O Ateneo Ferrolán convoca unha CONCENTRACIÓN o próximo martes día
16 ás 20 h. na Praza de Armas para esixirlle ao Concello que asuma os
gastos de traslado e almacenamento do patrimonio da entidade, logo da
asemblea aberta celebrada o día 8 coas diferentes asociacións do tecido
asociativo e cultural.
Así mesmo enviamos o Comunicado
consensuado ao que xa hai adheridas diferentes asociacións e que aínda
pódese asinar enviando un correo electrónico a secretaria@ateneoferrolán.org.
MANIFESTO:
O mércores 17 de setembro, ás 11:30 horas,
nos xulgados de Ferrol vaise celebrar un xuizo pola demanda da
empresa Mudanzas Felix, S.L. contra o
Ateneo Ferrolán, reclamando o pagamento de 39.000 euros, importe do
traslado e almacenamento do patrimonio do Ateneo Ferrolán co gallo
das obras de rehabilitación da sede da entidade. O traslado e
almacenamento da biblioteca, hemeroteca e enseres do Ateneo non foi
unha iniciativa desta entidade, senón que se fixo por esixencia do
Concello de Ferrol e da dirección de obra, co compromiso de que o
Ateneo nunca tería que facer un desembolso económico para o que non
tiña capacidade financeira. O
desenvolvemento das obras coincidiu co cambio de goberno municipal e
rematadas éstas, o novo
goberno do Partido Popular negouse
a asumir o pagamento deste gasto, quedando
o servizo prestado pola empresa impagado, o patrimonio do Ateneo
retido, aumentando mes tras mes a débeda e
dando, finalmente, lugar
á reclamación da empresa Mudanzas
Felix, S.L. contra o Ateneo.
Esta gravísima situación enmárcase nunha
política de acoso ao Ateneo por parte do grupo
de goberno do Concello de Ferrol, que se
ven concretando no reparto do edificio que era sede do Ateneo
Ferrolán (instalando alí a outras entidades), no confinamento do
Ateneo Ferrolán nos pisos terceiro e baixo cuberta do edificio, na
desaparición dos elementos identificativos do Ateneo no exterior do
edificio e da negativa a conceder calquera axuda económica a Ateneo,
mesmo as que se mantiveran en anos anteriores e con gobernos
municipais de moi diverso signo político.
O Ateneo é unha entidade molesta para un goberno municipal
autoritario, que non acepta a discrepancia nin tampouco as expresións
de cultura participativas e populares que caracterizan ao Ateneo de
Ferrol, en colaboración con boa parte do tecido asociativo e das
creadoras e creadores da cidade. Por outra banda, esta cultura
popular e participativa pon en evidencia a nefasta política cultural
do Concello de Ferrol, que despilfarra enormes recursos económicos
sen ningún sentido. Unha política cultural asentada no papanatismo
que prima o foráneo fronte ao local, que inviste auténticas
fortunas na rehabilitación de edificios que despois permanecen
infrautilizados, e que externaliza a xestión dos espazos culturais a
través dunha desas empresas especializadas na xestión de servicios
municipais.
Mentres eles nos dan productos de consumo cultural de escasa
calidade, nós reivindicámonos como un pobo que foi, é e será
sempre creador de cultura. Unha cultura popular e na nosa lingua,
unha cultura reivindicativa e rebelde, que o tecido cultural desta
cidade mantén a través de institucións tan sinaladas como o Ateneo
Ferrolán. Unha entidade que leva traballando máis de tres décadas
na nosa cidade, cun balance tremendamente positivo de actividades e
de servicios para a cidadanía, como o servizo de biblioteca e
hemeroteca que aínda hoxe continúa ofrecendo, malia que parte dos
seus fondos están inadecuadamente almacenados en contenedores nun
polígono industrial.
Autoritarismo, ineficacia e desprezo á cultura e ao tecido cultural,
é o que ofrece o goberno municipal do PP. Pola nosa parte, o noso
compromiso como xente é manter e mesmo multiplicar o traballo
cultural que vimos realizando. Porque entendemos que a cultura é a
mellor ferramenta de transformación, potenciadora da democracia e da
convivencia. Por iso, como entidades culturais e como persoas
creadoras de cultura, reclamamos tamén ao Concello de Ferrol que
cese na súa campaña contra o Ateneo, asumindo os gastos derivados
da obra municipal que fixo no edificio desta entidade. E pedimoslle
tamén que faga un xiro na súa política cultural, mediante o
diálogo co tecido cultural e a potenciación das iniciativas
xenuinas da cultura ferrolá. Que abandone, en fin, a política de
desprezo ao tecido cultural, do fomento da división entre as
asociacións, de falta de diálogo e até de mala educación e
maltrato.
Setembro 2014
(audio) -> Cunha elaborada nas Áulas de formación básica da Radio Filispim 93.9FM, chamando á concentración en apoio ao Ateneo Ateneo Ferrolán. Salvemos o Ateneo!!! --> http://www.ivoox.com/cunha-apoio-ao-ateneo-ferrolan-concentracion-16-09-2016-audios-mp3_rf_3488358_1.html
Tecido social e cultural que, de momento, apoia este manifesto e a convocatoria da concentración:
A Mesa Pola Normalización Lingüística
ANOVA Ferrol
A.C. Fuco Buxán
Asociación Muinho do Vento
CNT Ferrol
Colectivo Artabra 21
Esquerda Unida Ferrolterra
Espazo Ecosocialista Galego Ferrolterra
Federación Veciñal ROI XORDO
NÓS-UP
Poesía Salvaxe
PSdeG Ferrol