Entrevista ao responsable da Biblioteca – Hemeroteca «Ángeles Alvariño» do Ateneo Ferrolán



 






 Entrevista ao responsable da Biblioteca – Hemeroteca «Ángeles Alvariño» do Ateneo Ferrolán, unha entidade cultural fundada en 1879 e que desde entón mantén vixente o seu compromiso coa cultura na cidade de Ferrol.

Archivoz: International Archives Magazine

A cidade de Ferrol foi berce de numerosas cabeceiras, moitas delas de carácter efémero apenas superaron o primeiro número, outras aínda perviven, aínda que lle fosen amputadas á cidade, como o diario El Correo Gallego. Esta cabeceira, nacida en Ferrol foi trasladada a Santiago de Compostela en plena guerra civil. Todas estas cabeceiras son como instantáneas mecanoscritas da historia, fiel reflexo dun momento da cidade. Na Hemeroteca do Ateneo conservamos exemplares de gran interese –moitos deles únicos– da prensa local dos séculos XIX e XX.

Por outra banda, a colección da biblioteca está orientada cara aos estudos de carácter local. Queremos ser moi selectivos con esta colección sobre, temas ferroláns e galegos, que na actualidade crece grazas a doazóns públicas e privadas que son sempre moi benvidas. Como mostra da importancia deste tipo de coleccións, este ano por exemplo temos dúas celebracións protagonizadas por personaxes históricos ferroláns que transcenden o interese local, como son a conmemoración do 200 aniversario do nacemento de Concepción Arenal, ou a celebración do Día dás Letras Galegas en homenaxe á figura de Ricardo Carvalho Calero.

As nosas coleccións son o reflexo do devir histórico do Ateneo Ferrolán como entidade, e da cidade en xeral. Gonzalo Torrente Ballester dicía sobre a súa cidade natal que é “unha cidade lóxica situada nunha terra máxica”. Ferrol foi creada a mediados do século XVIII practicamente desde a nada para erixir os Reais Arsenais da Armada seguindo os ideais de racionalidade da Ilustración. Esta inxente realización atraeu a miles de persoas, chegando a ser a primeira cidade de Galicia en número de habitantes no último terzo do XVIII.

Desde entón ata hoxe a cidade está suxeita e acusa especialmente as vicisitudes históricas de Galicia e España, pola súa forte dependencia das políticas estatais cos seus núcleos de decisión por centos de quilómetros, acentuando os efectos das cíclicas crises sociais e económicas. No seo da sociedade local, altamente estamental, creceron os ideais conservadores e liberais; e tamén o movemento obreiro, xa que Ferrol era unha illa industrial nunha Galicia que foi practicamente allea á revolución das máquinas.

 Entrevista completa: https://www.archivozmagazine.org/fernando-rivera-ateneo-ferrolan/

#Ateneo #SomosCultura #SomosIlustración #FerrolEnPositivo

0 comentarios :

Related Posts with Thumbnails