Feliz 2016. Somos Cultura

Feliz 2016
Somos Cultura
http://ateneo-ferrolan.blogspot.com.es/2007/12/faite-soci.html

Representación da obra:"A árbore de nadal". Mércores día 30 ás 18 h.


Representación da obra: "A árbore de nadal" 
para nen@s ate 90 anos

 Música en directo e sombras chinesas

O mércores día 30 de decembro ás 18 h. 
no salón de actos do Ateneo
Organiza: A Escola da Vaca
 Entrada de balde

O teatro de sombras chinesas:

As sombras chinesas, precedente do teatro de sombras, parten dun xogo popular baseado nun efecto óptico teatralizado. Efecto que se consegue ao interpoñer as mans ou outros obxectos entre unha fonte de luz e unha superficie clara (pantalla ou parede), de maneira que a posición e o movemento das mans proxecta sobre o improvisado escenario sombras que representan figuras estáticas ou en movemento. Constitúen unha das máis antigas artes do teatro de monicreques e marionetas.

"Arte made in Ferrol". Martes día 29 ás 20 h


"Arte made in Ferrol" o martes día 29 de decembro ás 20 h. no Ateneo.
Entrada libre. 

Organiza: Xeración Asociación Cultural 
(Asociación cultural con base en Narón especializada en proxectos de mobilidade e cooperación internacional). 

Concerto acustico, Presentación do proxecto e Proxección do documental.
O finalizar abriremos un pequeno debate sobre a situación da mocidade no sur de Europa.


O proxecto chámase "The found generation" (A xeración atopada) e consiste nunha serie de entrevistas a mozos activos (emprendedores, artistas, activistas) dos tres países que teñen unha historia inspiradora que compartir. A idea consiste en dar a coñecer ideas que están a funcionar a todos aqueles mozos/as que, tras rematar os estudos, non saben que facer coa súa vida.

O documental ten un formato curto (o redor de 20 min) e está grabado en inglés con subtitulos en español, grego e portugués.

Co fin de dar difusión o noso proxecto, temos previsto organizar sendos eventos públicos en Galicia, Lisboa e Kalamata.

A nosa idea consiste en organizar unha velada de Arte made in Ferrol no que poidamos presentar o noso proxecto á vez que tocan dous grupos locais (concertos acusticos).

Info no Diario de Ferrol:
http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/fomento-da-participacion-xuvenil-obxectivo-do-proxecto-xeracion-asociacion-cultural/20151228223815142292.html

Acto de Entrega da Biblioteca de Bonifacio Borreiros. Luns 21 ás 20 h.

Bonifacio Borreiros caricatura de Siro


O Ateneo Ferrolán recibe a cesión da biblioteca de Bonifacio Borreiros

A xunta directiva do Ateneo Ferrolán ten a enorme satisfacción de comunicar que ven de recibir a cesión da biblioteca particular de Bonifacio Borreiros, realizada pola súa nai Dª. María Fernández Lagoa, o pasado día 10 de decembro de 2015. Nesta data, o persoal e a directiva do Ateneo realizaron o traslado, dende a vivenda de Bonifacio Borreiros en Covas, dunha importante colección bibliográfica de perto de 2.000 libros, que ocuparán sobre 45 metros de estanterías da nosa biblioteca.

Bonifacio Borreiros naceu en Ferrol en 1953, estudiou medicina en Compostela e desenvolveu unha activa vida política ligada ao socialismo galego; até a súa morte en 2006 estivo ligado á vida política e cultural galega e ferrolá. Foi Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia en 1988 e foi no mundo da cultura onde centrou a súa actividade política. Na súa cidade natal fican algunhas das súas grandes iniciativas, como o Centro Cultural Torrente Ballester, a reforma da Biblioteca Municipal, e toda unha serie de publicacións sobre a historia da cidade; foi tamén, non o esquecemos, un activo colaborador e protector do Ateneo Ferrolán.

A biblioteca de Bonifacio Borreiros ten a Ferrol, Galiza, a filosofía e o pensamento socialista como eixos principais, polo que na súa maior parte encaixa perfectamente na biblioteca especializada que é a Biblioteca-Hemeroteca do Ateneo Ferrolán. Existen ademáis libros de medicina, literatura, ensaio, enciclopedias e diccionarios que componen un interesantísimo fondo bibliográfico contemporáneo. A traxectoria de Bonifacio Borreiros como Director Xeral de Cultura na Xunta de Galicia, Concelleiro de Cultura no Concello de Ferrol, como deputado no Parlamento Galego e no Congreso, fican reflectidas tamén na súa biblioteca, recollendo moitas obras promovidas por Bonifacio ou relacionadas co desempeño destes cargos públicos.

Entre as obras de pensamento de maior interese para a nosa biblioteca están os doce tomos que compoñen as obras completas do socialista Ferrolán Pablo Iglesias, que permitirán ao público coñecer en profundidade as ideas deste socialista ferrolán. A literatura está tamén presente no fondo a través dos máis prestixiosos autores, con coleccións de obras completas do ferrolán Torrente Ballester, de Valle Inclán, Neruda ou Borges. A doazón inclúe grandes coleccións de obras clásicas da cultura galega, como a “Historia de Galicia” de Edicións Hércules, a “Historia de Galicia” de Otero Pedrayo, a grande colección da “Biblioteca da Cultura Galega”, o “Diccionario da Língua Galega” e centenares de obras de galegas de literatura, historia e ensaio. A cesión inclúe ademáis un bó número de revistas de pensamento de temática galega e socialista. Entre as coleccións hemerográficas destaca a edición facsímil do xornal “A Nosa Terra” e un bó número de exemplares da revista “Grial”, que virán a sumarse á colección destas publicacións que xa tiña o Ateneo, cando a nosa entidade recupere os seus fondos. Algunhas das obras de autores locais están dedicadas ao propio Bonifacio.

O Ateneo Ferrolán instalou esta colección bibliográfica como un fondo independente dentro da súa Biblioteca-Hemeroteca, que fará lembranza de Bonificacio Borreiros, e o luns 21 de decembro ás 20 horas fará un acto público de recepción dos fondos, a partir do cal a colección bibliográfica estará a disposición de todo o público.  Durante todo o mes de xaneiro estará instalada ademáis na biblioteca do Ateneo unha exposición bibliográfica en vitrinas dos fondos de maior interese recibidos pola entidade nos dous últimos anos.

XV Mostra de Curtametraxes Ateneo Ferrolán. 17 e 18 de decembro ás 19 h.

XV Mostra de Curtametraxes Ateneo Ferrolán

17 e 18 de decembro
A Mostra de Curtametraxes do Ateneo Ferrolán, que comezou a súa andaina en 2001, chega á súa XV edición en Ferrol os días xoves 17 e venres 18 no salón de actos do Ateneo, en sesión continua e con entrada libre, entre as 19.00 e as 21.00 horas.

Amosaranse os mellores traballos producidos durante o último ano no xénero, entre eles as curtas de realizadores galegos como "Véndese. Baixo prezo. Pouco uso" de J.A. Blanco, ou "reStart" de Olga Osorio.


A mostra presta especial atención aos autores da comarca na sesión do venres, co pase de traballos que van desde o xénero documental, coa curta "Vivir no Adriano" de Pitusa Arias, até dramas como "Consciente" de Juanpa Ameneiros, ou a comedia de tinte político como "Elección a la fuga", realizada por alumnos do IES Terra de Trasancos de Narón.

Como lembranza do que foron estas xornadas ao longo destes quince anos de andadura dicir que na nosa programación priman as curtas galegas e en galego pero que tamén damos paso para coñecer outros autores a nivel internacional.

O obxectivo é dar a coñecer a un público amplo a calidade e variedade deste tipo de producións audiovisuais. Estas xornadas están a converterse nun referente, por ser un esforzo realizado para divulgar a produción de curtametraxes que en moitos casos fican agochadas ou inaccesibles para o gran público.


Programa seleccionadas días 17 e 18: 







Presentación do libro “Todos con Vigo: mobilización obreira e folga xeral (1962-1972)”. Mércores 16 ás 19,30 h.

Presentación do libro
“Todos con Vigo: mobilización obreira e folga xeral (1962-1972)” co seu autor Isidro Román Lago. O mércores 16 de decembro ás 19,30 h. no salón de actos do Ateneo Ferrolán

Dende o noso punto de vista na Folga Xeral de 1972 cristalizan en Vigo todas as experiencias de loita, de debate interno, de agrupamento e segregación que o movemento obreiro vigués viña de desenvolver dende 1962. Isto é, os sucesivos episodios de moiblización e reagrupamento desembocan na gran moblización de 1972.

Editado pola Fundación Sindical Edelmiro Otero Calvo

Ateneo Ferrolán, 16 de decembro de 2015

Exposición "10 anos de historia filispiniana". Xoves 10 ás 20 h.


O Colectivo Opaii-Rádio FilispiM continúa cos actos de celebración do 10º aniversario das emisións de Rádio FilispiM, libre e comunitaria que emite dende Ferrol.

Este xoves 10 de decembro, na sala de exposicións do Ateneo Ferrolán (R/Madalena, 202-204), ás 20h., inauguramos a Exposición "10 anos de historia filispiniana".

Estades convidad@s.

A prehistoria do Colectivo OPAÍÍ-Rádio FilispiM remóntase á desaparecida emisora universitaria Radio Kaos. Tras o verán de 2003, algunhas voces que xa participaran da mencionada experiencia sentían a necesidade de volver ás ondas e outras persoas interesáronse na idea. Após varias asembleas en locais de ocio, o 28 de novembro de 2003 fixeron un primeiro chamamento aberto á cidadanía para presentar esta iniciativa de crear unha nova emisora. Desta vez sería un medio libre, independente das institucións oficiais, e ao servizo da comunidade. A denominación debía ser claramente ferrolá, tanto para o colectivo como para a emisora.

Tras esa data no Ateneo Ferrolán, o proxecto de Rádio FilispiM participou en decembro no Foro Negro nunha mesa de traballo xunto a Piratona, Kalimera e outros medios de contrainformación. Nun período de gran actividade contra-informativa en Galiza e o Estado, o colectivo realizaba unha asamblea tras outra. Debatía ideas, obxectivos e estatutos, organizou a asamblea de constitución dos principios de ReGARLIC (rede galega de radios libres e comunitarias) e plantexaba iniciativas de recadación para adquirir o equipamento técnico. Entre as realizadas, a edición dun fancine, ciclos de cinema, festas varias, a confección e venda dun par de CDs compilatorios de grupos e solistas da comarca e, sobor de todo, un exitoso I Festival Conspirando por umha Rádio Livre na semana santa de 2004. Conseguidos os cartos, a emisora comeza emitir en probas desde o Ateneo Ferrolán, nun “metro cuadrado” rehabilitado no verán de 2005. "A nossa história facémola nós” da Matraca Perversa é a primeira canción que soa no 93.0 da FM o 27 de agosto de 2005.

Coa intención de ter presenza alén das ondas, comezan unhas sesión vermú que se manteñen na actualidade con periodicidade, teñen lugar varias edicións do festival Conspirando e últimamente a radio desprázase no Filispim Vai a diversos locais da comarca. E se falamos de desprazamentos, Rádio FilispiM viviu dúas mudanzas. No dial, móvese ao actual 93.9 da FM o 15 de decembro de 2006 pola “concesión legal” do 93.0 a unha radio privada. Na ubicación física, o inicio das obras de rehabilitación do Ateneo Ferrolán en xuño de 2010 fan necesario o cambio de local e, pasado o verán, as ondas filispinianas volven ao ar desde a súa actual ubicación na traseira do Mercado de Caranza.

Nestes 10 anos de existencia, moitas voces e propostas chegaron, participaron, resistiron, saíron e regresaron, sempre achegando novos folgos e pluralidade a esta experiencia. Rádio FilispiM segue aí, libre e comunitaria, chamando ao teu interese, á túa participación, á túa achega.



OPAII-Rádio FilispiM [93.9 FM]
A rádio livre e comunitária da Comarca de Trasancos emitindo desde Ferrol.
E-mail: filispina@gmail.com
Direcçom Postal: 
Avda. Castelao S/N [Traseira do Mercado de Caranza], CP. 15406 Ferrol [A Corunha]

Convocatoria Asemblea Xeral Ordinaria. Xoves 21 de xaneiro ás 19,30 h.

Ferrol 3 de decembro de 2015


CONVOCATORIA ASEMBLEA XERAL ORDINARIA


Benquerido socio e socia:


Por medio da presente convocámoste á Asemblea Xeral Ordinaria que se celebrará no Salón de Actos do Ateneo, o xoves día 21 de xaneiro de 2016 ás 19,30 horas en primeira convocatoria e ás 20 horas en segunda, coa seguinte

ORDE DO DÍA

1.- Lectura e aprobación da Acta da Asemblea Xeral anterior.
2.- Informe de xestión da Xunta Directiva saínte.
3.- Informe económico da Xunta Directiva saínte
4.- Rogos e preguntas
5.- Elección da nova Xunta Directiva

O proceso electoral rexerase polo establecido no Capítulo XI dos Estatutos segundo o seguinte calendario:

           4 de decembro - Convocatoria de Eleccións

9 de decembro - Último día para posible impugnación da Convocatoria de Eleccións

11 de decembro- Último día para Constitución da Mesa Electoral

21 de decembro - Inicio prazo para presentación de Candidaturas

28 de decembro - Último día para presentación de Candidaturas

4 de xaneiro - Proclamación de Candidaturas

8 de xaneiro- Inicio da Campaña Electoral

21 de xaneiro - - Celebración da Asemblea Xeral
- Elección da nova Xunta Directiva

No período da Campaña Electoral (entre os días 8 e 20 de xaneiro) tódalas candidaturas poderán utiliza-lo Censo de Socios/as, así como dispoñer das dependencias do Ateneo Ferrolán para desenvolve-la súa campaña.

Sen máis e agardando a túa asistencia, recibe un cordial saúdo,




Asdo.- Eliseo Fernández Fernández
Presidente


Venres día 4 de decembro ás 20 h. 
no salón de actos do Ateneo Ferrolán 
Entrada libre.

Conferencia impartida por José Manuel Yáñez Rodríguez 
baixo o título xenérico de: 

"Caaveiro e as Fragas a través dá mirada de dous ferroláns: Genaro Pérez Villamil e Francisco Solines".
 
Organiza: Club de Prensa de Ferrol

José Manuel Yáñez realizou a súa teses de doutoramento sobre San Juan de Caaveiro: un mosteiro entre a natureza e podemos asegurar que a posterior publicación desa teses é un libro de referencia para todos aqueles que desexen saber máis sobre a creación deste emblemático mosteiro e todo ou que representa. Vémonos no Ateneo!

Related Posts with Thumbnails