Centenario de Hildegart. Congreso e actos de homenaxe.




O Ateneo Ferrolán conmemorará o centenario de Hildegart 
cun Congreso e actos de homenaxe.

O 9 de decembro de 1914 nacía en Madrid Hildegart Rodríguez Carballeira. Filla da ferrolá Aurora Rodríguez Carballeira, Hildegart foi un importante personaxe da cultura e da política até o ano da súa morte en 1933. Publicou unha decena de libros e foi colaboradora de publicacións periódicas como “Renovación”, “El Socialista”, “Orto” e “La Tierra”, ademáis de directiva das Juventudes Socialistas e da Liga para la Reforma Sexual. Estivo en contacto con importantes personaxes da época como Havelock Ellis, H.G. Wells ou Gregorio Marañón. A súa vida e a súa tráxica morte a mans da súa nai, en decembro de 1933 (cando só contaba 19 anos), fixeron dela un personaxe recreado en novelas, obras de teatro e mesmo filmes, ademáis de investigacións históricas.
Cen anos despois do seu nacemento, o Ateneo Ferrolán considerou preciso convocar un Congreso arredor de Hildegart Rodríguez Carballeira, para lembrar a súa figura dende diversas facianas: ao tempo que tentar encadrar o seu pensamento no eido da sexualidade e da crítica de esquerdas á II República, o Congreso quere recuperar tamén a memoria das mulleres e dos colectivos femininos da súa xeración. O Congreso, ao que as investigadoras e investigadores poderán presentar as súas propostas até o 15 de setembro, vaise celebrar en Ferrol nos días 6 a 8 de decembro.
Ao tempo, nos días da celebración do Congreso, vanse facer dúas exposicións (unha biográfica e a outra bibliográfica) e realizaranse actividades culturais relacionadas coa figura de Hildegart, para concluir cun acto de homenaxe á malograda pensadora e activista social do primeiro tercio do século XX.
O Congreso conta cunha páxina web que está poñéndose en marcha en http://congresohildegart.ateneoferrolan.org/ e na que se van colocar informacións sobre o Congreso e materiais que acerquen ao público a figura de Hildegart Rodríguez Carballeira.

0 comentarios :

Related Posts with Thumbnails