Buscar neste blog

01 decembro 2008

O Ateneo Ferrolán disporá sen límite de tempo do edificio municipal do século XVIII que ocupa dende hai máis de 20 anos

O Concello de Ferrol aprobou por unanimidade ceder en precario de forma indefinida ao Ateneo Ferrolán o edificio que ocupa desde fai anos: un inmoble do século XVIII pertencente ao Concello e procedente do Legado Carbajal. Ate agora, a cesión debía renovarse de forma periódica.

Antes de ter a función cultural que hoxe ten, tivo outros usos- tamén en beneficio da cidade- como queda recollido nos libros de actas, sendo escola de nenas, e como na actualidade Colexio electoral. Tivo tamén outras funcións e nunha relación dos bens do legado, cos seus valores, rendas, etc... faise mención ao edificio do Ateneo Ferrolán:

“finca urbana en Canalejas 204 unida por su interior al 202 y al 5 de Méndez Núñez [...] estuvieron los servicios de juzgados y escuela mixta, hoy sólo lo ocupan en la planta baja almacenes, comedor de cantinas y colonias escolares, en la planta superior los archivos notariales y del registro de la propiedad [...] tienen una superficie de 357 metros cuadrados y un valor de 106.250 pts.”

Unha casa das máis antigas do Ferrol, que se constrúe no século XVIII; nela destacan importantes e novidosos elementos arquitectónicos, como sinalan os especialistas, por exemplo parte dos seus muros de mampostería enlucida, sendo das primeiras edificacións que adoptou este sistema foráneo, tanto en Ferrol, como en Galicia; hai que destacar que hoxe seguimos conservando eses muros enlucidos. Unha das características máis destacadas do edificio son os seus balcóns de forxa que o identifican como un edificio claramente dezaoitesco, en contraposición ás galerías decimonónicas.

Todo este edificio, esta xoia, está hoxe en día aberta á cidade de Ferrol, desenvolvendo unha intensa actividade cultural, cunha biblioteca de interese galego e unha hemeroteca única na cidade.

Sentímonos orgullosos de seguir mantendo, desde o Ateneo, o espírito do Legado Carvajal, realizando un beneficio á sociedade.

Nada mellor para finalizar que as palabras dun importante historiador, que foi ademais presidente do Ateneo, Guillermo Llorca “É de supoñer que Pedro González Carvajal sentiríase satisfeito se vise que unha parte da súa xenerosa achega cidadá ía converterse, co paso do tempo [...], nun edificio modélico [...] ao servizo cultural de todos os ferroláns”.

Parte do artigo publicado na nosa Revista Atenea nº 30

Ningún comentario: