Buscar neste blog

09 setembro 2008

Aberto o prazo de presentación de propostas de programas, para a grella 2008/2009 de Rádio FilispiM, 93.9 FM


A radio libre e comunitaria da Terra de Trasancos, que emite dende Ferrol, quenta xa os seus motores dende o 93.9 da FM.
Como medio comunitario que son, poñen ao voso dispor os espazos da grella de Rádio FilispiM, especialmente aos diversos colectivos e asociacións do noso ámbito.
Se cadra, a vosa voz, as vosas inquedanzas, xa foron amplificadas polas “ondas filispinas” en pasadas programacións, polo que xa os coñecedes. Mais, queremos achegarvos a aqueles colectivos de veciñanza, culturais, sociais, da mocidade… que aínda non formar parte do Colectivo Opaíí! e a propia Rádio FilispiM. A que esperades? Animáros a respostar a este convite para concretar como podería, a vosa voz, estar presente na grella.
Existen diversas fórmulas:
  • Realizando o programa dende os nosos estudios, en directo, con posibilidades de gravalo e redifundilo durante a semana.
  • Editando dende a vosa casa, ou local, audios con novas verbo das actividades e reivindicacións do voso colectivo ou asociación, achegándonos eses audios para nós incluilas nos programas e mesmo nos informativos da radio.
A primeira barreira con que se atopan algunhas persoas interesadas en incorporarse a Rádio FilsipiM, é o medo a non saber utilizar os equipos técnicos. Animámosvos a superar eses atrancos realizando pequenas prácticas c@s filispin@os, no propio estudio da Rádio FilispiM. O funcionamento dos nosos equipos (mesas misturas, ...) é moi intuitivo. Gañarás confianza con certas prácticas e a súa axuda.
Outra das éivas, é pensar que non tedes nada que dicir, ou que no primeiro programa o teredes dito todo. Isto non é certo. Un programa de radio non é un discurso, nen un feixe concentrado de información. @s filispin@s, axudaranvos a canalizar e racionalizar radiofónicamente todo ilo, que sabemos tedes que dicir, con pequenas guías e suxerencias.
Como sabedes, o Colectivo Opaíí!-Rádio FilispiM, ten sé no Ateneo Ferrolán, quen os acolle nas súas instalacións dende o seu berce como colectivo, no ano 2004.
A radio está enmarcada dentro do terceiro sector da comunicación: radios libres e comunitarias.
Non emiten ningún tipo de publicidade nen dependen de ningún grupo de poder (económico ou político).
As súas actividades están, maiormente, financiadas por eles mesmos, ao través das pequenas cotas de soci@s.
Podes saber máis del@s visitanto a súa web www.opaii.blogspot.com. A nova programación de Rádio FilispiM, 93.9 FM, está a piques de comezar! Apóntate dende xa!

O prazo para a recepción de solicitudes remata o 30 de setembro de 2008. Escribídenos a: filispina@gmail.com, enviando a vosa proposta de programa radiofónico, ou solicitando máis info.
Non deixesdes de ser curios@s, séde filispin@s!
Entrementres, moi boa onda!
Colectivo Opaíí!–Rádio FilispiM, 93.9 FM.
Asociación Cultural.
A primeira voz comunitaria da Terra de Trasancos – Ferrol.

Ningún comentario: