Convocatoria Congreso
“Ferrol-Cuba-Galiza,
historias comúns”
Do 13 ao 15 de novembro de 2015
Ateneo Ferrolán
Ateneo Ferrolán
Ao longo dos séculos XIX e XX os territorios de Ferrol, Eume e Ortegal
mantiveron unha enorme relación coa illa de Cuba, lugar de destino de milleiros
de homes e mulleres da nosa zona. Alí viviron experiencias como a guerra de
independencia, a intervención norteamericana, as crises económicas, dictaduras
e revoltas políticas, até chegar á revolución cubana no final da década de
1950. E boa parte daquela emigración, agrupada nas grandes sociedades de
emigrantes como o Centro Gallego e Hijas de Galicia ou en pequenas sociedades
artelladas arredor dos lugares de orixe, interviron na Galiza mediante as
sociedades de instrucción e colaborando decisivamente na creación de
institucións como a Real Academia Galega ou na elaboración de símbolos
nacionais como a bandeira ou o himno galego. As remesas de cartos que enviaban
foron fundamentais tamén para o desenvolvemento económico do país e para o
nacemento de moitas iniciativas industriais e comerciais. Ao cabo, a nosa
cultura local estivo inzada de referencias cubanas achegadas pola xente que
vivía en Cuba e aquela que con mellor ou peor sorte retornou á terra.
Nunha época de cambio na illa caribeña, cando Galiza recibe emigrantes mais
lamentablemente tamén a nosa xente ten aínda que emigrar, o Ateneo Ferrolán
convoca un Congreso baixo o título “Ferrol-Cuba-Galiza” co obxectivo de
promover investigacións sobre as relacións entre as bisbarras de Ferrol, Eume e
Ortegal e a Illa de Cuba a través do fenómeno da emigración. Ao cabo, a
finalidade última da xuntanza de persoas investigadoras e a difusión dos seus
traballos sería a de tentar contribuir ao coñecemento dunha historia compartida
aos dous lados do Atlántico e avaliar a importancia e protagonismo da emigración
da nosa zona na historia de Cuba e tamén na propia historia da Galiza.
O Congreso vai desenvolverse entre os días 13 e 15 de novembro nos locais
do Ateneo Ferrolán, e irá acompañado de
diferentes actividades complementarias:
·
Unha exposición bibliográfica, hemerográfica,
fotográfica e de outros obxectos sobre as relación entre Cuba e Ferrol, Eume e
Ortegal.
·
Unha exposición en paneis sobre as relación entre a
emigración a Cuba e o desenvolvemento das reivindicacións da lingua e a cultura
galega.
·
Unha publicación central sobre a relación entre
Ferrol, Eume e Ortegal e a Illa de Cuba, e afondando no protagonismo de xente
das nosas bisbaras na adopción dos símbolos de Galiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario