Nota de prensa: o Ateneo pide axuda para tentar salvar o seu patrimonio
Inicio da campaña de micromecenazgo: APOIA ó Ateneo Ferrolán. Fai unha achega pola cultura por paypal, transferencia bancaria, tarxeta de creto ou #faircoin https://achegas.ateneoferrolan.org/
A obra municipal de
restauración do edificio sede do Ateneo Ferrolán obrigou á entidade a
retirar todo o seu patrimonio (hemeroteca, biblioteca, arquivos e
enseres) e trasladalo a unha empresa de mudanzas. A negativa
do concello (promotor da obra) a asumir estes gastos levou a que a
empresa Mudanzas Félix demandase ao Ateneo e a entidade foi condenada ao
pagamento de máis de 39.000 euros.
Diante desta débeda e para evitar o
embargo do seu valioso patrimonio, o Ateneo está
poñendo en marcha unha campaña de recollida de axudas que poida
permitir a recuperación dos bens almacenados en seis contentores dende
hai xa cinco anos.
A campaña centralizase
na web https://achegas.ateneoferrolan.org/, a través da cal o Ateneo solicita a axuda das persoas
preocupadas pola situación económica da entidade, quen poden colaborar a
través desta web facendo contribucións con tarxeta
de crédito ou transferencia bancaria, e incluso mediante a moeda
virtual “faircoin”. O Ateneo recolle doazóns tamén na secretaría da
entidade na súa propia sede.
Por outra banda, a
solidariedade da xente de Ferrol está expresándose de moi diversos
xeitos: o Teatro Estaleiro da Sociedade Grupo Bazán vai celebrar unha
función benéfica no Ateneo Ferrolán o vindeiro 22 de
maio ás 20:30 horas, representando “Oé, oé, oé”.
Diversas sociedades
culturais da cidade presentaron unha solicitude para poder utilizar o
Auditorio de Ferrol o día 15 ou o día 16 de maio para unha gala
solidaria co Ateneo sen que a súa petición fora contestada
polo Concello, malia que o Auditorio non rexistrou ningunha actividade
nestas datas.
Os actos de
solidariedade co Ateneo continuarán o vindeiro de 27 de xuño coa
celebración dunha xornada de festa, cultura e solidariedade no Seixo,
para a que se conta coa colaboración da Sociedade Amigos da Paisaxe
Galega. A directiva do Ateneo Ferrolán fai un chamamento a toda a
cidadanía a participar nesta xornada de festa, así como a todas as
xentes da cultura que queiran colaborar na iniciativa.
Dende o Ateneo Ferrolán queremos agradecer profundamente a solidariedade da xente e dos colectivos coa nosa entidade, representativa da sensibilidade para coa cultura que sempre caracterizou á nosa sociedade. Pola nosa parte, continuaremos traballando para que a actividade cultural do Ateneo Ferrolán poida axudar modestamente á prosperidade desta bisbarra e das súas mulleres e homes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario