Última hora do Festival Solidario co Ateneo no Seixo e primeira reunión oficial co Concello de Ferrol.

Última hora do Festival Solidario co Ateneo no Seixo 
e primeira reunión oficial co Concello de Ferrol
  
Os preparativos da xornada festiva e cultural que vai ter lugar no Seixo o vindeiro sábado 27 de xuño continúan avanzando. No Ateneo Ferrolán e na Sociedade Amigos da Paisaxe do Seixo xa están á venta as entradas para a Gala Solidaria, ao módico prezo de 5 euros; próximamente estarán á venta noutros lugares da bisbarra. Ademáis, ao longo da xornada de festa poñeranse á venda boletos para a rifa de dous cadros donados polos seus autores, Delio Sánchez e Miguel Navarro Salinas , e dunha cesta de productos do país, que se sortearán ás 19 horas no Souto de Beiramar (a obra “Resquicio violeta” de Delio Sánchez), e despois na Gala Solidaria ás 22 horas (a obra “Conspirando” de Miguel Navarro Salinas) e ás 23 horas (a cesta de productos do país). O boleto para o sorteo dos dous cadros é único e o seu prezo é de 3 euros, sortearase unha única vez e as persoas gañadoras poderán recoller as obras de arte no festival ou posteriormente no Ateneo Ferrolán (o número gañador darase a coñecer no festival e publicitarase despois no blog do Ateneo). Pola contra, a cesta de productos do país sortearase na propia gala cantas veces sexa necesario até que apareza un gañador ou gañadora.

A Feira Cultural comezará ás 14 horas no Souto de Beiramar do Seixo cunha comida popular na que as persoas que acudan poderán levar a súa propia comida ou degustar a paella que terá á venta a organización así como chourizos asados.

Por outra banda, onte á noite o concelleiro Suso Basterrechea, despois da rolda de prensa na que se oficializou a conformación do grupo de goberno municipal, reuniuse coa directiva do Ateneo Ferrolán para tratar das medidas que vai adoptar o Concello de Ferrol con respecto á entidade. A xuntanza desenvolveuse na maior cordialidade e o que será responsable da área de cultura no goberno municipal manifestou a vontade de exectuar á maior brevidade posible os compromisos asumidos no pacto de goberno entre Ferrol en Común e o PSOE, arredor da devolución do patrimonio do Ateneo, a ampliación de espazo na sede do Ateneo e o cambio de nome do edificio. As devanditas medidas ficarían pendentes dos trámites administrativos correspondentes e das conversas coas asociacións implicadas.

0 comentarios :

Related Posts with Thumbnails