Buscar neste blog

08 decembro 2008

Roger de Flor en concerto no Ateneo

Tras unha longa espera por fin o músico fenés Roger de Flor presenta o seu novo traballo, "Naturalidad Silvestre", no que inclúe oito composicións propias e unha do seu compañéro de fatigas Serguei Izmailov. O CD gravouse nos estudios "La Buhardilla" (Limodre-Fene) e foi mesturado e masterizado nos estudios de Víctor Gacio "O Can Verde", en Neda.

No disco colabora un variado grupo de músicos e amigos da comarca, de calidade e experiencia contrastadas, como Fran Rey (piano), Cabe García (guitarra), Luís Cuba (baixo), Álvaro Lamas (steal guitar), Serguei Izmailov( batería), etc.

Entre os estilos que se poden atopar no novo disco están o swing pop, country, balada, sempre co toque persoal e humorístico que De Flor imprime as súas cancións que navegan no ronsel dun Burt Bacharach, un Ray Davies ou unhas Vainica Doble.

Logo de participar nunha infinidade de proxectos na súa carreira como o grupo de rock ´n´roll ferrolán "Bang 74" ou o dúo "La Sociedad Protectora del Hombre Mono", De Flor enceta a súa andaina en solitario a principios do 2007 coa presentación da súa primeira maqueta "Canciones de amor y retranca". Tras ter percorrido boa parte de Galicia presentando o seu primeiro traballo,con gran acollida de crítica e público, retírase temporalmente dos directos para participar na gravación de varios videoclips, entre eles, o da canción "Os dous amigos", segunda finalista no concurso "A polo ghit", organizado pola Radio Galega e o portal cibernético Vieiros, e na composición e posterior gravación das súas novas creacións, incluídas no mencionado disco "Naturalidad Silvestre".

O Ateneo Ferrolán foi o lugar elixido polo músico para a presentación do seu novo traballo na cidade.

http://www.myspace.com/rogerdeflor

Venres 26 de decembro ás 22,00h.
ENTRADA:
- Público 5 € co agasallo do CD "Naturalidad Silvestre".
- Gratis para Socios e Socias do Ateneo (sen disco).

Ningún comentario: