Buscar neste blog

Síguenos en...

08 xuño 2026

Presentación O ring de Yolanda López

 O Ateneo Ferrolán acollerá o vindeiro venres 12 de xuño ás 19:00 horas a presentación do poemario  O ring, a nova obra da escritora galega Yolanda López, publicada por Olé Libros.

O acto contará coa participación da escritora Carmen Blanco Sanjurjo, que acompañará á autora nun encontro literario no que a poesía e a palabra serán as grandes protagonistas. A presentación promete ademais un singular “combate poético”, en sintonía co espírito do libro. Segundo a editorial, a obra constrúese como un auténtico “puxilato poético” dividido en dezasete asaltos, onde a identidade, a resistencia, a soidade e a superación persoal ocupan o centro do discurso literario. 

En El ring / O ring, Yolanda López establece un diálogo entre o boxeo e a vida, entre a loita interior e a procura da propia identidade. A través dunha poesía de forte carga simbólica e expresionista, a autora propón unha viaxe polos medos, as perdas e a capacidade de resiliencia fronte ás adversidades. A obra preséntase en edición bilingüe galego-castelán e forma parte da colección Ites de poesía de Olé Libros. 

Yolanda López conta cunha ampla traxectoria no ámbito literario e investigador. Licenciada en Filoloxía Inglesa, investigadora en diversas universidades e autora de numerosos poemarios, recibiu ao longo da súa carreira diversos premios e recoñecementos literarios.

A cita será unha oportunidade para achegarse á creación poética contemporánea da man dunha autora que entende a escritura como un espazo de combate, resistencia e transformación.


01 xuño 2026

Unha exposición como espazo vivo: arte, memoria e participación arredor da Ilustración


Ata o 5 de xullo, o Ateneo Ferrolán acollerá unha proposta cultural da pintora Carmen Martin , da Escola Aberta de Arte  que vai máis alá dunha exposición convencional. Baixo o título "Retratos da Ilustración:  a artista  presenta unha colección de retratos dos veciños de e veciñas de Ferrol inspirados en figuras da Ilustración, nun diálogo entre arte, historia, identidade e memoria colectiva.

A mostra ocupará distintos espazos do Ateneo, convidando ás persoas visitantes a percorrer o edificio e descubrir a exposición como unha experiencia que conecta salas, historias e perspectivas diversas. Esta distribución busca tamén poñer en valor os distintos recunchos dunha institución que aspira a ser un lugar aberto, dinámico e en constante diálogo coa cidade.

Xunto á exposición desenvolverase un programa de actividades complementarias pensado para públicos moi diversos. A inauguración contará coa proxección dun documental autoria de Jose Luis "Mino" sobre o proceso creativo da mostra, permitindo coñecer o traballo previo da artista, as sesións de pousado e a transformación das persoas participantes nas figuras retratadas.



A música tamén terá o seu espazo cunha actuación vinculada ao universo estético e emocional da exposición, mentres que o público infantil poderá participar nun obradoiro creativo no que crear os seus propios retratos inspirados na época ilustrada.

A programación completarase cun faladoiro arredor da dimensión social da Ilustración, abordando non só os grandes nomes da época, senón tamén as vidas cotiás, os conflitos, as transformacións sociais e os sectores da sociedade que adoitan quedar fóra dos relatos máis coñecidos.

Con esta proposta querese reivindicar a cultura como un espazo de encontro entre xeracións, disciplinas e sensibilidades distintas. A arte convértese así nun punto de partida para reflexionar sobre como representamos o pasado, que historias escollemos contar e que relación manteñen esas historias cos desafíos do presente.

Porque unha institución cultural non é só un lugar onde se conserva a memoria. Tamén é un espazo onde esa memoria se interpreta, se debate e se comparte colectivamente.