Unha nova mirada sobre Galicia da man dunha das voces novas da pintura ferrolá
O Ateneo Ferrolán volve abrir as súas portas á obra de Carmen Alberto Rodríguez, que presenta a súa segunda exposición nesta casa, dous anos despois de Morriña, a mostra coa que iniciou a súa andaina expositiva en Ferrol.
Baixo o título «Tierriña», Carmen regresa á súa cidade cunha nova colección na que Galicia, a súa paisaxe, a súa xente, as súas raíces e esas pequenas escenas da vida cotiá volven ocupar un lugar central.
Carmen Alberto, ferrolá e bisneta do recoñecido arquitecto Rodolfo Ucha Piñeiro, medrou nun ambiente no que a sensibilidade artística e o interese pola cultura forman parte da súa propia historia familiar. A súa avoa Clara, filla de Ucha, foi unha figura fundamental na súa aproximación á arte desde nena. Na súa formación tamén foi decisiva a pintora ferrolá Eva Liberal, de quen Carmen se considera discípula.
Actualmente continúa a súa formación artística en Sevilla, onde cursa Belas Artes, pero a distancia non fixo máis que reforzar o vínculo coa súa terra. Como ela mesma explica, leva Galicia moi dentro e atopa nela unha fonte constante de inspiración.
Desde a súa primeira exposición no Ateneo, a súa traxectoria foi medrando. En 2025 participou na mostra colectiva Neo-Territorios, dedicada ás diferentes maneiras de interpretar a identidade e o territorio galego. E este mesmo ano o seu traballo acadou un novo recoñecemento ao resultar gañadora do concurso para o cartel da XIX Feira do Viño de Monterrei, entre 44 propostas presentadas.
A súa pintura busca emocionar, transmitir e transformar o cotián en algo extraordinario. Unha intención que xa estaba presente en Morriña e que agora continúa e evoluciona en Tierriña, unha exposición na que Carmen volve mirar cara ás súas raíces desde a perspectiva dunha artista nova que está construíndo o seu propio camiño.
O Ateneo Ferrolán ten o pracer de convidarvos a descubrir «Tierriña» e acompañar a Carmen nesta nova etapa da súa traxectoria artística.
Unha oportunidade para volver encontrarnos con Carmen, coa súa pintura e, sobre todo, con esa Galicia que leva dentro.


.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario