Buscar neste blog

21 marzo 2017

Presentación libro "Breve historia da Coluna Sanfins". Mércores 22 de marzo ás 19,30 h.


Presentación libro "Breve historia da Coluna Sanfins" 
a cargo de Lorena Cuevas e Eliseo Fernández

Mércores día 22 de marzo ás 19,30 h. no Ateneo
Entrada libre

O Grupo de Memoria Histórica da CNT Galiza vén de publicar un libro que trata da mobilización obreira en defensa da liberdade tras o golpe fascista de 1936 iniciada polos mineiros de Lousame na chamada Coluna Sanfins.

Esta homenaxe a unha historia esquecida foi realizada coa colaboración da Sociedade Histórica e Cultural "Coluna Sanfins" e conta con 120 páxinas sob licenza Creative Commons que narran a historia da Coluna Sanfins, as suas orixes, o contexto histórico e a importancia da minería, a represión e resistencia e os vestixios da memoria obreira.

Lorena Cuevas e Eliseo Fernández, autora e autor dos textos e membros do Grupo de Memoria Histórica da CNT, presentan este traballo, o primeiro dunha colección que pretende tirar do esquecemento moitas das historias de combate, morte e represión que aínda continúan silenciadas.

A Coluna Sanfins

En xullo de 1936, un numeroso grupo de traballadores e traballadoras das minas de Sanfins, situadas na freguesía de Vila Cova, en Lousame, foron protagonistas da resistencia ao golpe militar fascista na provincia da Coruña. Desde as minas do val de Sanfins trasladáronse a Noia, despois a Compostela, máis tarde a Ordes e finalmente á Coruña, tentando facer fronte aos militares golpistas. En combate con tropas regulares con armamento e preparación militar, os sindicalistas da CNT de Sanfins só contaban coa dinamita que usaban no seu traballo de mineiros e, malia todo, foron quen de manter os militares acuartelados en Compostela ao seu paso pola cidade e manter a resistencia por varios días e recuperar parte da cidade da Coruña nos combates polas rúas. Unha vez derrotados, unha boa parte deles aínda formou parte das iniciativas de resistencia aos militares alzados, tanto nas tropas milicianas (é o caso do célebre "Batallón Galicia") como máis tarde nas organizacións clandestinas e na guerrilla antifranquista.

A resultas do seu combate, moitas das integrantes da Coluna Sanfins e do movemento libertario de Lousame e da súa comarca foron asasinados, padeceron o cárcere, a represión e a persecución, mais parécenos moi importante esquecer en certa medida o seu carácter de vítimas para chamar a atención sobre o seu elevado exemplo de rebeldía e reivindicación.

Non desexamos lembrarnos do pasado para doernos dos padecementos das persoas que sufriron a represión franquista, senón para remarcar os ideais e os combates que fixeron deles homes e mulleres perseguidas. Para erguer tamén a súa memoria como exemplo das posibilidades do traballo mancomunado de homes e mulleres a prol dunha nova organización social, sen amos nin escravos, sen pastores nin rabaños.

A memoria da Coluna Sanfins é tamén a memoria das xentes de Lousame, Noia, Compostela, Ordes, Coruña e de toda a Galiza, que participaron na resistencia ao golpe militar: mineiros da Pontenova e Viveiro, carrilanos de Verín e A Gudiña, traballadores pesqueiros de todo o litoral, o operariado organizado de Ferrol, Vigo, Lugo, Monforte, Vilagarcía ou Tui, e as labregas e labregos rebeldes de todo o país. Vaia este texto como unha primeira pedra no esforzo por recuperar a súa historia e a súa memoria, como base para o traballo de reedificar unha cultura reivindicativa e libertaria na nosa terra.

Ningún comentario: