Ateneo Ferrolán, a súa historia

O ATENEO, fúndase no ano 1879 coa denominación de ATENEO ARTÍSTICO, CIENTÍFICO E LITERARIO DE FERROL.

Cunha Xunta Directiva formada maioritariamente por persoal civil, médicos, xornalistas e escritores, con ao redor de medio centenar de socios/socias comeza a súa andaina esta Sociedade Cultural co obxectivo de “ampliar os coñecementos dos seus compoñentes e difundilos entre as clases populares, elevando o seu nivel intelectual e familiarizándoas cos modernos ideais da ciencia e a arte”.

Non faltaron, desde os primeiros momentos, discrepancias, controversias e enfrontamentos, un dos cales, cun socio - Director dun diario local - transcendeu máis aló da cidade e ata do país, chegando a ser comentado no “The Daily News” de Inglaterra, pois o conflito pasou dunha cuestión persoal e interna do ATENEO a pór en xogo algo tan sensible como a liberdade de prensa.

A non superación deste conflito provocou un decaimento importante das actividades da Sociedade e a súa precipitada desaparición un mes antes de cumprirse un ano do seu nacemento.

En 1903 un grupo de 90 persoas acoden a un chamamento para fundar novamente o ATENEO, o que subscriben soamente 71. A finais dese mesmo ano unha reunión de 100 persoas debate os fins desta institución. Ao final só unhas 15 persoas serán os verdadeiros impulsores da Sociedade cuxos obxectivos principais quedaron así definidos:

  • 1º) Conseguir un ATENEO estable, permanente, institucional e do pobo.
  • 2º) Conseguir unha comunicación intelectual de clase burguesa e proletaria.
  • 3º) Conseguir un Centro de espírito de tolerancia e palabra libre, onde se pense en voz alta con elevación de ideas e fondura de sentimentos.
De 1903 a 1906 a actividade principal do ATENEO céntrase nas Conferencias que imparten socios e non socios e que alcanzan a cifra de 50/60 durante cada un deses catro anos. A partir de 1907 a actividade vaise reducindo ata chegar a menos de media ducia nos últimos tres anos 1913, 14 e 15.

Alcanzaron gran difusión e moi boa acollida os ANUARIOS publicados polo ATENEO coas conferencias e debates producidos ao longo do curso.

É de destacar a homenaxe que o ATENEO FERROLÁN dedicou en 1905 a CERVANTES con motivo do trescentos aniversario da publicación do QUIXOTE, consistente en dúas veladas literarias e a publicación dun folleto cos traballos presentados.

Cunha actividade cada vez máis reducida e un recoñecemento de non avanzar na consecución dos seus obxectivos o ATENEO DE FERROL pecha as súas portas a finais de 1917 por segunda vez.

Coincidindo co languidecemento do ATENEO CIENTÍFICO, ARTÍSTICO E LITERARIO de FERROL, xorde nos anos 1914 e 1915 un ATENEO SINDICALISTA que se nutre de distintas colectividades obreiras constituídas ao redor do socialismo, sindicalismo e anarquismo.

A actividade máis destacada deste ATENEO foi a celebración dun CONGRESO INTERNACIONAL A favor DA PAZ, organizado por iniciativa do ATENEO LIBERTARIO DE XIXÓN.

É interesante apuntar o manifesto-convocatoria deste Congreso:

”O ATENEO SINDICALISTA DE FERROL (ESPAÑA)”, pequeno en número pero grande en ideais de redención humana, convoca a un Congreso Internacional a socialistas, sindicalistas, anarquistas e organizacións obreiras do mundo, para discutir a seguinte orde do día:
  • 1º) As medidas máis rápidas para terminar a actual guerra europea.
  • 2º) Nova orientación a seguir en adiante, para evitar tales crimes de lesa humanidade.
  • 3º) Desarmamento xeral dos exércitos permanentes.
O Congreso foi torpedeado e abortado polas autoridades. Os 36 delegados internacionais que iniciaban as sesións xunto coa maioría dos asistentes foron detidos e os delegados deportados.

A Comisión organizadora recibiu numerosas adhesións de Europa e América, ata dos países en conflito.

Non queda constancia da continuidade do ATENEO SINDICALISTA máis aló de 1915.

Ata 1931 non se recupera a actividade ateneísta en Ferrol. A chegada da República supón un revulsivo social e prodúcese un esplendor cultural xeneralizado. Só en ASTURIAS localízanse 79 Ateneos.

En 1931, terminada a Ditadura de Primo de Rivera, un grupo de personalidades locais e antigos ateneístas deciden recuperar o ATENEO FERROLÁN “como centro de divulgación artística, científica e literaria, con miras exclusivamente ao cultivo intelectivo, de expansión cultural ....” A actividade principal céntrase en conferencias e debates abertos a todo tipo de temas, relixiosos, políticos, sociais, etc.

É de destacar a retirada en masa do sector católico, que reduce á metade o número de socios do ATENEO.

