Dende o Sindicato de Oficios Varios da CNT de Ferrol queremos facer públicas as diversas irregularidades que esta a cometer o Concello de Ferrol contra o Ateneo Ferrolán e os seus traballadores e traballadoras. Tras dous anos de obras de rehabilitación, o edificio histórico cedido á entidade xa se atopa en plenas condicións de funcionamento, pola cal entendemos que non existen motivos para demorar máis aló a reincorporación dos traballadores e traballadoras aos seus postos.
Logo de ter reducido o espazo dispoñible para o Ateneo, limitando dese xeito a súa capacidade en favor de outras entidades ideoloxicamente mais afíns ó goberno municipal, este compracese en anunciar a cesión dun edificio publico (o antigo hospicio) a unha asociación empresarial. Estas actuacións das que son directamente responsables o alcalde e o seu equipo de goberno, so teñen coma obxectivo o debilitamento dunha entidade que polo seu carácter plural e a súa vocación de achegamento da cultura ó pobo, é un ben en si mesmo.
O Ateneo Ferrolán é unha entidade de carácter cultural, cun modelo de xestión económica que ocasionaba un custo mínimo ó Concello. Por elo non pode ser utilizado por parte do goberno municipal coma unha oportunidade de negocio. É precisamente a xestión privada de bens públicos e o clientelismo, os que ocasionan gastos desproporcionados e innecesarios. Coidamos que a mais que posible irrupción dunha empresa coma EULEN, con vínculos familiares co PP, na xestión do edificio do Ateneo, causaría unha importante precarizacion das condicións laborais nesta entidade.
Dende a CNT, comunicamos que calquera tipo de medida ou iniciativa que supoña un prexuízo aos intereses dos traballadores e traballadoras do Ateneo; sexa o despido, a subcontratación ou a concesión da xestión a empresas privadas, atoparán unha resposta decidida por parte deste sindicato.
Ferrol 7 de decembro de 2012