Buscar neste blog

16 decembro 2021

Concerto Os Peregrinos. Luns día 20 de decembro de 2021 ás 20 h.

 


Concerto Os Peregrinos 
luns día 20 de decembro de 2021 ás 20 h. no Ateneo Ferrolán
 
Os Peregrinos ofrecerán un par de concertos antes de nadal en Galicia, onde deleitarán como só eles saben facelo, nunha mixtura de traballo coordinado, improvisación e providencia divina, con algúns dos seus clásicos- como poden ser Polbo á mugardesa, Playa (yo y mi sombra), Náufragos ou o seu recente EP inspirado en poemas de Rosalía de Castro, así como algunhas versións dos seus favoritos (Vainica Doble, Love, Gino Paoli)- ao público asistente os vindeiros 18 e 20 de decembro en A Ventana de Laxe e o Ateneo Ferrolán, respectivamente. 
 
Nin que decir ten que a ocasión é única para gozar deste singular dúo de pop galaico, para máis inri acompañados de dous fermosos e talentosos músicos coma son Silvia Fralleoni e Sergio Galego. E ti, ¿queres peregrinar a algún destes actos músico- festivos?
 

 

09 decembro 2021

XXI MOSTRA de CURTAMETRAXES 2021 - Día 15 de decembro 2021

 



XXI MOSTRA de CURTAMETRAXES 2021 do Ateneo Ferrolán
 
Mércores día 15 de decembro ás 19 h.
Entrada libre.
 
Por motivos técnicos tivemos que aglutinar as curtas seleccionadas nun sólo día, por tanto sólo o mércores día 15 proxectaremos as curtas seleccionadas

02 decembro 2021

XXVII Xornadas da Gaita Antón Varela "Tonecho". Venres 10 de decembro ás 19,30 h.

XXVII Xornadas da Gaita Antón Varela "Tonecho" Ateneo Ferrolán 

Venres día 10 de decembro ás 19,30 h. 

Programa: 


Presentación do libro “ A gaita na Terra de Melide” de Suso Ascariz
 

“A gaita na Terra de Melide” é un percorrido sonoro, literario e fotográfico pola tradición musical dunha comarca. 

Tomando como referencia espacial os concellos de Sobrado dos Monxes, Toques, Melide e Santiso, o autor estuda a evolución da gaita galega nestas terras ao longo do século XX ao tempo que describe o contexto histórico e os acontecementos relevantes que marcaron o devir do instrumento. 

Trátase dun traballo de investigación construído tamén a través das biografías de gaiteiros e artesáns no que se recollen vivencias e anécdotas contadas en primeira persoa e que nos leva de novo ás eiras, ás casas, ás romarías e a todos aqueles espazos da Terra de Melide nos que se tocaba e nos que a gaita foi adquirindo aos poucos unha función social determinante. O libro inclúe un repertorio composto por 60 partituras, moitas delas inéditas, e un CD coa gravación das catro muiñeiras da Terra de Melide compostas polo autor.



Actuación do grupo tradicional "Os Estrobos"

No ano 1976 formase en Ferrol o cuarteto “Os Estrobos” da man do Mestre de Gaita Manuel García Pereira (“Lolete”), con membros do grupo de baile “Terra Meiga”. Dende os inicios comezan a participar en tódalas festas da comarca e mais adiante, por toda a xeografía Galega, viaxando por toda Europa e participando en diversos concursos.

Pasaron por “Os Estrobos” moitos componentes dende o seu comezo, destacando os fundadores (“Lolete” e Joaquín con gaitas, Aldo tamboril e Vicente co Bombo), como Ana “A Gaiteira”, Camilo Ces ou Fran Cuétara, ata os actuáis compoñentes, Marcos García e Daniel López coas gaitas, Rufino Cuétara co Bombo e Jorge García co Tamboril.

Na súa participación nos concursos podemos destacar os seguintes premios:

3º Premio en Ponteareas no ano 1981.

2º Premio en Portomarín no 1981.

1º e 2º Premios en Cerdido, ano 91 e 92.

2º e 3º Premio en Vedra, nos anos 2001 e 2006.

2º Premio en Ortigueira no 2006.

2º Premio en Miño no 2001 con 1º Premio para a mellor percusión.

1º e 2º Premio no certame Europero de Saint Chartier, Francia. 2003 e 2019.