Buscar neste blog

13 marzo 2009

Conferencia e proxección do documental "Astano, a forxa dun soño"

O luns 16 Marzo, ás 20 horas no Ateneo Ferrolán, terá lugar a conferencia e proxección do documental "Astano, a forxa dun soño", producido por Zenit Tv que narra a historia do estaleiro ferrolán, o documental contou coa participación da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, NAVANTIA e o Concello de Fene.

“ASTANO, A FORXA DUN SOÑO” conta a historia dun dos máis grandes proxectos industriais galegos: ASTANO.

A industria naval é unha das máis globalizadas, complexas e estratéxicas do mundo. En Galicia existe construción naval artesanal desde a noite dos tempos, e Vigo e Ferrol foron os polos deste desenvolvemento naval. No caso de Ferrol existen desde o século XVIII uns estaleiros militares, xerme do que máis tarde serían BAZÁN e ASTANO, e actualmente é NAVANTIA.

Desde a perspectiva actual, parece que os xigantescos estaleiros de ASTANO foron unha fantasía, case unha lenda, unha realidade esquecida polos que viviron hai máis de vinte anos a súa crise, e descoñecida polas novas xeracións que escasamente saben da súa importancia por referencias.

O documental “ASTANO, A FORXA DUN SOÑO” recupera esta historia, unha historia fermosa da que se pode aprender para o futuro. ASTANO naceu como un soño: crear unha gran industria naval civil nun momento difícil, en plena II Guerra Mundial. O seu fundador José María González-Llanos, un experto enxeñeiro naval, decidiu afrontar no ano 1941 esta aventura empresarial con modestos recursos. ASTANO constituíuse como sociedade limitada e iniciou a súa andaina cunha trintena de traballadores, moitos deles socios fundadores.

Tras estes modestos comezos, nos que se construían pesqueiros de madeira, o éxito sorriu por fin á empresa. Nos anos sesenta ASTANO rivalizou cos grandes estaleiros do mundo.

A pesar da crise que sufriu o estaleiro a partir dos anos setenta, a historia de Astano é brillante, chegando a ser unha empresa innovadora e influinte no campo da construción naval. Ademais, creou unha gran riqueza, convertendo a Ferrolterra na comarca máis próspera de Galicia, e fixo que centos de galegos do rural conseguisen un traballo digno e unha capacitación profesional preto dos seus fogares, nun momento en que a emigración cara a Europa e o resto de España asolaba o campo galego.

O contexto histórico

A sucesión de imaxes e as intervencións que recordan o liderado de Ferrol na construción naval mundial naqueles tempos, é definitiva para dar fe da magnitude dos logros acadados por un grupo de homes e mulleres nunha zona onde ninguén podería imaxinar unha empresa similar. As grandes moles rompendo a ría de Ferrol, a presenza de expertos de todo o mundo nas botaduras, e a valoración de expertos en construción naval do que significou Ferrol para a industria, definen a magnitude da propia historia que se narra no documental.

Ningún comentario: