Proposta de debates electorais. Eleccións Municipais 2015





Proposta de debates electorais

Eleccións Municipais 2015



Ferrol360 e o Ateneo Ferrolán coinciden en que a cidadanía de Ferrol debería poder coñecer en profundidade os proxectos políticos das diversas forzas que competirán nas vindeiras eleccións municipais. A información sobre as posturas de cada unha das opcións electorais, o contraste dos diversos proxectos e mesmo a posibilidade de que a cidadanía interrogue ás persoas que se postulan para rexir os destinos do Concello, son ferramentas para un mellor exercicio da democracia no ámbito municipal.


É por iso que Ateneo Ferrolán (coa colaboración de Ferrol360) propón a celebración de debates electorais abertos, que poidan axudar á xente a formar a súa opinión e exercer o seu dereito ao voto do mellor xeito posible. Non temos dúbida de que a confrontación pública dos diversos proxectos e o seu escrutinio popular servirán para a elección reflexiva e madura das mulleres e dos homes de Ferrol. Trátase, ao cabo, de que estas eleccións municipais se fagan na mellor das condicións posibles para que o seu resultado poida contribuir á recuperación social e económica dunha cidade que lamentablemente está pasando por malos momentos.

Participantes:
Persoas integrantes das forzas con representación no Concello de Ferrol ou con perspectivas de conseguir representación nas vindeiras eleccións municipais.

Lugar e horario:
Ateneo Ferrolán, de 19:30 até 21:30 horas

Formato:
Propoñemos a celebración de catro debates sectoriais e un debate entre alcaldables a realizar en período electoral. A idea sería que estes debates foran moderados por xornalistas de Ferrol360 ou de recoñecida traxectoria na cidade, que o formato fuxira en todo o posible do encorsetamento e que estivera aberto á participación do público. O debate estaría tamén aberto aos medios e podería ser retransmitido por radio ou por streaming.

Proposta de datas:
Luns, 11 de maio – Debate sobre benestar social, igualdade, xuventude
Martes, 12 de maio – Debate sobre economía, facenda, recursos humanos
Mércores 13 de maio – Debate sobre medio ambente, urbanismo, servizos, seguridade
Xoves, 14 de maio – Debate sobre cultura, educación, deportes, turismo
Martes, 19 de maio – Debate entre alcaldables

A devandita proposta vai dirixirse polas canles oficiales ás diversas forzas políticas para comprobar a súa aceptación dos termos do debate e confirmar a súa participación.


0 comentarios :

Related Posts with Thumbnails