III Convocatoria de proxectos en colaboración
Proxecto Recuperación, dixitalización e posta en valor da biblioteca-hemeroteca do Ateneo Ferrolán

A Fundación Pedro Barrié de la Maza destina máis de 116.000 euros á catalogación e dixitalización de fondos, doazón de publicacións e posta en valor da biblioteca e hemeroteca do Ateneo Ferrolán.

  • José María Arias, vicepresidente da Fundación Pedro Barrié de la Maza e presidente do Banco Pastor, visitou o 22 de outubro o Ateneo, onde foi recibido polo presidente da institución, Eliseo Zaera.
  • O proxecto "Recuperación, dixitalización e posta en valor da biblioteca-hemeroteca do Ateneo Ferrolán", financiado pola Fundación con 46.400 euros, consiste na catalogación e dixitalización dos fondos de prensa da hemeroteca do Ateneo, concretamente de cabeceiras editadas en Ferrol no século XIX e principios do XX como "Faro de Ferrol" , "El Eco Ferrolano", "La Lucha", "El Radical", "La Democracia" ou "Diario Ferrolano" dos cales o Ateneo conserva os únicos exemplares na súa biblioteca-hemeroteca.
  • A Fundación Pedro Barrié de la Maza afronta este proxecto co obxectivo de salvagardar uns fondos únicos, de inmenso valor cultural e histórico, a fin de asegurar a súa conservación e facilitar o seu acceso público, non só a unha maior cantidade de usuarios, senón nunhas condicións moito máis favorables para o seu arquivo e estudo.
  • Crearase unha hemeroteca dixital, a fin de que os fondos dixitalizados estean a disposición do público, e que será accesible desde unha nova páxina web da entidade.
A Fundación Pedro Barrié de la Maza destinará máis 116.000 euros a un proxecto de posta en valor da hemeroteca e biblioteca do Ateneo Ferrolán, unha das institucións culturais de referencia do norte de Galicia. No marco desta colaboración, a Fundación financiará con 46.400 euros o proxecto "Recuperación, dixitalización e posta en valor da biblioteca-hemeroteca do Ateneo Ferrolán", un dos proxectos seleccionados pola Fundación na súa III Convocatoria de proxectos en colaboración 2006-2007. O prazo para a realización do proxecto, financiado en exclusiva pola Fundación, é de dezaoito meses.

Esta colaboración ampliouse coa doazón de máis de 230 títulos editados polo servizo de publicacións da Fundación e coa cesión ao Ateneo da colección de microfilms do O Correo Galego correspondentes ao período 1878-1974, que actualmente a Fundación conserva na súa biblioteca na Coruña.

O proxecto "Recuperación, dixitalización e posta en valor da biblioteca-hemeroteca do Ateneo Ferrolán", inclúe:

  • A dixitalización de fondos de prensa únicos e de gran valor histórico e social da hemeroteca do Ateneo, correspondentes a cabeceiras editadas en Ferrol no século XIX e principios do XX, e dos cales o Ateneo conserva os únicos exemplares. Trátase dos xornais "El Radical", "La Democracia", "Diario Ferrolano" –primeiro xornal no que escribe Wenceslao Fernández-Flórez, así como o primeiro de España que contou con servizo propio de telegrafía sen fíos–, "Faro de Ferrol", "El Eco Ferrolano", "Galicia", "La Lucha", "La Voz del Obrero", "El Porvenir", "La Voz de la Liga", "La República", "El Pueblo", "El Bien del Obrero", "El Chicote", "Revista Acorazado" e "La Cruzada" entre outros.
  • A realización dunha hemeroteca dixital na que se incluirán todos os fondos de prensa que se catalogarán e dixitalizarán no marco deste proxecto, e que será accesible desde unha nova páxina web da entidade.
  • A catalogación e dixitalización da colección de fotografías "A sociedade española de construción naval desde 1900".
  • A dixitalización dos cinco exemplares existentes na Biblioteca Municipal de Ferrol dos Anuarios de Debates e Conferencias publicados polo Ateneo entre 1903 e 1907, e dos cales o Ateneo non conserva orixinais en papel.
  • A ampliación do equipamento da biblioteca-hemeroteca do Ateneo, incluíndo a adquisición de cinco computadores persoais para uso público e interno, así como de diverso material informático.
  • A adquisición dun reprodutor de microfilms e microformas que permita visualizar, dixitalizar e mellorar devanditas imaxes, co obxecto de pór os fondos dixitalizados a disposición dos usuarios.
A biblioteca do Ateneo Ferrolán é unha biblioteca especializada e única no ámbito comarcal de Ferrol, tanto polos seus fondos como porque aínda pertencendo a unha entidade privada, está aberta ao público. O seu fondo bibliográfico componse de 7.500 volumes de carácter xeral pero con especial incidencia en temas relacionados coa cidade de Ferrol, así como na arte, a historia, a literatura e a cultura de Galicia.

A hemeroteca, a única existente en Ferrol, conta cunhas 450 cabeceiras de prensa, divididas en revistas e prensa diaria, sendo de notable importancia a sección de prensa local, na que se conservan exemplares únicos do século XIX.

O Ateneo Ferrolán

O Ateneo Ferrolán é unha asociación sen ánimo de lucro, de carácter cultural, con vocación de promocionar e defender a cultura galega. Foi fundado en 1879 por un grupo de intelectuais presididos por Avelino Comerma e Batalla co nome de ATENEO ARTÍSTICO, CIENTÍFICO E LITERARIO DE FERROL. Logo de varias etapas de actividade e da súa paralización en 1936, o Ateneo reiniciou a súa traxectoria en 1976. A súa sede atópase nun edificio singular do século XVIII no histórico Barrio da Magdalena, nun inmoble propiedade do Concello de Ferrol.

Baixo o lema "Un lugar de encontro para a cultura", o Ateneo desenvolve as súas actividades como entidade cultural sen ánimo de lucro nos campos das artes plásticas, música, literatura, teatro, audiovisuais.

Na súa programación, destaca o servizo de Biblioteca-Hemeroteca aberto ao público en xeral; o certame anual de gaita galega Constantino Bellón; certames de fotografía, teatro e de curtametraxes; a publicación da súa revista trimestral e dun caderno bianual; as edicións das gravacións en directo das finais do certame de gaita; ou a edición de documentais, entre outras.

O Ateneo é un punto de referencia dentro do mundo cultural da cidade de Ferrol e de Galicia en xeral, polas moitas e plurais actividades que organiza en función dunha demanda social ao servizo da cal orienta todos os seus esforzos e poder de convocatoria. Desde 1989 a Biblioteca do Ateneo Ferrolán está considerada pola Consellería de Cultura e Deporte como "biblioteca de titularidade privada de especial interés para Galicia", integrándose na rede de Bibliotecas de Galicia.

Ferrol, 22 de octubre 2008

Departamento de Comunicación
Fundación Pedro Barrié de la Maza

Tel. + 34 981 060 091 / 659 459 030
E-mail: comunicacion@fbarrie.org

0 comentarios :

Related Posts with Thumbnails