http://www.queremosgalego.org/
Somos Cultura. Salvemos o Ateneo
Manifesto “Un paso adiante e mais outro paso adiante,
Galiza!”, da autoría de Marica Campo
O galego é a nosa lingua. A Galiza ten unha lingua de seu que é o
galego. Por isto, non podemos tolerar que no noso país, hoxe, o
español, coa axuda do Inglés, se utilice como o seu sepultureiro. Até o
Estatuto de Autonomía, que xa ten 33 anos, declara que o Galego é a
lingua propia de Galiza. En boa lóxica, xa que é así, está na súa casa e
non precisa permiso das outras, impostas e alleas, para se mover
libremente polas diversas estancias.
Todos os avances das forzas emancipadoras da humanidade foron sempre
na dirección de combater a exclusión social. Agora, na tan amentada
crise, denúnciase decote o aumento dos excluídos. Mais nós, galegas e
galegos, levamos moito tempo vivindo unha crise particular que non é
filla conxuntural da que din que se desatou hai sete anos. A nosa crise
ten outros nomes e apelidos: son o noso dereito a existir como tales, a
traballar na nosa terra e a facermos uso libre e estendido da nosa
lingua, os que están sendo vulnerados.
A ela, á nosa lingua, foille imposto historicamente un manual de
redución. A que a reduciron? Reducírona á oralidade, á fala; reducírona a
unha clase social, os oprimidos carentes de todo poder de decisión;
reducírona a uns lugares, as aldeas; reducírona a unha idade, os vellos.
O ano pasado lembramos que se cumprían 150 anos desde que unha muller
chamada Rosalía de Castro culminara un proceso de dignificación da
lingua galega, rompendo esa trampa mortal de falsa naturalidade, isto é,
dun uso marxinal permitido, e elevándoa á máxima altura estética e
patriótica. A partir dela e até os nosos días, a nosa lingua foi
cobrando naturalidade e dignidade noutros espazos sociais e públicos a
cadora máis amplos e diversos.
Somos todas e todos os que estamos aquí fillos ou descendentes deste
esforzo; mais, ao mesmo tempo, responsábeis de lle asegurarmos
continuidade. Neste labor, non só non contamos coa protección
institucional, senón que temos que gastar o tempo a defendérmonos das
ilegalidades que os poderes públicos perpetúan contra o galego.
Amigas e amigos, o tempo actual non é propicio para a existencia de
Galiza e do seu signo principal, a lingua galega, porque a globalización
pretende arrasar con toda diferenza que ouse desafiar a hexemonía do
imperial dominante. Non os imos compracer. Non temos a menor vontade de
suicidio nin de resignación. Por isto, parafraseándomos a Díaz Castro, o
poeta a quen celebramos este ano, diremos:
Un paso adiante e mais outro paso adiante, Galiza, no uso da nosa
lingua nas aulas, tamén como lingua vehicular escandalosamente
prohibida pola Xunta para certas materias.
Un paso adiante e mais outro paso adiante, lingua nosa, nos medios de comunicación e na publicidade.
Un paso adiante e mais outro paso adiante, no uso do Galego pola Administración.
Un paso adiante e mais outro paso adiante, porque iso é o xusto, para a nosa palabra na Xustiza.
Un paso adiante e mais outro paso adiante nas misas e demais celebracións relixiosas.
Un paso adiante e mais outro paso adiante na oferta de ocio.
Un paso adiante e mais outro paso adiante en todos os novos soportes comunicativos.
Un paso adiante e mais outro paso adiante nos transportes públicos.
Un paso adiante e mais outro paso adiante no comercio.
Un paso adiante e outro paso adiante en todas as artes e as letras.
Porque unha lingua normal é unha lingua ubicua, omnipresente, e este
decálogo non nace dunha invención nosa, senón que está contido na Carta
Europea das Linguas non Estatais, aceptado como lexislación superior do
Estado en 2001 e igualmente presente no Plano Xeral de Normalización
Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia vai para
dez anos, e desprezado por quen o tiña que executar.
Debe ser a lingua obxecto de uso e de defensa todos os días do ano en
todos os lugares e momentos, porque non é un adorno ou unha peza
cultural: é o noso ser e precisa dunha defensa cívica e dun amor
colectivo e dunha mobilización social tan potente como a que dedicamos a
outros asuntos que teñen a ver co diñeiro, co traballo ou con dereitos
conquistados.
O poeta Díaz Castro, escribiu nun seu poema estes versos: “Alumarei
con fachas de palabras, / ancho herdo meu, o mundo que me deron”. Falar a
nosa lingua é darlle luz, é dicir, visibilidade. E tamén calor, amparo
social, porque a lingua non é individual e precísanos a todas e a todos
para seguir
nomeando o mundo desde nós.
Adiante, pois, sempre! Un paso adiante e mais outro paso adiante,
Galiza,
coa lingua que nos crea e que nos cría, que nos fai ser e
existir.
Viva a lingua galega!
Fagámola vivir e ser útil!
É tempo de falarmos: somos nós!
Ningún comentario:
Publicar un comentario