Mención Gaita de Ouro "Constantino Bellón" 2013






Témolo pracer de comunicar o acordo tomado en Xunta Directiva, referente á Institución da Mención Honorífica do Ateneo Ferrolán, na modalidade de Gaita de Ouro “Constantino Bellón” e a concesión da mesma.

A imposición da citada Mención terá lugar no ACTO que se celebrará  o próximo sábado día 31 de agosto, as 20 horas, no Teatro JOFRE de Ferrol na Final do XXI Concurso Internacional de Composición e Gaita Galega  “Constantino Bellón”,.

O Ateneo Ferrolán acorda concedela Mención Gaita de Ouro

“Constantino Bellón” correspondente ao ano 2013  a:



PABLO CARPINTERO

pola súa labor desenvolvida como gaiteiro, investigador e artesán.



Pablo Carpintero naceu en San Cristobo de Castro, no concello de Carballedo, na provincia de Lugo en 1969. É gaiteiro desde os oito anos e estudou ciencias biolóxicas na Universidade de Santiago de Compostela onde, en 1992, acadou o grao de  doutor. Nesta mesma universidade obtivo o diploma de estudos avanzados en musicoloxía no ano 2006.



Hai máis de vinte anos que se dedica a estudar e difundir os nosos instrumentos musicais, para o que ten feito traballo de campo en toda Galicia, Asturias, Portugal e o Bierzo, estudando principalmente a gaita de fol e a súa música. Froito deste traballo é a súa obra de investigación máis destacada: “Os instrumentos musicais na tradición galega”, onde se dá conta de máis de 150 instrumentos musicais empregados na Galicia tradicional. Ten editado tamén numerosos traballos discográficos, ben cos seus grupos “Ultreia” e “A Requinta de Xián”, ben con gaiteiros de idade para consevar os seus orixinais sons.



Pablo Carpintero é membro directivo da Asociación de Gaiteiros Galegos e forma parte da comisión do Arquivo Sonoro do Consello da Cultura Galega. Traballou seis anos como técnico do proxecto Ronsel para a posta en valor do Patrimonio Cultural de Galicia e, en 2011, foi escollido para formar parte do comité da UNESCO que avalía as candidaturas á Lista Representativa de Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, tarefa que segue a realizar na actualidade.

Hai máis de dez anos que colabora na sección “O Recuncho da Palleta” dentro do programa “Lume na Palleira” da Radio Galega, e desde hai tres anos realiza unha sección dentro do programa “Luar” dedicada á nosa música máis tradicional.

Na actualidade dedícase á fabricación de gaitas de fol, percusión, requintas e frautas no seu obradoiro de Santiago de Compostela, sendo a súa principal teima a réplica de gaitas de fol antigas e a recuperación dos seus sons.      
 



Conexión con Pablo Carpintero en directo dende o Teatro Jofre.

0 comentarios :

Related Posts with Thumbnails