Buscar neste blog

09 decembro 2010

Dixitalización dos fondos da Hemeroteca do ATENEO FERROLÁN

O Ateneo Ferrolán abordará a dixitalización da única colección completa que existe do FERROL DIARIO 1969 - 1980 e de EL NORTE 1980 - 1981, para ir complementando o proceso, xa iniciado, da dixitalización dos seus fondos máis importantes.

Ferrol ao longo da súa historia destacou polo seu interese pola prensa e desde o século XIX foi unha das cidades nas que o xornalismo e a prensa máis variada, desenvolvéronse dun xeito máis destacado.

Nós continuamos con esa tradición e a hemeroteca do Ateneo Ferrolán conserva exemplares únicos de prensa local desde o século XIX.

O Ateneo Ferrolán fundado en 1879, é unha institución sen ánimo de lucro, de carácter cultural, que desenvolve a súa actividade dentro do ámbito de Galicia, pero cunha proxección máis ampla, e cunha clara vocación de ser un lugar onde atopen cabida todas as opinións e expresións artísticas, enlazando co espírito dos ateneos decimonónicos, nos que temos a nosa orixe.

Esta biblioteca-hemeroteca está composta na actualidade por ± 10.000 volumes, no seu fondo bibliográfico, fondos de carácter xeral, pero que fan especial incidencia nos temas relacionados coa cidade de Ferrol, e con todo o referido á arte, a historia, a literatura e a cultura de Galicia. Pero a parte máis sobresaínte é a hemeroteca.

A hemeroteca do Ateneo Ferrolán conta na actualidade con ± 450 cabeceiras de prensa. Divididas en revistas e prensa diaria; tanto en coleccións pechadas como abertas; esta prensa é de ámbito internacional, pero desde logo, a súa parte máis importante é a prensa local.

A filmoteca do Ateneo Ferrolán conta na actualidade con ± 1.000 títulos entre longametraxes, curtas e documentais.

O noso importante arquivo fotográfico composto de fotografías de diversa tipoloxía de principios de século (construción naval, social, industrial, carteis ....).

O importante arquivo de partituras inéditas e orixinais para gaita galega así como as súas gravacións presentadas ao longo dos 19 anos do noso Concurso Internacional de Gaita Galega "Constantino Bellón".

Os fondos increméntanse, como non podía ser doutra maneira, mes a mes, o que supón un esforzo económico e persoal para a conservación e difusión de dito patrimonio.

O Ateneo Ferrolán ven realizando ininterrompidamente dende o ano 1976, dun xeito gratuíto e público o seu servizo aberto á cidadanía con tres traballadores fixos, e dende o ano 1983 mantén aberta a súa Biblioteca-Hemeroteca, sendo a ÚNICA HEMEROTECA de Ferrol e Comarca, coa atención especializada dun Licenciado.


Ningún comentario: