Buscar neste blog

18 setembro 2015

Convite participación no Congreso “Ferrol-Cuba-Galiza, historias comúns”



Un lugar de encontro para a cultura.
Ateneo Ferrolán, fundado en 1879.
www.ateneoferrolan.org

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.:  +34 981 357 970
Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | FERROL (A Coruña)  





   
Solicitude de participación no Congreso

Ferrol-Cuba-Galiza, historias comúns”
Ao longo dos séculos XIX e XX os territorios de Ferrol, Eume e Ortegal mantiveron unha enorme relación coa illa de Cuba, lugar de destino de milleiros de homes e mulleres da nosa zona. Alí viviron experiencias como a guerra de independencia, a intervención norteamericana, as crises económicas, dictaduras e revoltas políticas, até chegar á revolución cubana no final da década de 1950. E boa parte daquela emigración, agrupada nas grandes sociedades de emigrantes como o Centro Gallego e Hijas de Galicia ou en pequenas sociedades artelladas arredor dos lugares de orixe, interviron na Galiza mediante as sociedades de instrucción e colaborando decisivamente na creación de institucións como a Real Academia Galega ou na elaboración de símbolos nacionais como a bandeira ou o himno galego. As remesas de cartos que enviaban foron fundamentais tamén para o desenvolvemento económico do país e para o nacemento de moitas iniciativas industriais e comerciais. Ao cabo, a nosa cultura local estivo inzada de referencias cubanas achegadas pola xente que vivía en Cuba e aquela que con mellor ou peor sorte retornou á terra.
Nunha época de cambio na illa caribeña, cando Galiza recibe emigrantes mais lamentablemente tamén a nosa xente ten aínda que emigrar, o Ateneo Ferrolán convoca un Congreso baixo o título “Ferrol-Cuba-Galiza, historias comúns” co obxectivo de promover investigacións sobre as relacións entre as bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal e a Illa de Cuba a través do fenómeno da emigración. Ao cabo, a finalidade última da xuntanza de persoas investigadoras e a difusión dos seus traballos sería a de tentar contribuir ao coñecemento dunha historia compartida aos dous lados do Atlántico e avaliar a importancia e protagonismo da emigración da nosa zona na historia de Cuba e tamén na propia historia da Galiza.
A organización do Congreso está aberta a todas as propostas que suxiran as investigadoras e investigadores mais considera necesario sinalar como aspectos de especial interese o papel da muller na emigración a Cuba, a participación da emigración na vida política e social de Cuba (en épocas como a independencia ou a revolución cubana e en áreas significativas como o sindicalismo ou o xornalismo), as transferencias culturais entre Galiza e Cuba (arredor da música, a arquitectura ou a gastronomía, por exemplo), a influencia da emigración en Cuba na formación da identidade nacional galega, a tarefa desenvolta na Galiza polas sociedades de instrucción dos emigrantes ou a repercusión económica e social dos investimentos e remesas dos emigrantes na súa terra de orixe.
Para participar no Congreso é preciso encher esta folla de inscrición cos datos da persoa ou persoas que desexen presentar algún traballo de investigación ao Congreso, e un breve resumo ou explicación do contido do traballo e envialo á secretaría do Ateneo Ferrolán antes do 10 de outubro de 2015.

A nova no Diario de Ferrol:
http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/ateneo-ferrolan-organiza-congreso-novembro-analizar-vinculos-cuba/20150919213912134363.html

Ningún comentario: