Buscar neste blog

Síguenos en...

15 setembro 2026

«Cando a cor desaparece, a verdade se revela»: exposición fotográfica de Xosé Debasa


O Ateneo Ferrolán acolle a partir do próximo 24 de setembro unha nova exposición fotográfica de Xosé Debasa, unha proposta en branco e negro que nos invita a mirar o mundo desde outra perspectiva.

Baixo o título «Exposición fotografía en branco y negro», o autor presenta unha selección de imaxes na que a ausencia de cor deixa o protagonismo á luz, ás sombras, ás formas, ás texturas e aos contrastes.

A fotografía de Xosé Debasa está especialmente vinculada á observación do territorio. Nas súas galerías fotográficas podemos atopar paisaxes da costa e da contorna de Ferrolterra, rías, praias, bosques, ríos e espazos naturais, así como numerosas imaxes de fauna. Lugares como Doniños, Lobadiz, Xubia ou a ría de Ferrol forman parte do seu universo fotográfico. 

É xa, por outra banda , vello coñecido do Ateneo onde anteriormente expuxo as suas esculturas en madeira e metal, un verdadeiro artista polifacético, un contador de historias do cotiá.

O seu traballo amosa tamén un interese especial polos momentos nos que a paisaxe se transforma coa luz: solpores, néboas, reflexos e cambios de atmosfera que adquiren unha dimensión diferente cando se trasladan ao branco e negro. Na súa obra podemos atopar, por exemplo, fotografías como Anochece en Ferrolterra, Ocaso en Punta Coitelada, Se pone el sol en Lobadiz ou Ocaso Puerto de Ferrol

É precisamente esa mirada a través da luz e do contraste a que cobra especial sentido nunha exposición como esta. Porque, como nos propón o propio autor no cartel da mostra:

«Cando a cor desaparece, a verdade se revela».

Unha invitación a deter a mirada e descubrir aquilo que ás veces a cor pode ocultar: a xeometría dunha forma, a forza dunha sombra, a textura dunha parede, a atmosfera dun lugar ou a emoción dun instante.

Unha oportunidade para achegarnos ao traballo dun fotógrafo cunha mirada moi ligada ao territorio e descubrir como Ferrolterra e as súas paisaxes poden adquirir unha nova dimensión cando a cor deixa paso ao branco e negro.

Podes coñecer parte do traballo fotográfico do autor nas súas galerías en liña, incluíndo o seu perfil en Flickr. Galería de Xosé DeIasa en Flickr ou seguilo en instagram en @xosedcviajandoconzeus ou @xosedcfeitoaman

Ningún comentario: