O Ateneo Ferrolán acollerá o vindeiro venres 12 de xuño ás 19:00 horas a presentación do poemario O ring, a nova obra da escritora galega Yolanda López, publicada por Olé Libros.
O acto contará coa participación da escritora Carmen Blanco Sanjurjo, que acompañará á autora nun encontro literario no que a poesía e a palabra serán as grandes protagonistas. A presentación promete ademais un singular “combate poético”, en sintonía co espírito do libro. Segundo a editorial, a obra constrúese como un auténtico “puxilato poético” dividido en dezasete asaltos, onde a identidade, a resistencia, a soidade e a superación persoal ocupan o centro do discurso literario.
En El ring / O ring, Yolanda López establece un diálogo entre o boxeo e a vida, entre a loita interior e a procura da propia identidade. A través dunha poesía de forte carga simbólica e expresionista, a autora propón unha viaxe polos medos, as perdas e a capacidade de resiliencia fronte ás adversidades. A obra preséntase en edición bilingüe galego-castelán e forma parte da colección Ites de poesía de Olé Libros.
Yolanda López conta cunha ampla traxectoria no ámbito literario e investigador. Licenciada en Filoloxía Inglesa, investigadora en diversas universidades e autora de numerosos poemarios, recibiu ao longo da súa carreira diversos premios e recoñecementos literarios.
A cita será unha oportunidade para achegarse á creación poética contemporánea da man dunha autora que entende a escritura como un espazo de combate, resistencia e transformación.

Ningún comentario:
Publicar un comentario