Buscar neste blog

25 marzo 2014

A quen molesta o Ateneo Ferrolán?


 
 
http://ferrol360.es/a-quen-molesta-o-ateneo-ferrolan/

A quen molesta o Ateneo Ferrolán?

ELISEO FERNÁNDEZ 
Luns 24 marzo 2014


A quén molesta o Ateneo Ferrolán?


En tempos de inauguración de grandes contedores culturais non é inoportuno lembrar que a cultura é un fenómeno complexo que non pode reducirse a periódicos rituais nos que as persoas ficamos reducidas a meros espectadores. Dende o Ateneo Ferrolán pensamos que todas e todos somos cultura. E reivindicamos á xente de Ferrol e bisbarra como un pobo que é principalmente creador de cultura, e só como un efecto colateral resulta ser tamén consumidor de cultura.
É por iso que na nova xunta directiva que comezou a exercer as súas funcións no Ateneo hai escasos dous meses procuramos provomer outro tipo de cultura: nin unha cultura de élites nin unha cultura para as masas, senón unha cultura comunitaria e participativa coa implicación do maior número posible de persoas.
A complicidade e o apoio, tanto do tecido asociativo como das creadoras e creadores, está sendo fundamental nestes primeiros tempos. E seríamos moi desagradecidos se non fixéramos público o noso profundo agradecemento a todas as persoas e colectivos que están colaborando connosco nesta modesta obra de cultura. Xente de toda a bisbarra e tamén doutros lugares que desinteresadamente vén expoñendo as súas obras, compartindo os seus coñecementos e comunicando as súas actividades nos locais do Ateneo.
Grazas a todas e todos eles, nos vindeiros meses tentaremos continuar con novos proxectos de actividades culturais, promovidos pola nosa entidade en solitario ou en colaboración con outras asociacións do tecido cultural. Nun proceso de longo percorrido, aspiramos a facer un Ateneo máis participativo, no que as socias e socios teñan maior protagonismo e no que aumente a colaboración coas persoas e asociacións da bisbarra que manifesten calquera tipo de inquedanza cultural. Xunto a actividades consolidadas como o clube de lectura, os “martes de cine”, as charlas e as presentacións de libros, estamos tentando recuperar o cine infantil dos sábados e agardamos facer presente a memoria de persoaxes anónimas e de colectivos esquecidos. Como grande proxecto da entidade neste ano 2014 queremos lembrar a figura de Hildegart Rodríguez Carballeira no centenario do seu nacemento, cunhas xornadas que se celebrarían no vindeiro mes de decembro.
Ao tempo, vimos de extender as cuotas reducidas ás persoas desempregadas, menores de 26 anos ou maiores de 65, ás familias nas que hai varios socios, ou a persoas que viven fóra da bisbarra. Deste xeito tentamos ampliar o número de socios e, sobre todo, implicar a máis xente ao traballo cultural nos locais do Ateneo.
Mais non todo vai como quixéramos. É ben coñecido que o Ateneo mantén unhas reivindicacións, que estimamos lexítimas, en canto ao edificio que vimos enchendo de actividade dende hai case trinta anos. O Ateneo non se considera superior a ningunha outra asociación cultural da cidade; mais tampouco nos consideramos inferiores, e mesmo reivindicamos con todo orgullo a tarefa que o Ateneo e as anteriores directivas fixeron en proveito da nosa cultura e da nosa cidade. Por iso asistimos con certa incredulidade ás dificultades cada vez maiores que temos para desenvolver a nosa actividade cultural.
Neste sentido, non podemos máis que manifestar a nosa indignación diante da desaparición da placa do Ateneo Ferrolán do exterior do edificio, o pasado mércores día 5 de marzo. O feito de retirar o noso nome da fachada principal (onde figuraba dende hai case trinta anos) é un paso máis nun proceso que leva á nosa entidade ao confinamento nas plantas terceira e baixocuberta do edificio, á ocultación da existencia do Ateneo, e á marxinalización das súas actividades. E malia todo, contra vento e marea, os compromisos do Ateneo continúan sendo os de ser un espazo aberto para a cultura, o de levar adiante o noso programa de actividades, e promover a cultura e o debate entre a xente de Ferrol e a súa bisbarra. O alento popular é a nosa mellor axuda nesta complicada travesía.
*Eliseo Fernández é o actual presidente do Ateneo Ferrolán.

Ningún comentario: