Publicamos Entrevista a Eliseo Fernández Fernández,
http://praza.gal/cultura/9404/ferrol-e-unha-cidade-de-creadores-de-cultura-non-so-de-consumidores-de-pan-e-circo
O Ateneo de Ferrol fundouse en 1879 e
durante os últimos 135 tivo sempre un papel moi importante na promoción
da cultura na cidade, unha actividade só interrompida durante os
períodos de ditadura e que nos últimos anos, dende a chegada á alcaldía
do popular José Manuel Rey Varela, se atopa seriamente ameazada. En
2008, a raíz dun problema de pingueiras no teito, o Concello decidiu a
rehabilitación completa do inmoble, unhas obras nas que investiu 1,2
millóns de euros. Por mor das obras, os fondos do Ateneo -unha
biblioteca de dez mil volumes e unha valiosa hemeroteca- tiveron que ser
almacenados por unha empresa de mudanzas. A anterior xunta directiva,
presidida por Ramón Veloso, chegou a un acordo verbal co concelleiro de
Urbanismo, Guillermo Evia, para que fose o Concello quen recuperase os
bens do Ateneo con cargo ás arcas municipais.
Porén, en 2011
cambia o goberno municipal e o Concello muda os seus plans, ignorando a
súa responsabilidade e o compromiso adquirido. A empresa -Mudanzas
Félix- reclama que alguén lle aboe os gastos de transporte e
almacenamento e ante a ausencia dun documento escrito que sinalase a
débeda do Concello, en setembro do pasado ano o Xulgado de Primeira
Instancia número 2 de Ferrol determinou que o Ateneo debía pagarlle 39
mil euros (os 19 mil iniciais, que cada mes se foran -e seguen-
incrementando en case 600 euros máis). O tempo segue pasando e a
continuidade da entidade cultural máis activa da cidade está no aire, o
mesmo que o futuro dunha parte fundamental do patrimonio da urbe (libros
únicos, xornais centenarios, importantes obras pictóricas...), que
continúa retido nun polígono industrial e podería ser embargado e
vendido nunha poxa.
"Dende febreiro de 2014 levamos pedindo unha
entrevista co alcalde para tentar chegar a unha solución que asegure o
futuro da entidade e a protección deste patrimonio" -destaca o
historiador Eliseo Fernández, presidente do Ateneo- "pero non houbo
resposta". "Tamén lles comunicamos á Consellaría de Cultura e á
Deputación que o patrimonio do Ateneo estaba en perigo e tampouco
tivemos resposta. E o mesmo sucedeu cando nos puxemos en contacto coa
Dirección Xeral de Bibliotecas, xa que formamos parte da Rede de
Bibliotecas de Galicia", di.
"Creo que máis aló da importancia
que isto ten para o Ateneo, esta situación non deixa en moi bo lugar ao
propio Concello de Ferrol"- destaca- "Unha entidade cultural de longa
traxectoria está en perigo, un patrimonio que pertence a todos os
ferroláns tamén está en perigo, almacenado en contedores e coa
posibilidade de ser vendido. Resulta moi contraditorio que suceda isto
cando por outro lado se está pedindo que Ferrol sexa recoñecida pola
UNESCO como Patrimonio da Humanidade". "Pero sucede con máis cousas: só
hai que ver a situación de Ferrol Vello e doutros elementos do
patrimonio arquitectónico, o que pasou coa Fábrica de Lápices", engade.
"A única solución inmediata pasaría porque o Concello aceptase a
reclamación patrimonial, que fixemos a través do rexistro, que se faga
cargo duns gastos que foron xerados por unha obra municipal", destaca.
Pero segue sen haber resposta das administracións. De momento, o Ateneo,
que conta con 350 socios e socias, prepara distintas iniciativas para
conseguir unha certa cantidade de diñeiros que permita pagar a débeda
ou, cando menos, unha parte dela, e recuperar parte do patrimonio
retido. Dende vender algúns obxectos deste patrimonio, coma cadros e
algúns libros, o inicio dunha campaña de crowdfunding, ou un festival de
música e artes escénicas para recadar fondos, unha especie de gala
solidaria organizada por varias entidades da cidade. "Nós imos facer
todo o posible por manter o Ateneo con vida, pero vai depender tamén de
que haxa unha resposta popular, que a hai, pero hai que ver se é
suficiente", destaca Eliseo Fernández.
