Buscar neste blog

11 setembro 2014

Convocatoria Concentración Apoio ao Ateneo e Manifesto

O Ateneo Ferrolán convoca unha CONCENTRACIÓN o próximo martes día 16 ás 20 h. na Praza de Armas para esixirlle ao Concello que asuma os gastos de traslado e almacenamento do patrimonio da entidade, logo da asemblea aberta celebrada o día 8 coas diferentes asociacións do tecido asociativo e cultural.
Así mesmo enviamos o Comunicado consensuado ao que xa hai adheridas diferentes asociacións e que aínda pódese asinar enviando un correo electrónico a secretaria@ateneoferrolán.org.





 MANIFESTO:
 

O mércores 17 de setembro, ás 11:30 horas, nos xulgados de Ferrol vaise celebrar un xuizo pola demanda da empresa Mudanzas Felix, S.L. contra o Ateneo Ferrolán, reclamando o pagamento de 39.000 euros, importe do traslado e almacenamento do patrimonio do Ateneo Ferrolán co gallo das obras de rehabilitación da sede da entidade. O traslado e almacenamento da biblioteca, hemeroteca e enseres do Ateneo non foi unha iniciativa desta entidade, senón que se fixo por esixencia do Concello de Ferrol e da dirección de obra, co compromiso de que o Ateneo nunca tería que facer un desembolso económico para o que non tiña capacidade financeira. O desenvolvemento das obras coincidiu co cambio de goberno municipal e rematadas éstas, o novo goberno do Partido Popular negouse a asumir o pagamento deste gasto, quedando o servizo prestado pola empresa impagado, o patrimonio do Ateneo retido, aumentando mes tras mes a débeda e dando, finalmente, lugar á reclamación da empresa Mudanzas Felix, S.L. contra o Ateneo.

Esta gravísima situación enmárcase nunha política de acoso ao Ateneo por parte do grupo de goberno do Concello de Ferrol, que se ven concretando no reparto do edificio que era sede do Ateneo Ferrolán (instalando alí a outras entidades), no confinamento do Ateneo Ferrolán nos pisos terceiro e baixo cuberta do edificio, na desaparición dos elementos identificativos do Ateneo no exterior do edificio e da negativa a conceder calquera axuda económica a Ateneo, mesmo as que se mantiveran en anos anteriores e con gobernos municipais de moi diverso signo político.

O Ateneo é unha entidade molesta para un goberno municipal autoritario, que non acepta a discrepancia nin tampouco as expresións de cultura participativas e populares que caracterizan ao Ateneo de Ferrol, en colaboración con boa parte do tecido asociativo e das creadoras e creadores da cidade. Por outra banda, esta cultura popular e participativa pon en evidencia a nefasta política cultural do Concello de Ferrol, que despilfarra enormes recursos económicos sen ningún sentido. Unha política cultural asentada no papanatismo que prima o foráneo fronte ao local, que inviste auténticas fortunas na rehabilitación de edificios que despois permanecen infrautilizados, e que externaliza a xestión dos espazos culturais a través dunha desas empresas especializadas na xestión de servicios municipais.

Mentres eles nos dan productos de consumo cultural de escasa calidade, nós reivindicámonos como un pobo que foi, é e será sempre creador de cultura. Unha cultura popular e na nosa lingua, unha cultura reivindicativa e rebelde, que o tecido cultural desta cidade mantén a través de institucións tan sinaladas como o Ateneo Ferrolán. Unha entidade que leva traballando máis de tres décadas na nosa cidade, cun balance tremendamente positivo de actividades e de servicios para a cidadanía, como o servizo de biblioteca e hemeroteca que aínda hoxe continúa ofrecendo, malia que parte dos seus fondos están inadecuadamente almacenados en contenedores nun polígono industrial.

Autoritarismo, ineficacia e desprezo á cultura e ao tecido cultural, é o que ofrece o goberno municipal do PP. Pola nosa parte, o noso compromiso como xente é manter e mesmo multiplicar o traballo cultural que vimos realizando. Porque entendemos que a cultura é a mellor ferramenta de transformación, potenciadora da democracia e da convivencia. Por iso, como entidades culturais e como persoas creadoras de cultura, reclamamos tamén ao Concello de Ferrol que cese na súa campaña contra o Ateneo, asumindo os gastos derivados da obra municipal que fixo no edificio desta entidade. E pedimoslle tamén que faga un xiro na súa política cultural, mediante o diálogo co tecido cultural e a potenciación das iniciativas xenuinas da cultura ferrolá. Que abandone, en fin, a política de desprezo ao tecido cultural, do fomento da división entre as asociacións, de falta de diálogo e até de mala educación e maltrato.
Setembro 2014

(audio) -> Cunha elaborada nas Áulas de formación básica da Radio Filispim 93.9FM, chamando á concentración en apoio ao Ateneo Ateneo Ferrolán. Salvemos o Ateneo!!! --> http://www.ivoox.com/cunha-apoio-ao-ateneo-ferrolan-concentracion-16-09-2016-audios-mp3_rf_3488358_1.html

Tecido social e cultural que, de momento, apoia este manifesto e a convocatoria da concentración:

A Mesa Pola Normalización Lingüística
ANOVA Ferrol
A.C. Fuco Buxán
Asociación Muinho do Vento
CNT Ferrol
Colectivo Artabra 21
Esquerda Unida Ferrolterra
Espazo Ecosocialista Galego Ferrolterra
Federación Veciñal ROI XORDO
NÓS-UP
Poesía Salvaxe
PSdeG Ferrol

Ningún comentario: