Ata o 5 de xullo, o Ateneo Ferrolán acollerá unha proposta cultural da pintora Carmen Martin , da Escola Aberta de Arte que vai máis alá dunha exposición convencional. Baixo o título "Retratos da Ilustración: a artista presenta unha colección de retratos dos veciños de e veciñas de Ferrol inspirados en figuras da Ilustración, nun diálogo entre arte, historia, identidade e memoria colectiva.
A mostra ocupará distintos espazos do Ateneo, convidando ás persoas visitantes a percorrer o edificio e descubrir a exposición como unha experiencia que conecta salas, historias e perspectivas diversas. Esta distribución busca tamén poñer en valor os distintos recunchos dunha institución que aspira a ser un lugar aberto, dinámico e en constante diálogo coa cidade.
Xunto á exposición desenvolverase un programa de actividades complementarias pensado para públicos moi diversos. A inauguración contará coa proxección dun documental autoria de Jose Luis "Mino" sobre o proceso creativo da mostra, permitindo coñecer o traballo previo da artista, as sesións de pousado e a transformación das persoas participantes nas figuras retratadas.
A música tamén terá o seu espazo cunha actuación vinculada ao universo estético e emocional da exposición, mentres que o público infantil poderá participar nun obradoiro creativo no que crear os seus propios retratos inspirados na época ilustrada.
A programación completarase cun faladoiro arredor da dimensión social da Ilustración, abordando non só os grandes nomes da época, senón tamén as vidas cotiás, os conflitos, as transformacións sociais e os sectores da sociedade que adoitan quedar fóra dos relatos máis coñecidos.
Con esta proposta querese reivindicar a cultura como un espazo de encontro entre xeracións, disciplinas e sensibilidades distintas. A arte convértese así nun punto de partida para reflexionar sobre como representamos o pasado, que historias escollemos contar e que relación manteñen esas historias cos desafíos do presente.
Porque unha institución cultural non é só un lugar onde se conserva a memoria. Tamén é un espazo onde esa memoria se interpreta, se debate e se comparte colectivamente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario