Publicamos "Carta aberta ao alcalde de Ferrol" da xunta
directiva do Ateneo Ferrolán
Axuntamos un enlace ao anexo da última comunicación enviada por rexistro.
Carta aberta ao alcalde de Ferrol
En momentos de crise como a
que vivimos, unha sociedade precisa poñer en xogo todas as súas
potencialidades para avanzar e superar escenarios de empobrecemento,
disgregación social e desmoralización
colectiva. O Ateneo Ferrolán está tentando contribuir modestamente á
revitalizacion de Ferrol, traballando dende o ámbito da cultura. Dende
hai un ano iniciamos o camiño de tentar reducir o conflicto aberto co
Concello para redirixir os nosos esforzos á recuperación
social da nosa bisbarra dende a actividade cultural. A xente de Ferrol e
da bisbarra está hoxe en condicións de xulgar se nos últimos tempos o
Ateneo sumou ou restou na tarefa de reanimar este fermoso recuncho da
terra. Pola nosa parte, na xunta directiva
do Ateneo estamos satisfeitos co incremento das nosas actividades e a
revitalización do edificio sede do Ateneo Ferrolán, aínda que pensamos
que a potencialidade do Ateneo pode contribuir aínda moitísimo máis na
nosa recuperación colectiva.
Faltaríamos ao noso deber
como directiva do Ateneo Ferrolán, se non chamaramos a atención das
nosas socias e socios e de toda a sociedade ferrolá sobre o perigo no
que se atopa o Ateneo, en trance
de perder todo o seu patrimonio ou de ter que vender algunhas das súas
mellores pezas para salvar o resto. Unha situación á que o Ateneo foi
conducido como consecuencia das obras de rehabilitación do edificio sede
do Ateneo e do incumprimento dos acordos verbais
co Concello de Ferrol, que garantían algo tan lóxico como que o
traslado e almacenamento dos bens do Ateneo no tempo de duración das
obras estiveran incluidos no orzamento da rehabilitación.
Lamentablemente o goberno municipal do Partido Popular ten amosado
a súa vontade de executar unha política de castigo cara ao Ateneo
Ferrolán que se concretou na desnaturalización do proxecto de
rehabilitación do edificio sede do Ateneo, condenando á entidade ás
plantas superiores do edificio, restándolle case cen metros
cadrados de espazo útil, suspendendo as axudas públicas ás iniciativas
do Ateneo e negándose a asumir os gastos para a recuperación do
patrimonio do Ateneo, almacenados en contentores dende hai varios anos.
Unha política tristemente coherente que está levando
ao Ateneo a unha complicada situación económica que podería conducir á
perda dun importante patrimonio cultural e mesmo ameaza a vida da
entidade. Unha política discriminatoria para o Ateneo que ven confirmada
pola negativa do alcalde a atender aos chamamentos
que tanto pública como privadamente lle temos feito para tentar
reconducir esta situación de conflicto cara á colaboración e o traballo
conxunto en beneficio do Ateneo e da sociedade ferrolá.
É por iso que estamos
obrigados a preguntarlle ao alcalde José Manuel Rey Varela se el se
considera a persoa adecuada para encabezar un proxecto aglutinador da
sociedade ferrolá? Porque é moi distinto
ver a crise como un escenario no que cumpre traballar colectivamente
para lograr a saída da crise sen que ninguén quede polo camiño, ou pola
contra querer aproveitar esta situación difícil para propiciar a
desaparición de entidades que resultan molestas polo
seu exercicio da cultura crítica e participativa. Pareceríalle ben que
unha nova e hipotética corporación de esquerdas retirara as axudas á
Semana Santa e incumplira investimentos comprometidos coas confrarías
por parte da anterior corporación? A nós dende
logo pareceríanos unha actitude completamente irracional, disgregadora e
sectaria. Por ese motivo temos que denunciar que iso foi o que
aconteceu co Ateneo nos catro anos do seu mandato. A nosa entidade é un
triste exemplo de cómo o seu grupo de goberno rachou
consensos básicos que afectan non só ao Ateneo, senón ao conxunto do
tecido cultural e social da bisbarra.
Malia todos estes
problemas e a grave situación do Ateneo, non todo foron sensabores.
Quedámonos coa parte positiva, como é que no medio de todos estes
problemas puidemos paladear o que son a solidariedade
e o apoio por parte de persoas e colectivos de todo tipo que teñen
apoiado ao Ateneo nestas difícilísimas circunstancias. Convidamos ao
señor Rey Varela e a todas as forzas políticas e sociais a colaborar
neste fermoso camiño de traballo positivo a prol da
pluralidade, do diálogo e da cultura. E non podemos despedirnos sen
pedirlle publicamente e por enésima vez, que reciba á directiva do
Ateneo Ferrolán que leva dende xaneiro do pasado ano 2014 solicitando
unha entrevista con vostede. Diálogo, debate e democracia
non deberían ser palabras valeiras de sentido para adornar o discurso,
senón feitos que todas e todos poidamos percibir e compartir.
Anexo Comunicación do pasado 2 de febreiro de 2015 por rexistro no Concello
Ningún comentario:
Publicar un comentario