XII Xornadas "Mostra de Curtametraxes"


A celebrar os días 19, 20 e 21 de decembro do 2012

Os días 19, 20 e 21 de decembro de 2012, levaranse a cabo ás XII XORNADAS DE MOSTRA DE CURTAMETRAXES, comezadas no ano 2001 con grande interese do público en xeral.

Como lembranza do que foron estas XORNADAS ao longo destes once anos de andadura dicir que na nosa programación priman as curtas galegas e en galego pero que tamén damos paso para coñecer outros autores a nivel internacional.

Nestes días amosaremos curtametraxes e creacións de cineastas, case que sempre noveis, e con especial atención aos cineastas galegos e galegas en especial.

O OBXECTIVO é dar a coñecer a un público amplo a calidade e variedade das curtametraxes, sobre todo das galegas. Estas xornadas están a converterse nun referente, por ser un esforzo realizado para divulgar a produción de curtametraxes, que en moitos casos fica agochada. Trátase de acceder a unha parte do audiovisual que atesoura gran calidade.

Facemos un chamamento a todas as persoas que queiran participar nestas xornadas, nos acheguen os seus traballos de menos de 30’ en formato DVD, preferentemente en lingua galega acompañado da ficha cumprimentada antes do día 7 de decembro para poder engadilos ao programa deste ano.

GRAZAS POR PARTICIPAR!

Descarga cubre e imprime a ficha para participar.

Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no seu centenario


O Ateneo Ferrolán e a A.C. Fuco Buxán, organizan unha HOMENAXE A CELSO EMILIO FERREIRO no seu centenario.
O martes, 20 de novembro, ás 19,30h. na Galería Sargadelos de Ferrol.

Interveñen:
  • Enrique Barrera Beitia, Historiador
    “O contexto político-social da época”
  • José Luis Forneiro Pérez, Profesor de Filoloxía Galego-Portuguesa da USC.
    “Vida e obra de Celso Emilio”
 Presenta: Fernando Ocampo Montesinos en nome de Ateneo e Fuco Buxán

Entrada libre.
O Martes, 27 de novembro na Galería Sargadelos haberá un Recital Poético – Musical e Exposición Bibliográfica da obra de Celso Emilio Ferreiro

@s Traballador@s do Ateneo Ferrolán responsabilizamos ao Alcalde Rey Varela

Os traballadores do Ateneo Ferrolán COMUNICAMOS que, hoxe día 7 de novembro ás 12,30 quedaba lista, probada e funcionando a instalación que estaba pendente da acometida do gas no edificio do Ateneo Ferrolán según nos confirmaron os operarios que levaban a cabo dita obra; de feito as rúas Méndez Núñez e Magdalena abertas e cortadas ao tráfico xa presentan o seu aspecto habitual, logo de máis de 10 días abertas para tal acometida.

O pasado mes de setembro, logo da reunión mantida co alcalde Rey Varela e os Presidentes históricos desta entidade centenaria, se nos comunicou que volverían a habilitar un espazo onde poder exercer o noso traballo no edificio do Ateneo Ferrolán, logo de 2 anos de obras de rehabilitación nas que estivemos dentro do inmoble desenvolvendo as tarefas administrativas desta entidade e que tivemos que deixalo en xuño para facilitar o remate das obras, estando xa no mes de novembro é urxente normalizar a nosa situación administrativa, tal e como quedou comprometido o Alcalde na citada entrevista.

Os traballadores do Ateneo responsabilizamos ao alcalde Rey Varela que, pola demora na recepción da obra, estase a poñer en perigo os nosos postos de traballo. O Alcalde Rey Varela non contestou ás nosas comunicacións presentadas por rexistro no Concello, non lle interesa nin lle importa a perda de máis postos de traballo nesta cidade.

Xa non hai máis desculpas ... a instalación do gas está rematada!
Sr. Alcalde Rey Varela queremos traballar, recepcione xa as obras da sede do Ateneo Ferrolán!

Asinan:
Mª Soledad Fontenla Fuster
Cristina Meizoso Alonso
Fernando Rivera García

Related Posts with Thumbnails