Exposición Centenario de Hildegart Rodríguez Carballeira (1914-2014). Do 8 de marzo ao 30 de abril


Exposición Centenario de Hildegart Rodríguez Carballeira (1914-2014)

Do 8 de marzo ao 30 de abril no Ateneo

Hildegart Rodríguez Carballeira (Madrid, 09/12/1914 - 09/06/1933) foi unha das mulleres máis relevantes da nosa historia contemporánea. Nos seus escasos 18 anos e medio de vida, publicou quince libros e folletos, colaborou con numerosos xornais e tivo unha grande actividade política, tanto nas Juventudes Socialistas como no Partido Republicano Federal. Militou ademais en organizacións feministas e participou na creación da Liga para a Reforma Sexual. Foi pola súa coñecida traxectoria e polo prometedor futuro que se agardaba para ela que o asasinato a mans da súa nai, a ferrolá Aurora Rodríguez, en 1933, ficou gravado no imaxinario colectivo e foi inspiración para decenas de novelas, obras de teatro e filmes.

Esta exposición quere percorrer a vida de Hildegart, situándoa no contexto social e político no que viviu. Cada panel avanza no seu roteiro vital e nos temas sociais polo que se preocupou, e recolle ademais unha das obras publicadas por Hildegart, ao carón dalgunha outra obra escrita sobre Hildegart e Aurora. Dese xeito tentamos achegarnos por un lado a historia e por outro lado a memoria desta singularísima muller.

0 comentarios :

Related Posts with Thumbnails