Buscar neste blog

20 xaneiro 2010

A Paz Cuestión de Fondo. Exposición na que se afonda en temas como a pobreza, o racismo e a violencia.


Do 18 ao 20 de febreiro de 2010 a exposición estará na sala de exposicións da primeira planta do Ateneo Ferrolán.

As láminas, que presentan dous debuxos en cada un dos paneis, son obra de 28 autores procedentes de 16 países diferentes. En clave visual e, nalgúns casos verbal, as caricaturas móstrannos os prexuízos que operan acerca da idea de paz, do racismo, das diferenzas sociais ou da guerra. Verdades en miniatura que retratan a sociedade contemporánea é a proposta desta exposición colectiva internacional, que non só serve de repaso á realidade actual, senón tamén como punto de debate cargado de sátira e ironía para amosar a cruenta realidade.

A pobreza é unha forma de inxustiza social, un xeito de violencia estrutural que nega as condicións mínimas de desenvolvemento humano e xera situacións de exclusión, racismo e violencia. A pobreza debuxa un mapa de continuos conflitos entre os seres humanos, o cal provoca un maior afastamento da posibilidade de convivir en paz. Así mesmo, a falta de oportunidades impide á sociedade medrar en condicións de dignidade, o que aumenta as diferenzas sociais e agudiza o abismo entre pobre e ricos. De aí se desprende que máis da cuarta parte da poboación mundial viva en situación de pobreza e que os países industrializados a sufran dun xeito insistente e en continuo crecemento.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade entende que o desenvolvemento sostible non é posible nun contexto de pobreza, violencia e racismo. Por iso, con esta exposición quere contribuír a crear un clima de opinión favorable á promoción dunha nova orde económica internacional, sen excluídos nin perdedores.

Ningún comentario: