Conferencia audiovisual "Da guerra e o seu relato na arte contemporánea en Galicia" por Rosario Sarmiento
Mércores día 17 de marzo de 2021 ás 19 h.
‘DA GUERRA COMA ARTE Á ARTE EN CONTRA DA GUERRA’ REIVINDICA O PAPEL DOS ARTISTAS GALEGOS NA DENUNCIA DOS CONFLITOS ARMADOS
-
Un ciclo de actividades culturais achegará ao público o relato da guerra na arte contemporánea de Galicia
-
Coordinado pola historiadora da arte Rosario Sarmiento e patrocinado pola Deputación da Coruña, o programa cultural inclúe a celebración dun ciclo de conferencias e a difusión de materiais divulgativos en formato audiovisual e impreso
-
A iniciativa bota a andar nas comarcas da Coruña, Ferrol e Santiago con máis dunha ducia de actividades programadas en xaneiro e febreiro
Esta iniciativa, organizada pola firma cultural A Forxa, co patrocinio da Deputación da Coruña, e coordinada pola historiadora da arte Rosario Sarmiento (www.rosariosarmiento.gal), quere achegar á sociedade galega o relato da guerra a través da arte contemporánea de Galicia.
“A guerra, os seus protagonistas, os seus escenarios e as súas consecuencias ten sido na arte contemporánea un tema sobre o que moitos creadores traballaron, denunciando moitas veces os abusos, as atrocidades e a dor que sempre deixa tras de si calquera conflito armado”, explica Rosario Sarmiento. Sen embargo, “non será ata finais do século XVIII e comezos do século XIX, cando a maneira máis académica de relatar as guerras como acontecementos heroicos ou grandiosos será posta en cuestión por un artista como Francisco de Goya, que marcará a modernidade deste xénero artístico”, apunta.
En Galicia, Ramón Parada Justel, un dos compoñentes da chamada Xeración Doente será pioneiro nesta denuncia en 1899, co cadro A familia do anarquista o día da execución, sendo un dos nosos primeiros creadores contemporáneos que se achega á temática da violencia da guerra. “O golpe de estado de 1936, coa represión, o terror e a tremenda experiencia da Guerra Civil serán claves para o posicionamento e a denuncia de moitos dos artistas que contribuirán á modernidade da creación plástica nas primeiras décadas do século XX en Galicia”, sinala Sarmiento.
Nomes como Luis Seoane, Castelao, Colmeiro, Arturo Souto e Federico Ribas denunciarán aos responsables do golpe e a dramática situación da poboación civil. Tamén Isaac Díaz Pardo, Conde Corbal, Agustín Pérez Bellas, Mercedes Ruibal, Xaime Quessada, Francisco Leiro, Jorge Castillo, Reimundo Patiño, Xavier Correa, Antón Patiño ou Caxigueiro expresarán o seu compromiso e deixarán en moitas obras a súa mirada de compromiso fronte á realidade da guerra.
Esa mirada é a que se achegará ao público da provincia coruñesa con este ciclo cultural que comprende un amplo programa de conferencias e a difusión destas obras a través de diversos materiais audiovisuais e impresos, coa edición de máis de 2.000 folletos e carteis.
A iniciativa bota a andar este mes, con actividades xa programadas na Coruña, Sada, Betanzos, Oleiros, Santiago e Ferrol.
Máis información
Rosario Sarmiento 619 723 760
Ningún comentario:
Publicar un comentario