxo Chirro . 3’30’’
18. Solpor. Xacio Baño . 4’35’’
19. Chanfaina. Marcos Nine . 9’44’’

Chanfaina'Lab

San Sadurniño, 2014

Durante a fin de semana do 6 ao 7 de setembro do 2014 celébrouse en San Sadurniño a 1ª Chanfaina’Lab, unha novidosa experiencia de creación audiovisual colectiva que tenta poñer en valor o territorio do concello a través dos ollos de creadores/as audiovisuais galegos/as. A idea é sinxela: os participantes gravaron entre o sábado 6 e o domingo 7 unha película dunha duración de entre tres e cinco minutos, con absoluta liberdade sobre o tema e tratamento visual. A ollada contemporánea sobre a paisaxe rural, a emigración, o devalar do tempo, as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello, converteron a San Sadurniño nun universo por descubrir e moi axeitado para debullar propostas visuais innovadoras.
O nome de chanfaina alude a unha receita tradicional dos territorios de antigos señoríos, cando as partes "nobres " do animal entregábanselle aos Señores, mentres as vísceras e as partes mais pobres quedábanse na cociña dos labregos, coas que preparaban a denominada chanfaina, de grande tradición nas parroquias de Bardaos e Igrexafeita.
 

Entre os creadores/as que se achegaron á San Sadurniño coa súa cámara figuran autores/as relevantes do audiovisual galego como Alberte Pagán, Alfonso Zarauza, Angel Santos Touza, Ánxela Caramés, Beli Martinez, Felipe Lage, Guillermo Arias-Carvajal, Jaione Camborda, Juan Lesta&Belén Montero, Marcos Nine, Mario Iglesias, Otto Roca, Sonia Méndez, Victor Hugo Seoane, Xacio Baño, Xisela Franco, Xosé Manuel Sande, Xurxo Chirro ademais de autores/as de Ferrolterra como Pablo Portero, Miguel Noval, Cesar Galdo, Ary López, David Balado, Fer Patiño, ou Brais Breijo. O fotógrafo Gabriel Tizón fixo un seguemento visual e persoal do evento e Ana Lamas cociñou persoalmente a chanfaina ao "estilo Igrexafeita" para os/as participantes.

http://www.falamedesansadurnino.org/tag/chanfainalab

Presentación do libro "No café/Entre campesiños" de Errico Malatesta. Luns día 4 ás 19,30 h.

Unión Libertaria
"Actos polo centenario do Congreso Internacional da Paz (Ferrol, 29 de abril de 1915)"
 
"Presentación do libro "No café/Entre campesiños" de Errico Malatesta. 
Presentado por membros de Unión Libertaria
o lúns día 4 de maio ás 19,30 h. no Ateneo Ferrolán
 

Exposición "Diario de la tribu" e Presentación do libro de poemas "Errante". Sábado día 2 ás 20 h.


Exposición "Diario de la tribu" e Presentación do libro de poemas "Errante" 
de Juan Manuel Alvarez Romero 

O sábado día 2 de maio ás 20 h. nas salas de exposicións do Ateneo Ferrolán.  
Entrada libre.

Exposición de debuxos de figuras en varias técnicas que viaxan pola transformación do individuo por este estraño mundo chamado humanidade.... Figuras que levan a carga e o peso de ser parte da historia dos outros  e de se mesmos...
Tamén presentará o poemario "Errante", que recolle poemas escritos por este camiño errante que todos levamos dentro e que dalgunha forma nos imos transformando no que somos a través deste percorrido 
nómade pola vida.

Related Posts with Thumbnails