Proxección e Charla: "Película urgente por Palestina". Venres 27 de febreiro ás 19,30 h.

Venres día 27 ás 19,30 h. no salón de actos do Ateneo Ferrolán
Proxección: "Película urgente por Palestina" de Alberte Pagán
Charla "Sionismo, limpeza étnica e infancia" 
por Elvira Souto e Lucía Barros

http://www.agamme.org/
http://www.bds-galiza.org/

Esta é unha película urxente por Palestina. Dende Palestina. Esta é unha película sen imaxes. Porque as imaxes son incapaces de representar a historia. Esta é unha película urxente para Palestina. Sobre Palestina. Territorio ocupado. Pobo ocupado. Vidas ocupadas. Futuro ocupado. Palestina Clandestina. Israel Ilegal. Esta é unha película sen imaxes. Este é un pobo sen terra. Futuro roubado. Pasado roubado. Casas ocupadas. Pobo encarcerado.

A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), BDS-Galiza (Campaña Internacional de Boicote, Desinvestimentos e Sancións contra Israel) e o Ateneo Ferrolán organizan unha palestra para reflexionar e debater arredor do xenocidio que se está a cometer en Palestina e que, como sabemos, ten especial incidencia sobre a poboación infantil. Contarase coa presenza de Elvira Souto e Lucía Barros, activistas de BDS-Galiza que presentarán sendos relatorios arredor da situación da infancia en Palestina e a xornada completarase coa proxección da curtametraxe Película urgente por Palestina, do cineasta galego Alberte Pagán
O acto terá lugar o vindeiro Venres 27 de febreiro ás 19:30 horas no salón de actos do Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena 202-204).

A sesión dará inicio coa proxección da fita do cineasta de Carballiño Alberte Pagán Película urgente por Palestina. A curtametraxe, gravada en Palestina polo propio director en 2012, preséntase no propio texto en off do filme como “un panfleto sobre o sufrimento cotiá, sobre o sufrimento histórico, sen imaxes, sen palabras”. Pero, a pesar dos seus escasos 15 minutos de duración, a obra de Pagán consegue ir máis aló da mera denuncia, reflexionando sobre os camiños nos que o cinema pode (e debe) representar o xenocidio.

Tras a proxección terán a palabra dúas representantes de BDS-Galiza, a Campaña Internacional de Boicote, Desinvestimentos e Sancións contra Israel que, segundo se le no seu lema fundacional, agroma como unha resposta á colonización, o apartheid e a ocupación israelí en terras de Palestina. Baixo o título “Sionismo, limpeza étnica e infancia” intervirán as dúas relatoras, por unha banda Elvira Souto, activista de longa traxectoria e actualmente unha das coordinadoras de Esculca, Observatorio para a Defensa dos Direitos e Liberdades, que explicará a historia, funcionamento e obxectivos de BDS-Galiza así como o xeito de participar da campaña. Pola súa banda, Lucía Barros falaranos da súa propia experiencia en Palestina a onde viaxou en 2012 coa ONG Sodepaz e que coñece de primeira man a vida cotiá da poboación palestina baixo a ocupación israelí. No seu relatorio, Barros incidirá naqueles aspectos que vulneran de xeito máis directo a vida dos nenos e as nenas.




0 comentarios :

Related Posts with Thumbnails