A pintura, a colaboración con outras Entidades, a acollida a todo tipo de actividades culturais na súa sede, son os acenos de identidade do ATENEO FERROLÁN que neste período apenas ten problemas ou detractores, salvo o abandono dos católicos por rexeitamento aos debates sobre relixión que se celebran.

Nos anos 1934 a 1936 temos que apuntar a curta pero intensa existencia dun ATENEO no barrio máis antigo da cidade, o ATENEO CULTURAL DE FERROL VELLO. Chegou a manter un cadro artístico que realizou representacións teatrais no mellor teatro da cidade.

O Alzamento Militar de 1936 acabou cos dous ATENEOS existentes en FERROL nesas datas manténdose pechado os 40 anos da ditadura.


1ª Asamblea de socios e socias do Ateneo Ferrolán e nomeamento da primeira Xunta Directiva en 1976.


En 1976 recupérase o que ata hoxe se denomina ATENEO FERROLÁN.

Restablecidas as liberdades coa morte do ditador en 1975, un grupo de ferroláns que xa viñan desenvolvendo actividades culturais aproveitando ao máximo a Lei de Asociacións vixentes, a través da Asociación Ferrolana de Cine-Club, ou de Antigos Alumnos do Instituto, aborda a recuperación da Sociedade baixo a actual denominación ATENEO FERROLÁN, feito que se produce no clima de efervescencia democrática e política no ano 1976, sendo nomeado Presidente Fernando Álvarez Bouza, despois de consensuarse unha candidatura “neutra” para evitar confrontacións ou protagonismos dos partidos políticos emerxentes.


Primeiras conferencias na actual sede do Ateneo Ferrolán.
De esquerda a dereita: Isaac Díaz Pardo, Lueiro Rey, Anxel Teijeiro, Xabier Filgueira, Fernando Márquez, Ricardo Carvalho Calero e Ramón Piñeiro.


Nesta última etapa, a cuarta, a máis longa na vida do ATENEO, tivo ao fronte da Entidade os seguintes Presidentes:
  • Ano 1975-1977 Fernando Álvarez Bouza.
  • Ano 1977-1979 Natalia Lamas, pianista.
  • Ano 1979-1980 Xaime Quintanilla Rico, médico.
  • Ano 1980-1983 Angel Teijeiro, licenciado e senador.
  • Ano 1983-1984 Fernando Márquez Gallego, médico.
  • Ano 1984-1987 Jesús Porta Dovalo, avogado.
  • Ano 1987-1989 Guillermo Llorca Freire, historiador.
  • Ano 1989-1990 Alvaro Espilla Díaz, libreiro.
  • Ano 1990-1995 Luis Calvo Teijo, delineante.
  • Ano 1995-2012 - Eliseo Zaera Ríos, técnico naval
  • Ano 2012-2013 - Ramón Veloso Rodriguez, político
  • Ano 2014-2016 - Eliseo Fernández Fernández, historiador e investigador.
  • Ano 2016 - Na actualidade Xunta Xestora formada en Asemblea por unanimidade e composta polos soci@s: Francisco Iglesias Mouriz, Mª Soledad Fontenla Fuster, Luis Calvo Teijo, incorporándose á mesma Xavier Dongil e Pablo Seoane Carneiro.

Os Estatutos do Ateneo Ferrolán foron aprobados, como modificación dos de 1931 o día 28 de xuño de 1985, e no mes de abril de 2004, aprobouse a adaptación á normativa actual.

Grazas á constancia e ao empuxe dos socios e socias e coa importante colaboración do Concello, do M.O.P.U., de Caixa Galicia e do arquitecto D. Alfredo Alcalá Navarro, en 1986 inaugúrase a sede social do ATENEO FERROLÁN no número 202-204 da rúa Magdalena, espléndido edificio do século XVIII (1762; trátase dun dos edificios máis representativos do Barrio da Magdalena. Os seus balcóns de ferro forxado, de gusto rococó, son o elemento decorativo e expresivo do elevado rango desta edificación. Magnificamente restaurado e habilitado para albergar a sede social dunha das institucións culturais máis antigas da cidade de Ferrol e para o desenvolvemento das súas actividades culturais dentro do histórico Barrio da Magdalena.

Nos anos 80 alcanzou os 1200 socios/socias e realizou actividades destacadas, recuperando o estilo e obxectivos identificativos dos ATENEOS. Unha sutil e firme sensibilidade dos socios e socias desta entidade actuou en momentos críticos, abortando e superando situacións que non respondían axeitadamente ao espírito ateneísta que hoxe ninguén discute e que se resume no seu lema:

“Un lugar de encontro para a cultura”

A PLURALIDADE, a TOLERANCIA, a DIVERSIDADE, ... as portas abertas a todas as opinións, voces e temas, van acadando e confirman un prestixio e solidez que fan do Ateneo Ferrolán unha entidade en permanente actualización e en constante sintonía cultural, política e social co pobo, en defensa da lingua e a cultura galega especialmente.

0 comentarios :

Related Posts with Thumbnails