A importancia para a cultura da cidade
"O Ateneo Ferrolán está tentando contribuír modestamente á
revitalizacion de Ferrol, traballando dende o ámbito da cultura",
reclamaba o propio Fernández nunha carta aberta dirixida ao alcalde José
Manuel Rey Varela, sinalando a importancia dunha entidade tan activa e
cunha vontade de apertura a calquera colectivo ou persoa que queira
facer uso das súas instalacións. "Nos últimos meses quixemos vivificar o
Ateneo, redobrando o número de actividades, para volver ser
protagonistas da vida cultural da cidade, despois de dous anos de obras e
outro máis de dificultades económicas e na relación co Concello.
Queriamos xustificar tamén o gasto que o Concello e nós mesmos fixéramos
nas obras de rehabilitación, e demostrar que a existencia do Ateneo é
importante", di.
"O Ateneo é moi importante, moito máis nunha
cidade en crise como Ferrol. O Ateneo recolle a historia da cidade dos
últimos trinta anos, pero mesmo dende máis atrás, dende o século XIX.
Mantén viva a única hemeroteca histórica da cidade e por aquí pasaron
nos últimos anos moitísimos investigadores que estaban traballando sobre
a historia de Ferrol. Ese patrimonio tiña que estar aquí de volta ao
día seguinte de rematar as obras. Xa se prexudicou a moitos
investigadores, que viñeron consultar fondos que están retidos", engade.
Nese momento a débeda era de 19 mil euros. "Para un Concello como
Ferrol 19 mil euros non é tanto, é menos do que recentemente gastou
nalgunha actuación máis que cuestionable", di, referíndose á instalación
dunha estatua de bronce en homenaxe aos confrades da Semana Santa, cun
custe de 20 mil euros.
"Eles patrocinan un determinado tipo
de cultura, pero iso non pode significar ignorar por completo o resto,
aí si que percibimos un sectarismo moi forte. Porque ademais a cultura é
cultura cando é plural"
Na devandita carta aberta preguntáballe a
Rey Varela se se consideraba "a persoa adecuada para encabezar un
proxecto aglutinador da sociedade ferrolá", denunciando que "o goberno
municipal do Partido Popular ten amosado a súa vontade de executar unha
política de castigo cara ao Ateneo Ferrolán", unha actitude sectaria
cara ás asociacións que non considera afíns. "Eles patrocinan un
determinado tipo de cultura. Iso é lóxico, entendo que cada grupo
político aposta por un determinado tipo de cultura, pero iso non pode
significar ignorar por completo o resto, aí si que percibimos un
sectarismo moi forte. Porque ademais a cultura é cultura cando é
plural", afirma Eliseo Fernández.
"A cultura non son só os
grandes fastos, son as iniciativas e expresións realizadas dende a base,
a que facemos entre todos e todas. De aí o noso lema: 'Somos Cultura'"
"Ata esta lexislatura, na que por primeira vez en moito tempo houbo
unha maioría absoluta, ningún goberno dunha cor ou doutra recortara
tanto as axudas ao Ateneo e tampouco levara a cabo un ataque tan directo
contra a entidade", di. "Pode que teña que ver co carácter dun
concelleiro que ten unha visión moi pechada do que debe ser a Cultura en
Ferrol. E por iso a súa política exclúe a moita xente, non só ao
Ateneo", engade. "Creo que non se está valorando a importancia que o
Ateneo ten para a esta cidade, o papel que cumpre no impulso da cultura e
para os creadores e creadoras. A cultura non son só os grandes fastos,
son as iniciativas e expresións realizadas dende a base, a que facemos
entre todos e todas. De aí o noso lema: 'Somos Cultura'. Ferrol é unha
cidade de creadores de cultura, non só de consumidores de pan e circo",
conclúe.