Un lugar de encontro para a cultura.
Ateneo Ferrolán, fundado en 1879.
www.ateneoferrolan.org
e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970
Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | FERROL (A Coruña)
Solicitude
de participación no Congreso
“Ferrol-Cuba-Galiza,
historias comúns”
Ao
longo dos séculos XIX e XX os territorios de Ferrol, Eume e Ortegal
mantiveron unha enorme relación coa illa de Cuba, lugar de destino
de milleiros de homes e mulleres da nosa zona. Alí viviron
experiencias como a guerra de independencia, a intervención
norteamericana, as crises económicas, dictaduras e revoltas
políticas, até chegar á revolución cubana no final da década de
1950. E boa parte daquela emigración, agrupada nas grandes
sociedades de emigrantes como o Centro Gallego e Hijas de Galicia ou
en pequenas sociedades artelladas arredor dos lugares de orixe,
interviron na Galiza mediante as sociedades de instrucción e
colaborando decisivamente na creación de institucións como a Real
Academia Galega ou na elaboración de símbolos nacionais como a
bandeira ou o himno galego. As remesas de cartos que enviaban foron
fundamentais tamén para o desenvolvemento económico do país e para
o nacemento de moitas iniciativas industriais e comerciais. Ao cabo,
a nosa cultura local estivo inzada de referencias cubanas achegadas
pola xente que vivía en Cuba e aquela que con mellor ou peor sorte
retornou á terra.
Nunha
época de cambio na illa caribeña, cando Galiza recibe emigrantes
mais lamentablemente tamén a nosa xente ten aínda que emigrar, o
Ateneo Ferrolán convoca un Congreso baixo o título
“Ferrol-Cuba-Galiza, historias comúns” co obxectivo de promover
investigacións sobre as relacións entre as bisbarras de Ferrol,
Eume e Ortegal e a Illa de Cuba a través do fenómeno da emigración.
Ao cabo, a finalidade última da xuntanza de persoas investigadoras e
a difusión dos seus traballos sería a de tentar contribuir ao
coñecemento dunha historia compartida aos dous lados do Atlántico e
avaliar a importancia e protagonismo da emigración da nosa zona na
historia de Cuba e tamén na propia historia da Galiza.
A
organización do Congreso está aberta a todas as propostas que
suxiran as investigadoras e investigadores mais considera necesario
sinalar como aspectos de especial interese o papel da muller na
emigración a Cuba, a participación da emigración na vida política
e social de Cuba (en épocas como a independencia ou a revolución
cubana e en áreas significativas como o sindicalismo ou o
xornalismo), as transferencias culturais entre Galiza e Cuba (arredor
da música, a arquitectura ou a gastronomía, por exemplo), a
influencia da emigración en Cuba na formación da identidade
nacional galega, a tarefa desenvolta na Galiza polas sociedades de
instrucción dos emigrantes ou a repercusión económica e social dos
investimentos e remesas dos emigrantes na súa terra de orixe.
Para
participar no Congreso é preciso encher esta folla de inscrición
cos datos da persoa ou persoas que desexen presentar algún traballo
de investigación ao Congreso, e un breve resumo ou explicación do
contido do traballo e envialo á secretaría do Ateneo Ferrolán
antes do 10 de outubro de 2015.
A nova no Diario de Ferrol:
http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/ateneo-ferrolan-organiza-congreso-novembro-analizar-vinculos-cuba/20150919213912134363.html